Sábado 27 Abril 2024

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) leva máis de 20 anos escavando e investigando un xacemento arqueolóxico de hai 3.500 anos situado en Luxor (Exipto) no denominado proxecto Djehuty. No último lustro, o equipo recibiu o apoio do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), contribuíndo e facilitando a súa tarefa de investigación.

O proxecto Djehuty

O exiptólogo José Manuel Galán é o director da investigación que está levando a cabo na antiga cidade de Tebas, hoxe Luxor. Neste lugar está situado un conxunto de monumentos funerarios e soterramentos de individuos de clase media e alta, no outeiro de Dra Abu el-Naga. Este outeiro elévase xusto enfronte do templo de Amón-Ra en Karnak, o santuario máis importante do momento en Tebas. A súa situación debeu dotar o outeiro dun marcado simbolismo funerario, polo que Dra Abu el-Naga se converteu nun lugar idóneo para que altos dignitarios con recursos construíran os seus sepulcros.

Publicidade

Este proxecto comezou a desenvolverse en 2002, centrándose principalmente en dous monumentos funerarios rupestres decorados en relevo arredor do ano 1500 a.C. “O obxectivo inicial era traballar en dúas tumbas que xa estaban descubertas, pero que nunca se escavaran. Pertencían a dous altos funcionarios, Djehuty, que deu nome ao proxecto ao ser o sepulcro máis grande, e Hery. O peculiar, alén de ser moi fermosas e contar con relevos que contan a vida dos personaxes e as súas crenzas relixiosas, é que ambos desenvolveron as súas carreiras profesionais baixo o goberno de dúas mulleres, a raíña Hatshepsut e Ahhotep, nai do rei do momento, respectivamente. Son dous casos peculiares porque, a pesar de que era unha civilización machista como o foron todas ata o momento, presumiron de servir a estas mulleres. Nos seus monumentos funerarios salientan os seus servizos a elas”, explica José Manuel Galán, exiptólogo e director do proxecto Djehuty.

O xardín atopado durante as escavacións (Crédito: proyectodjehuty.com)

A escavación arredor de ambos sepulcros, abertos ao público desde o ano pasado, sacou á luz soterramentos desde o 2000 a.C. ata a época romana. Así, o equipo puido trazar unha evolución das prácticas funerarias e estilos artísticos, así como de aspectos da vida cotiá e da cultura do Antigo Exipto, tal e como relata o director da investigación: “O xacemento converteuse nunha pequena xanela que nos permite ver a historia da propia necrópole, mais tamén da sociedade e da cidade de Tebas. Un dos descubrimentos máis singulares é un xardín que descubrimos en 2017 na entrada dunha das tumbas exteriores. É un xardín funerario feito de barro e adobe dividido nunha cuadrícula na cal se conservaban en bo estado as sementes que alí se plantaron no ano 4000 a.C. Atopamos coandro, unha especie de melón que non é doce, flores, o tronco dunha árbore aínda en pé. É excepcional porque nunca se atopara un xardín na necrópole. Desde o meu punto de vista, como exiptólogo, tamén me emocionou moito descubrir a cámara de Djehuty, enteiramente escrita con pasaxes do Libro dos Mortos nas súas versións máis antigas. Dentro dos diversos obxectos atopados hai lousas de escola, ramos de flores, arcos e frechas e, por suposto, ataúdes con momias dentro”.

As campañas arqueolóxicas anuais teñen lugar durante seis semanas, durante os meses de xaneiro e febreiro, e o resto do ano realízanse traballos de análise, estudo de materiais achados, informes, publicación de artigos e conferencias. O xacemento ten unha extensión de case 10.000 m² e ao longo de cada unha das campañas realizadas foron aparecendo numerosas estruturas talladas na rocha do outeiro ou construídas en adobe así como obxectos materiais, polo que a xestión desta gran cantidade de información convértese nun punto crucial para a investigación.

O papel do CESGA

Esta colaboración entre o CSIC e o CESGA xorde precisamente da necesidade de dispoñer de ferramentas tecnolóxicas para o rexistro e curación dos datos derivados da escavación, así como o almacenamento e custodia do coñecemento xerado. “A idea é que poida facerse un rexistro correcto da información, que ademais está xeorreferenciada. Esta almacénase nun repositorio seguro ao que pode acceder todo o persoal involucrado na investigación. Así, fotometrías, fotografías, planos e demais están dispoñibles en liña para poder ser consultadas en calquera das áreas de investigación que se están desenvolvendo (momias animais, momias humanas, tecidos, cerámicas, etc.)”, explica Emilio Abad, técnico e arqueólogo do CESGA. Ademais, sinala a relevancia de poder contribuír desde Galicia a unha investigación dirixida por “José Manuel Galán, sendo o seu un dos grupos máis importantes dentro de España e un dos referentes na exiptoloxía mundial”.

“A nosa escavación é moi complexa e para nós é moi importante situar os achados no espazo tridimensional, porque en moitos casos as relacións entre os obxectos e as estruturas só son visibles a posteriori. A nosa zona foi saqueada tanto en época antiga como moderna, polo que hai fragmentos de obxectos que atopamos a distintas alturas. Se cada estrutura está xeorreferenciada, despois no ordenador temos un modelo 3D co cal entender como ocorreron as cousas. O problema que ten a arqueoloxía é que é unha actividade destrutiva: a medida que vas escavando, vas destruíndo as probas dalgunha maneira. O que non documentes ben acaba por perderse; é como a escena dun crime. Cando entramos en contacto co CESGA e en concreto con Emilio Abad, abríusenos a posibilidade de ir máis aló do que se fai habitualmente”, manifesta Galán.

Desde ambas entidades quixeron dar a coñecer as posibilidades arredor desta colaboración, polo que celebraron unha conferencia en Santiago de Compostela baixo o título Que raios pinta un centro de supercomputación galego nun xacemento arqueolóxico exipcio de hai 3.500 anos?. A esta pregunta, Abad responde que “a supercomputación e o cálculo cuántico quizais sexan as actividades máis coñecidas do CESGA, polo que tamén nos interesaba dar a coñecer outros aspectos que teñen unha gran importancia neste sector da investigación. Podemos establecer novas relacións con outros grupos, que vexan no CESGA un posible recurso ao que acudir”.

Así, o técnico e arqueólogo da institución galega sinala que especialmente nas investigacións propias das ciencias sociais e humanidades hai unha menor accesibilidade a recursos como os que pode proporcionar o CESGA, motivo polo cal “xa vimos traballando desde hai nos con equipos do CSIC, da Universidade de Santiago de Compostela ou da Universidade de Vigo, facendo de soporte tecnolóxico fundamental”.

O futuro da investigación

Neste sentido, Emilio Abad apunta a novas vías que poden abrirse no campo da investigación, fomentando a colaboración entre unha institución altamente técnica como é o CESGA con proxectos doutras áreas. “Podemos aplicar a tecnoloxía para o recoñecemento de imaxes ou incluso para a identificación de xacementos grazas á fotografía aérea. No caso do proxecto Djehuty, quizais pode parecer moi afastado, mais poderiamos aplicar a intelixencia artificial para ler xeroglíficos que non están en bo estado de conservación. Debemos fomentar novas liñas de investigación arredor destas tecnoloxías incipientes”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia