A misión da enxeñaría é resolver problemas e, deste xeito, mellorando a vida das persoas e da sociedade. Para este fin, créanse e desenvólvense ferramentas, servizos e produtos tecnolóxicos. No caso da telecomunicación, as tecnoloxías nacen para unir, achegar, poñer en contacto persoas e servizos, utilidades e desenvolver todo tipo de produtos que promovan nun mundo conectado a mellora das condicións de vida das persoas.
O nivel de desenvolvemento acadado pola tecnoloxía nos últimos 25 anos, en tódalas áreas, fai supoñer un crecemento aínda maior na vindeira década facendo realidade proxectos espectaculares que superen retos en calquera ámbito da enxeñaría.
Vemos, por exemplo, no sector das telecomunicacións a modificación no comportamento social e persoal da maior parte da humanidade do que chamamos mundo desenvolvido. As comunicacións a distancia, en liña, mediante mensaxes, a necesidade de enviar a todo momento información de todo tipo, a forma de viaxar (incluso os destinos), o xeito de comportarnos en relación aos outros fai que a socialización de moitas persoas, a relación con amigos e compañeiros, e ata na contorna familiar mudaron totalmente en poucos anos. A facilidade de verse na distancia, a posibilidade de falar, recibir información de múltiples lugares en todo momento trae, din os sociólogos, unha modificación das condutas. E esta sensación de estar máis preto dos que están lonxe agocha unha soidade cada vez máis grande na poboación. Persoas maiores e mozas comparten situacións de afastamento, problemas emocionais e psicolóxicos que nos advirten de problemas e enfermidades mentais agudizadas.
Dende o teletraballo ata o GPS
No eido laboral, en moitas profesións o modelo de traballo a distancia, a xestión de reunións e grupos con localizacións distintas incorpora unha chea de cambios nun tempo récord, sen poder valorar nin reflexionar se, acompañando ás vantaxes, chegan consecuencias non desexables e, sobre todo, se son evitables. As posibilidades de conciliación persoal que ofrece o teletraballo coa flexibilidade horaria no posto de traballo inciden nunha mellora da autoxestión do tempo persoal e laboral que axuda e moito nas diferentes etapas das persoas. Con todo, a realidade amosa que aprendizaxe da autoxestión de axendas e horarios, o control dende as empresas empregadoras, e todo a contorna ten que mudar para non facer sentir á persoa que está sobredemandada ou controlada coas tecnoloxías que mudan nese senso tamén.
Non podemos deixar a lingua e a cultura no ámbito familiar, non podemos, como sociedade, permitir contidos só en linguas estranxeiras
Sorprenden, cada día, os avances en diagnóstico médico (analíticas sinxelas, imaxes con diferentes sistemas non invasivos, telemedicina…) facéndoo mais preciso e seguro así como a particularización para cada paciente. A realidade aquí afainos a coñecer melloras nas liñas de investigación de tódalas áreas biomédicas cada día polos medios. Sería ridículo pensar que neste proceso de enfermidade, diagnóstico e curación non seguise sendo fundamental o persoal do equipo médico, cada vez mais multidisciplinar e complexo pero sempre tratando de preto á persoa coa patoloxía.
A facilidade para chegar a un lugar por primeira vez que nos da un GPS e un bo mapa conectado nunha aplicación no móbil que portamos no peto ten que vir acompañada dunha base de datos de nomes de pobos e cidades precisos e claros. Non podemos perder a nomenclatura orixinal por traducións descoidadas pola globalización onde o barato prima por riba da tradición, por exemplo. A tecnoloxía ten a capacidade, ben demostrada, de poder cambiar de idioma, ter a precisión de nomear cada barrio, cada aldea co nome oficial sen que perdamos ese valor que a lingua ten no sitio.
A globalización e a fenda dixital, os grandes riscos
A globalización, axudada polas tecnoloxías, achega un mercado inmenso onde a compra compulsiva e a creación de necesidades inexistentes lévannos a un consumo insostible (a nivel individual en moitos casos e imposible de xeito conxunto). Temos, ademais, unha mobilización de recursos con récord de investimento en transportes que axudan mais aínda ao quecemento global, á desigualdade social e ao empobrecemento local. Estamos a ver un esquecemento do comercio próximo, o peche de locais tradicionais. Os cambios na alimentación afástanse das liñas saudables que supoñía o consumo ligado á estación do ano, esquecemos tradición e coñecemento de séculos en contra da saúde.
A fenda dixital entre xeracións agrávase pola falta de formación nos maiores pero tamén, polo afastamento dun mundo tecnolóxico non amable para eles, que utiliza unha linguaxe chea de neoloxismos e palabras estranxeiras, onde o de preto, a tradición, os valores e a propia lingua non está presente.
Non son as tecnoloxías as que crean un mundo cada vez mais desigual, senón o abandono dos valores e da conciencia da sociedade
Por outra banda, os máis novos utilizan cada vez menos o galego, medrando nun mundo onde as tecnoloxías falan nun inglés cheo de novos termos propios dese mundo globalizado. A separación entre xeracións aumenta e a perda de valores, tradición e cultura ligadas fondamente ao idioma medra. É aí, nese punto, onde podemos ver que son esas mesmas tecnoloxías as que poden poñer solución. A rapidez dos algoritmos, o manexo intelixente dos datos, a chamada intelixencia artificial e os recursos cada vez máis estendidos poden parar o problema. Non hai escusas de capacidade de cálculo para a utilización axeitada da información, a capacidade tecnolóxica non é barreira para dispor de dispositivos e aplicacións desenvoltas en galego a tódolos niveis. Non hai razón algunha para que os mapas non estean no idioma do pobo ao que fan referencia, e mais aínda, na grafía propia da lingua correspondente.
Os nesgos das persoas tamén chegan á IA
A chamada intelixencia artificial non ten, por si mesma, nesgo algún nin de xénero, nin de raza ou condición. Son os datos, os exemplos, as tendencias coas que se alimenta dita liña de procesamento de información a que pode manipular ou indicar o camiño a seguir, usándoos de forma non axeitada ou ecuánime. Sabemos ben que non son as tecnoloxías as que crean un mundo cada vez mais desigual, senón o abandono dos valores e da conciencia da sociedade e cada unha das persoas que a compoñen, poñendo en mans de compañías con ánimo de lucro toda a xestión destas tecnoloxías.
Non podemos deixar a lingua e a cultura no ámbito familiar, non podemos, como sociedade, permitir contidos só en linguas estranxeiras, pola forza do mercado globalizado. A responsabilidade do uso da tecnoloxía é de cada persoa e da sociedade no seu conxunto. Non podemos deixarnos levar pasivamente actuando dun xeito irreflexivo como parte da cadea, debemos formarnos e axudar nesa concienciación para que a legalidade se cumpra, a defensa dos valores se exerza e coidar do noso patrimonio inmaterial tan valioso: a cultura e a lingua, tamén da man da tecnoloxía.