Galicia lidera unha agrupación internacional para crear robots autónomos e “máis humanos”

O CITIC da UDC marca o rumbo deste desenvolvemento que terá aplicación en sectores coma o agroalimentario, o educativo, a produción industrial e o comercio

Membros do consorcio durante unha reunión no CITIC | Cedida
Membros do consorcio durante unha reunión no CITIC | Cedida

Crear robots máis autónomos que resolvan situacións reais no sector agroalimentario, no entretemento educativo, no campo da produción industrial non estruturada e no comercio. Este é o obxectivo principal do proxecto PILLAR-Robots (Purposeful Intrinsically motivated Lifelong Learning Autonomous Robots), un consorcio internacional liderado desde o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, nacido ao abeiro do programa Horizonte Europa, que conta cun orzamento total de preto de cinco millóns de euros, dos cales repercutirán no CITIC máis dun millón.

Aplicando sistemas de Intelixencia Artificial

PILLAR-Robots busca desenvolver unha nova xeración de robots dotados dun maior nivel de autonomía. Estes robots, segundo explica o investigador principal do consorcio, Richard Duro, “poderán determinar os seus propios obxectivos e establecer as súas propias estratexias, aproveitando creativamente a experiencia adquirida durante a súa vida para satisfacer os desexos dos seus deseñadores (usuarios humanos en aplicacións da vida real). Con este fin, o proxecto porá en práctica o concepto de propósito, extraído das ciencias cognitivas, para aumentar a autonomía e a independencia do dominio dos robots durante a aprendizaxe”.

Os propósitos guiarán a adquisición de coñecementos e habilidades que son realmente relevantes para operar en situacións reais. En particular, o proxecto desenvolverá, por unha banda, algoritmos para a adquisición de propósitos, co obxecto de sesgar os sistemas de percepción, motivacionais e de decisión da arquitectura cognitiva desenvolvida para os robots cara a eses propósitos. Pola outra, busca establecer estratexias para a aprendizaxe autónoma de representacións, habilidades e modelos que permitirán as decisións que eventualmente leven a alcanzar propósito. Isto inclúe decisións sobre o que hai que aprender e en que secuencia.

“Así, PILLAR-Robots”, asegura o investigador do CITIC, “porá en práctica e validará demostradores da chamada aprendizaxe aberta (en situacións non previstas durante o deseño dos robots) utilizando a arquitectura cognitiva intrinsecamente motivada que se desenvolverá durante o proxecto e todas as estratexias adicionais relacionadas co propósito. Estas implementacións realizaranse en tres campos de aplicación diferentes, caracterizados por distintos tipos e niveis de variabilidade e incerteza: o agroalimentario, o do entretemento educativo e no campo da produción industrial non estruturada e o do comercio”.

Investigación de vangarda en Europa

Para a realización deste traballo creouse un consorcio liderado polo Grupo Integrado de Ingeniería (GII), que dirixe Richard Duro, como parte dun equipo do CITIC da UDC e no que colaboran equipos de gran prestixio do CNR (Consiglio Nazionale delle Ricerche) italiano, a Universidade de La Sorbona de París, o centro de investigación Athina de Atenas, AI2Life SRL, empresa especializada en aplicacións de Intelixencia Artificial italiana e PAL Robotics, un dos grandes fabricantes de robots de servizo de Europa, situado en España.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.