Xoves 25 Abril 2024

A carrilana, a chave e a billarda: os mil e un xogos do patrimonio lúdico galego

Galicia destaca pola súa riqueza á hora do lecer; os xogos son os mesmos, pero os seus nomes e regras varían alá onde vaias

O aro, a mariola, as chapas, a carrilana, o pulso, a chave, os bolos, a billarda, o pilla… Ti poderías completar a lista sen demasiado esforzo. Tanto en número de xogos como no seu nivel de preservación e vixencia, o patrimonio lúdico de Galicia é un dos máis ricos da península ibérica. Segundo investigadores como Moreno Palos, aparece só despois do País Vasco e Navarra. O esforzo de entidades como a Asociación Galega de Xogos Populares e Tradicionais (AGXPT) é fundamental para súa a preservación: deles, dos seus nomes e das súas normas, diferentes alá onde vaias.

A existencia dos xogos está en relación coas necesidades de cada comunidade e dos recursos que estean á súa man. De tódolos xeitos, “en case todas partes se xoga a case todo”, asevera o tesoreiro da AGXPT, Paco Veiga. Así o exemplifica: “Á billarda xógase en calquera parte do mundo onde haxa dous paus. Porque é un xogo que nace naturalmente: alguén experimenta o que pasa ao darlle a un pau con outro e as regras vanse facendo paso a paso”.

Publicidade

Depende de a zona da que sexas, coñecerás a mariola dunha ou outra forma: estornela, cachiza, pincha, pateiro, palito…

Tras máis de 500 actividades de divulgación, aínda non atoparon un lugar onde non se coñecese un xogo. Unha das anomalías é a porca —consiste en defender un burato e meter unha bola nel—, un pasatempo que é máis propio do sur que do norte. Pero este exemplo, ao que se considera antecedente do hockey ou do golf, só é a excepción que confirma a regra.

“O popular é un xogo popularizado, veña ou non da noite dos tempos. Un xogo tradicional é un xogo que vén da noite dos tempos”, explica Pepe Veiga. O xadrez, por exemplo, sería un xogo popular, pero non tradicional. “Imaxina algunha modalidade das agachadas que se xoga cunha botella de plástico; ese material obviamente non o había antes” —resalta o tesoreiro—, así que nese caso estaríamos falando dun popular e non tradicional. Para escapar destas “disquisicións teóricas”, axeitadas para ler a realidade, prefiren falar de patrimonio lúdico.

Xógase diferente, chámase diferente

Pese a que en todas as partes se coñezan todos os xogos, non en todos os sitios se xoga igual. Ou se lles chama igual. Sucede coa billarda, o nome máis estendido para un xogo que consiste no lanzamento dun pau, que sería a mesma billarda. Depende da zona da que sexas, coñeceralo dunha ou outra forma: estornela, cachiza, pincha, pateiro, palito e así ata contar 18 denominacións diferentes, segundo recolleu Rosario Álvarez en Patrimonio cultural europeo. Denominacións galegas do xogo da billarda. A mariola tamén adopta nomes diferentes. Chámasalle descanso, paletra, peletre, trúquel, tella ou mundo, entre outras.

Mapa das denominacións da billarda elaborado por Rosario Álvarez para o seu estudo Patrimonio cultural europeo. Denominacións galegas do xogo da billarda.

O caso de billarda é particular, posto que foi recoñecida como deporte pola Xunta desde o 2020. En Galicia había mil regras e a Liga Nacional de Billarda —”intelixentemente”, di Veiga—  loitou por estandarizalas. “Iso ten un perigo e unha virtude. A virtude é que o xogo se pode recuperar e o perigo, que as regras zonais poden perderse”, expón o tesoureiro da AGXPT, que considera que o segundo é “un pequeno atentado contra a cultura”. Outras iniciativas atopan un equilibrio entre ambas cuestións: “Os birlos de Lugo son un modelo a seguir porque teñen regras comúns para practicarse, como unha competición, pero respectan as regras zonais. Ti vas a unha determinada parroquia e xogas ao estilo de alí”.

Dificultade para xogar

O labor de preservación que desenvolve a AGXPT lévase a cabo a través dun proceso de investigación, compilación e divulgación. Esta última labor, aparte do traballo de campo propiamente dito, artéllase a través do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, do que forman parte xunto a decenas de asociacións; algunhas de carácter máis global e outras dedicadas á preservación e difusión dun xogo específico. “Uns necesitamos dos outros. Nós precisamos dalguén que saiba xogar de verdade. Un equipo de xogadores da chave ao mellor necesita alguén ao lado que teña deseñada unha estratexia máis global”, defende Veiga. A súa web é xa un repositorio de recursos único, con acceso a material documental, unha ampla rede de contactos e materiais propios, como unha aplicación que xa compila máis de 50 xogos e pretende chegar ata os 150.

“A primeira circunstancia sobre a perda de espazos de xogos é o despoboamento do medio rural. Outra cuestión é o desmantelamento da identidade dos barrios das cidades”

PACO VEIGA, membro da AGXPT

Esa app etiqueta os xogos por idades en base a unha clasificación que ten en conta as diferentes etapas vitais. “Todos os xogos valen para todos os momentos. Non podes subir a un rapaz de dous anos a uns zancos de adultos. Pero en ningunha etapa o xogo desaparece”, expón Veiga. A primeira, ata os tres anos, está destinada aos xogos funcionais, cando se xoga a aprender a andar, por exemplo. Despois é turno do xogo simbólico, o que imita actividades adultas. Entre os seis e os sete anos, empezan os xogos de regras, aqueles que “xa son proxectos de xogos en común”, califica Veiga. Estes anteceden a un momento de ocio predeportivo na adolescencia e a outros ben diferentes na idade adulta e na vellez.

A transformación do uso espazos rurais e urbanos é unha condición que, ás veces, obstaculiza o xogo. “A primeira circunstancia é o despoboamento do medio rural. Se non hai xente, non hai cultura e tampouco hai xogos. O medio rural foi o berce de moitos xogos. Outra cuestión é o desmantelamento da identidade dos barrios das cidades; e outra os tempos que nos tocou vivir, nos que a infancia está súper especializado nos traballos escolares e non se está reservando nos seus espazos para algo tan elemental como xogar”, expón este membro da AGXPT.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Samaín, unha festa galega: “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende centos de anos”

Moitos costumes desta celebración asócianse á tradición americana, con todo, teñen a súa orixe na cultura celta e en Galicia

O ‘efecto Tanxugueiras’, a estudo: “As reivindicacións das mulleres son máis serias que as dos homes”

A xornalista e filósofa Rebeca Baceiredo presentará en Texas a súa investigación sobre autorepresentación da identidade na música galega actual

‘Habelas hainas’: lendas, ritos e tradicións de San Xoán

A partir da medianoite do próximo venres, as cacheiras iluminarán Galicia para celebrar o novo ano solar na noite máis mística do ano

Os hórreos, candidatos a converterse en patrimonio inmaterial

Varias asociacións culturais de Galicia, Asturias, León, Cantabria, País Vasco, Navarra...