A roupa colgando dunha embarcación que está apoiada nunha rocha. Un home mirando algo que ten nas súas mans. Todo en branco e negro. O fotógrafo húngaro-español Nicolás Muller, comprometido, sutil, lúcido, amosa nas súas instantáneas a realidade galega da segunda metade do século XX. Agora, unha exposición do Museo do Mar en Vigo mostra esta e outras tantas imaxes capturadas polo artista.
“Nicolás Muller en Galicia” recolle unha colección de 50 imaxes, 34 delas inéditas. En total, o fotógrafo tirou ata 700 instantáneas nas súas viaxes á comunidade. A exposición tamén contextualiza a figura do autor desde unha óptica actual.
Muller naceu no ano 1913 en Orosháza, unha vila duns 25.000 habitantes no Imperio austrohúngaro. De familia xudía, Muller sufriu xa de neno a violencia do antisemitismo. Cando tiña 13 anos, recibiu unha cámara como regalo polo seu Bar Mitzvah: unha ICA 6×9 que funcionaba con placas.

Pronto comezou a construír o seu estilo, moi influenciado pola escola Bauhaus e polo construtivismo soviético. Aínda que apaixonado desde neno pola fotografía, Muller estudou Dereito e Ciencias Políticas. Fíxoo para seguir a liña do seu pai, avogado e banqueiro.
Os seus primeiros traballos foron considerados antipatrióticos por parte da dereita húngara. Tras a invasión deste territorio por parte da Alemaña Nazi recibiu unha chamada do seu pai, que lle pedía que marchase do país. Despois dun tempo en Francia, Portugal e Tánger, múdase a España, lugar onde co paso dos anos adquiriría a nacionalidade.
O artista percorreu, especialmente entre os anos cincuenta e setenta, o país coa súa cámara. Por ese camiño, capturou a Galicia traballadora, ás mulleres e tamén aos nenos. Fíxoo tras un encargo da editorial Clave, que lle pedira instantáneas para unha serie de libros que debían mostrar unha imaxe moderna de España. O obxectivo era romper ese illamento no que se atopaba o país e tornalo atractivo para o turismo e o investimento estranxeiro. El mantivo a súa mirada humanista.
Un retrato da Galicia máis humilde

O fotógrafo transmite nas súas imaxes a vida cotiá, pero sen espectacularidade, sempre con moita austeridade. Muller busca a humanidade nas pequenas cousas, desde os nenos xogando ás cartas como nun ollar perdido dun traballador.
A costa é un tema esencial en Galicia. As embarcacións achegadas aos peiraos, a imaxe da beira do mar coa marea baixa, retratos de pescadores no porto de Vigo… Muller combina as fotografías da costa co urbanismo e a modernidade. As fotos das rúas de vilas e cidades galegas coa roupa colgando dos balcóns e coa xente traballando ou con nenos xogando son algúns dos elementos máis presentes na obra do autor.
O mercado, o territorio, a muller e o traballo son outros motivos recorrentes do fotógrafo, que xoga coa composición e coa luz de forma sobria e equilibrada. É, por exemplo, o caso das mulleres traballando na fábrica de conservas Massó en Cangas do Morrazo.
“Por encima dos pasaportes e dos papeis, síntome xudeu”, dicía o creador. O paso do tempo non afectou nunca a súa identidade. Muller tivo tres fillos e viviu o resto da súa vida en España. O artista, un dos mellores fotógrafos do século XX, morreu na súa casa en Asturias.
A mostra poderá visitarse ata o próximo 18 de maio
A idea para amosar esta colección nace tras a alta afluencia do proxecto Nicolás Muller. Vento Norte, que visitaron máis de 14.000 persoas no Museo Centro Gaiás no ano 2023. A institución vén de inaugurar un ano no que as mostras itinerantes cobran moita importancia. Neste caso, as instantáneas proceden do Arquivo Rexional da Comunidade de Madrid. O proxecto, comisariado polo fotógrafo José Ferrero, poderá visitarse ata o 18 de maio de balde na sala de exposicións temporais do segundo edificio do Museo do Mar.
Os visitantes terán agora a oportunidade de facer unha viaxe á Galicia da segunda metade do século XX a través da cámara de Muller. Unha mirada cargada de intimidade, austeridade e, sobre todo, humanidade.