A gaivota de patas amarelas atravesa unha situación dramática. Nos últimos 50 anos pasou de vivir unha explosión da súa presenza en Galicia a experimentar un declive desenfreado. Cada ano pérdese o 10% da poboación reprodutora no parque nacional das Illas Atlánticas, o bastión desta especie. Unha desaparición, ata o de agora, imparable e que pon en risco a supervivencia dunha das aves máis características de Galicia, malia non gozar dunha gran simpatía entre o groso da poboación.
“Ou se actúa xa ou, como nos despistemos, en pouco estaremos nunha situación que non imos ser capaces de resolver”. É o SOS que lanza a Sociedade Galega de Historia Natural, que vén de reiterar a súa petición á Xunta para que eleve o grao de protección da gaivota de patas amarelas. Se fai menos de ano e medio pedía que fose catalogada como vulnerable, agora van un paso máis alá: reclaman que sexa considerada especie en perigo de extinción dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Os últimos datos presentados a finais do mes de marzo dan conta da preocupante saúde da Larus michahellis. En 2024 contabilizouse un censo de 4.973 parellas no parque nacional das Illas Atlánticas, un 21,8% menos que dous anos atrás. É dicir, cada ano pérdese unha parella reprodutora de cada dez. A comparativa é aínda máis arrepiante cando se leva dúas décadas atrás. Desde 2006 perdeuse o 83,7% da poboación de gaivotas de patas amarelas.
Nestes momentos, o censo concéntrase en Sálvora (62,9% do total), que rexistrou un lixeiro aumento do número destas gaivotas entre 2022 y 2024 cun 3,3% máis. Nin de lonxe serve para compensar os brutais descensos en Cíes e Ons, con caídas de máis do 40% nos dous últimos anos. Nestes dous arquipélagos do sur galego, perdéronse, respectivamente, o 91,6% e o 89,8% de gaivotas nos últimos 18 anos.
“Os datos son unha barbaridade. Amosan un declive brutal, a un ritmo arrepiante”, sinala o investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, que advirte da urxencia de deseñar medidas encamiñadas a frear esta tendencia, na que o peche dos vertedoiros e unha enfermidade aínda misteriosa para os biólogos xogan un papel fundamental.
Do ‘bum’ a estar en perigo
Na década de 1970, a gaivota de patas amarelas experimentou un crecemento exponencial en Galicia. A súa fonte de alimento principal eran os vertedoiros ao aire libre e os descartes dos barcos pesqueiros. Grazas a isto, a poboación de gaivotas multiplicouse. E con ela, a súa mala prensa entre a poboación, que mesmo a chegou a considerar unha praga, ou alcumala como rata voadora.
O peche paulatino dos vertedoiros desde os anos 1990 e unha redución dos descartes da pesca por mor das regulacións están detrás do descenso no número destas aves. Pero hai outro factor que trae de cabeza á ciencia e que sinalan como causa do aceleramento nas cifras de perda poboacional dos últimos anos.

A enfermidade paralizante comezou a detectarse hai máis dunha década. Trátase dunha síndrome que provoca a parálise da ave, que morre porque deixa de alimentarse. Ao longo destes anos, déronse varios episodios de mortes masivas de gaivotas mentres a comunidade científica segue a preguntarse que é o que a causa.
“Segue sen coñecerse o porqué desta enfermidade. Ata o de agora, os científicos non foron capaces de identificar as causas, aínda que se barallaron varias alternativas”, apunta Serafín González. Sobre a mesa están, fundamentalmente, tres: unha bacteria, unha toxina ou que a provoque a contaminación química.
Namentres seguen as incógnitas, o descenso poboacional colle máis velocidade. “Pero non podemos cruzarnos de brazos”, subliña o presidente da SGHN, que sitúa o balón no tellado da Xunta de Galicia. “Os datos xustifican sobradamente que sexa declarada en perigo de extinción”, engade Serafín González.
Descastes e intentos de recría
Como primeiro paso, os biólogos consideran que deben prohibirse os descastes, unha medida enfocada a controlar as poboacións de gaivotas nos anos do ‘bum’ que, ante as estadísticas dos últimos anos, ven preciso eliminar salvo casos de saúde pública xustificados. Esta técnica de control poboacional consiste na manipulación dos ovos nos niños para evitar o seu desenvolvemento. As aves seguen incubando e tardan un tempo en darse conta que o proceso non se está a producir, dificultando as postas de reposición.

Para a SGHN, estes descastes que se seguen a facer en varias cidades “non están xustificados” e deberían prohibirse. “Se unha especie está en perigo, tense que protexer”, remarca o seu presidente, que recorda as dificultades que amosan, polo de agora, os intentos dos últimos anos por relanzar a reprodución. Segundo datos do último censo no parque das Illas Atlánticas, o éxito reprodutivo acadou unha media de 0,78 poliños por territorio. Máis da metade dos territorios non foron quen de sacar adiante ningún.
“Xogan un papel, iso está claro”
“Na biodiversidade, iso de que hai especies que nos gustan ou non é unha afirmación moi pouco válida e edificante. Xogan un papel, iso está claro. Hai outras que nos poden caer máis simpáticas, pero se unha especie é do noso patrimonio natural, sexa unha especie popular ou non, hai que actuar. Non vale que só nos gusten os gatos, os cans e os osos pandas. É parte da nosa biodiversidade e hai que defendela”, sentenza Serafín González.
Por todo isto, os biólogos agardan que, desta volta, a Xunta atenda a súa petición. Ou, cando menos, responda. “Hai 15 meses, cando pedimos que fose declarada vulnerable, nin sequera chegou un xustificante de recepción”, afirma González, que pon o acento no empeoramento da situación da gaivota de patas amarelas desde entón. “Se non están de acordo en protexela, polo menos que o digan”, conclúe o investigador.













