Martes 16 Abril 2024

Un estudo na Costa Ártabra expón que a poboación de gaivotas caeu un 70% en 10 anos

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia advirte nun novo traballo do "importante declive poboacional" da 'Larus michahellis'

Diversos expertos veñen alertando nos últimos tempos de que a presenza da gaivota patiamarela (Larus michahellis) en Galicia está a decrecer. Un informe da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) advertía en 2019 que a poboación da especie en Galicia caeu un 30% na década previa, e agora, un novo traballo do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), incide no problema: segundo os datos dun censo realizado no marco do proxecto ARTABRO2, o descenso poboacional desta gaivota na Costa Ártabra, entre as Illas Sisargas e o límite coa provincia de Lugo, é do 70% na última década.

Os estudos realizados amosan un censo de 2.674 parellas, das que a inmensa maioría se localiza nas Illas Sisargas, con 2.306. Con todo, no arquipélago e o resto de colonias constátase unha notable caída: no caso das Sisargas chegaron a acadarse as 13.000 parellas nos anos noventa, fronte ás menos de 3.000 da actualidade. Noutras zonas, do litoral galego, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a caída tamén acada o 70%.

Publicidade

Segundo expón Sergio París, investigador do CEIDA, “a gaivota ten mala fama nas contornas urbanas, polo que estes datos pódense tomar á lixeira. Mais temos que ter en conta que falamos dunha especie propia de Galicia, e de poboacións naturais presentes en áreas de gran valor natural e con alimentación e hábitos naturais, moi distintos desa imaxe das gaivotas urbanas, que tamén semellan presentar un declive das súas poboacións nos úlitmos anos”.

“Temos que preocuparnos pola gaivota, aínda que resulte antipática”

Episodios de mortaldade de causa descoñecida

Tanto o CEIDA como o resto de investigadores que traballan no estudo desta especie, descoñecen a causa concreta deste declive. A desaparición de fontes de alimentación facilitadas polo ser humano, como poden ser a vinculada á eliminación de vertedoiros, e unha menor dispoñibilidade de alimento en forma de descartes pesqueiros, poden ser responsables deste devalo.

Tamén se constatan eventos esporádicos de mortaldade de gaivotas, tanto en Galicia como noutros territorios, “recentemente foi noticia un evento de mortandade elevada de gaivotas no encoro de Vilagudín, na comarca de Ordes, mais nos últimos anos este tipo de sucesos esporádicos repítense entre a poboación de gaivotas. Son afectadas por algún tipo de enfermidade ou síndrome descoñecidos que as paraliza ata chegar a provocar o seu falecemento”, explica Sergio París.

As investigacións que fixeron posible o censo enmárcanse no proxecto ÁRTABRO2, realizado co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. A iniciativa busca a declaración dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Golfo Ártabro, mellorando o coñecemento científico das poboacións de aves mariñas presentes no litoral da provincia da Coruña, propoñendo medidas de xestión integral que permitan compatibilizar a súa conservación coas actividades pesqueiras e litorais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Primeiro caso de gripe aviaria en humanos en España: cales son os riscos?

O investigador da USC Gonzalo Fernández asegura que os "poucos contaxios" notificados ata o momento foron leves ou asintomáticos