Un ensaio en Ourense usará compostos de fungos no tratamento do cancro colorrectal

O Grupo Hifas elabora un nutracéutico que a Fundación Biomédica Galicia Sur avaliará como posible terapia contra as complicacións posoperatorias

Un grupo de 144 pacientes con cancro colorrectal que están a ser tratados no Hospital Universitario de Ourense forman parte dun ensaio clínico promovido pola Fundación Biomédica Galicia Sur e autorizado polo Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense, e que por primeira vez inclúe un nutracéutico elaborado polo Grupo Hifas a partir de fungos medicinais. Este grupo empresarial, baixo o que se atopa Hifas Vet, proxecto impulsado pola incubadora BioIncubaTech, avaliará os efectos prebióticos e antiinflamatorios do composto para reducir as complicacións postoperatorias da cirurxía.

O ensaio, pioneiro en España, enmárcase no proxecto colaborativo de I+D Micromarker, iniciado en 2018, no que se está a analizar a relación directa entre microbiota intestinal e o avance do cancro colorrectal. Os seus estudos evidenciaron que, aínda que o factor xenético é importante, unha microbiota deficiente contribúe ao desenvolvemento de cancro e trastornos metabólicos que provocan inflamación do intestino, fígado e cerebro. A autorización do ensaio clínico, segundo destaca a Universidade de Santiago de Compostela, supón a fase final do proxecto Micromarker, e permite obter datos analíticos relativos aos marcadores inflamatorios e outros datos relacionados co benestar dixestivo, que permiten analizar ao detalle os beneficios da inxestión de fungos medicinais no cancro e a saúde humana.

Publicidade

Así, a investigación liderada polo grupo Hifas estudou o efecto dos nutracéuticos derivados de fungos na disbiose, un desequilibro dos microorganismos presentes na microbiota ‘normal’, que é común nos pacientes con cancro de colon e recto. “Baseándonos en evidencias previas, neste estudio pioneiro en España analízase a actividade prebiótica e antiinflamatoria dos fungos medicinais que xa demostraron anteriormente estes efectos noutros estudos clínicos internacionais e en liñas celulares”, explica Catalina Fernández de Ana, bióloga especialista en micoterapia e directora xeral de Hifas da Terra, no portal da compañía.

A incubadora Bioncubatech está promovida pola USC en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, e cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e polo FEDER. Hifas da Terra desenvolve desde hai anos produtos con moléculas bioactivas de procedencia fúnxica, identificado as cepas con potencial anticanceríxeno. A empresa, con presenza en varios países de Europa, conta co maior banco de cepas fúnxicas de España, e un dos maiores con interese medicinal a nivel europeo, e obtiveron numerosas distincións en excelencia empresarial pola súa investigación, innovación e desenvolvemento sostible.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os pesticidas, baixo sospeita no aumento do cancro de colon en adultos novos

Investigadores analizan por primeira vez o papel de factores ambientais e de estilo de vida mediante patróns de modificacións no ADN

O diagnóstico temperán é clave no cancro colorrectal: a supervivencia pode acadar o 90%

O tumor sitúase entre os de maior impacto en España, pero o seu prognóstico mellora de forma drástica cando se identifica a tempo

Un estudo relaciona unha toxina bacteriana coa “epidemia” de cancro colorrectal en adultos novos

A investigación liderada por un galego indica que a enfermidade podería ser a principal causa de morte por tumores en xente moza en 2030

O cribado de cancro colorrectal detecta máis de 2.600 casos en Galicia nunha década

A Consellería de Sanidade informa dunha tendencia ascendente na participación, liderada polas mulleres cun 56% fronte ao 44% dos homes