Identificada a misteriosa doenza paralizante que mingua as poboacións de gaivotas

Un estudo con participación do Oceanográfico de Vigo vincula ao botulismo a enfermidade que causa milleiros de mortes en aves mariñas

Durante as últimas décadas, a comunidade científica mirou con desconcerto cara á desaparición de poboacións de gaivotas, que dispararan a súa presenza na segunda parte do século XX en zonas costeiras como Galicia grazas a vertedoiros ao aire libre e aos descartes pesqueiros. Pero a aceleración na perda de gaivotas dos últimos anos non podía explicarse só polos cambios na forma de xestionar os residuos e as maiores medidas de control sobre a actividade pesqueira. Existía un factor patóxeno, unha enfermidade sen descifrar que provocaba a morte de milleiros de gaivotas porque quedaban paralizadas, deixaban de alimentarse e, ademais, quedaba expostas aos depredadores.

O misterio parece estar preto de resolverse. Un estudo con participación galega vén de apuntar ao botulismo como a causa máis probable da síndrome parética. Publicado na revista Toxins, o traballo desenvolvido por un equipo internacional que contou con membros do Centro Oceanográfico de Vigo sinala á intoxicación causada por unha toxina de orixe bacteriana como o desencadeante da doenza paralizante que mingua as poboacións de gaivotas e doutras aves.

Publicidade

A investigación analizou 571 mostras de 377 aves, sans e con síntomas de parálise, tomadas na costa sur de Portugal. Os resultados amosaron que a totalidade das 22 aves enfermas deron positivo en neurotoxina botulínica, que non se detectou en ningunha das asintómaticas. Polo tanto, consideran que a bacteria Clostridium botulinum é a causante da síndrome que provoca nas aves parálises nas extremidades, dificultades respiratorias e diarrea.

Botulismo aviar

O botulismo aviar é unha intoxicación causada pola toxina producida pola citada bacteria, que se atopa en ambientes acuáticos con altas temperaturas e excesos de materia orgánica. As aves acostuman a intoxicarse cando consumen larvas de mosca que se xeran en cadáveres en descomposición contaminados pola toxina que produce a bacteria. Con todo, os investigadores especifican que, no caso da gaivota, non está claro cal é a vía de exposición á toxina.

Publicidade

A investigación tamén acadou varias mostras nas que foron identificadas toxinas ambientais, como as paralizantes do marisco e as producidas por microalgas (microscistinas). Estas poderían contribuír a debilitar as aves e agravar os efectos do botulismo. Así mesmo, o estudo detectou varios casos de gripe aviar entre aves sas, polo que os investigadores avogan por ter en conta as moitas causas posibles na mortaldade de avifauna silvestre.

Investigación multidisciplinaria

Lucía Soliño, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e primeira autora dunha das publicacións do estudo, subliña a importancia da investigación mutidisciplinaria e a colaboración entre institucións científicas e centros de recuperación como forma de “identificar e abordar problemas ambientais complexos empregando ás aves como especies sentinela”.

É que a investigación implicou ao centro de recuperación de fauna RIAS (Wildlife Rehabilitation and Research Center of Ria Formosa), o Instituto de Investigación en Recursos Cinegéticos (IREC), o Centre for Environment Fisheries and Aquaculture Science (Cefas), o Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua (IDAEA-CSIC) e ao Scientific and Production Center of Microbiology and Virology de Kazakhstan y el Institut Pasteur de la Universidad de París.

“A detección temperá de brotes de botulismo e a adopción de medidas rápidas, como a retirada de cadáveres ou o control da calidade da auga, son fundamentais para previr episodios de mortalidade masiva e protexer a biodiversidade”, sinala, pola súa banda, María Victoria Mena, directora clínica e investigadora do centro de recuperación de fauna RIAS.


Referencia: Identifying Causative Agents of a Paretic Syndrome in Waterbirds in Southern Portugal (Publicado en Toxins) // Investigation into Paralytic Shellfish Toxins and Microcystins in Seabirds from Portugal (Publicado en Toxins)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri