O tren de borrascas que azoutou durante semanas a península ibérica e boa parte da costa occidental europea provocou a aparición de miles de aves mariñas abeiradas, sobre todo nas costas galegas. Os rexistros concentráronse entre as Rías Baixas e a Costa da Morte debido aos ventos do sur e do suroeste, pero tamén apareceron en Portugal e, posteriormente, no litoral cantábrico e na fachada atlántica de Francia. En Galicia, o número ascendeu a 3.500 e malia que os principais afectados foron os araos papagaios (Fratercula artica) —que supuxeron o 92% dos casos— rexistráronse máis de 30 especies, como os araos piros (Alle alle) e as gaivotas tridáctilas (Rissa tridactyla). Así o informou en nota de prensa a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) en colaboración con SEO/Bird Life.
Os araos papagaios son moi coñecidos polo seu vistoso pico vermello. Esta especie reprodúcese no norte de Europa (Islandia, Noruega, Irlanda, Reino Unido) e migra ata as nosas latitudes para pasar o inverno. Dado que a maior parte do seu ciclo vital durante a estación máis fría do ano transcorre en alta mar, estas aves debilítanse cando hai temporais ao loitar contra as tormentas e ás dificultades para pescar, polo que moitas delas acaban morrendo de esgotamento e inanición.
Máis medios
As aves vivas foron derivadas aos Centros de Recuperación de Fauna Salvaxe da Xunta. No caso das mortas, nunha grande parte foron recollidas pola Gardería de Medio Ambiente. Non obstante, tanto Cemma como SEO/Bird Life cualifican de “imposible” a cobertura dos 1.500 quilómetros de costa de Galicia despois de cada marea: “Evidenciou unha carencia de medios para cubrir de forma efectiva todo o litoral”. Varios dos exemplares portaban anelas científicas que permitiron saber que proveñen de colonias do Reino Unido e incluso de Islandia e seguir o rastro destes exemplares.
O concello cun maior número de rexistros foi Ribeira, cun 19% dos casos; seguido do Grove, Muros, Carnota, Porto do Son, entre o 10-12%; Vigo, Cangas, Boiro, Sanxenxo, Vilagarcía, Bueu, Ferrol, entre o 1 e 6%; e o resto en proporcións máis baixas ao 1%. A costa con maior número de abeiramentos foi sobre todo entre Fisterra e a Ría de Vigo.
Vítimas dos temporais e do petróleo
Segundo informan dende a Cemma e SEO/Bird Life, atopáronse aves con manchas de combustible en Galicia. Tamén en Francia, onde comprobaron a súa compatibilidade co fuel procedente dos petroleiros Tanio e Erika, naufragados en 1980 e 1999 respectivamente, e que parece que continúan verquendo pequenas cantidades de combustible. Non obstante, as entidades consideran pouco probable que as aves manchadas en Galicia procedan desas áreas do Golfo de Biskaia. Ademais, atopáronse verteduras recentes en praias da Ría de Muros e Arousa. De momento continúase coa alerta por se seguen aparecendo as aves ao longo da costa.
Centos de voluntarios
Segundo indican dende as dúas entidades, máis de 350 persoas destinaron parte do seu tempo, a maioría como voluntariado, á prospección da costa coa finalidade de detectar e rexistrar aves abeiradas. Ademais da Cemma e de Seo/Bird Life participaron o Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e persoal da Subdirección Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña. Entre todos os organismos participantes recompiláronse datos que chegaron a través da Rede de varamentos de Galicia da Cemma, o programa ICAO de SEO/Bird Life e a Gardería de Medio Ambiente da Xunta. Tamén se recibiu información a través de internet, o 112 e Centros de Recuperación.














