Un proxecto da Xunta para mellorar o 112 participa na primeira contorna de probas de IA de Europa

A iniciativa permitirá optimizar a fiabilidade da transcrición de conversas coas emerxencias de Galicia e recoñecer automaticamente o idioma

Un proxecto que permitirá mellorar a fiabilidade da transcrición de conversas co servizo de emerxencias do 112 de Galicia e recoñecer automaticamente o idioma é un dos seleccionados para participar na primeira contorna de probas de intelixencia artificial (IA) da Unión Europea. O proxecto promovido pola Xunta é un dos 12 escollidos polo Goberno central para a configuración deste campo de probas regulatorio (sandbox).  

Entre os proxectos seleccionados polo Goberno estatal figuran diversos sistemas de intelixencia artificial de alto risco e que afectan o acceso a servizos públicos esenciais, biometría, emprego, infraestruturas críticas, maquinaria, produtos sanitarios e produtos para diagnose in vitro. A Xunta é a única administración pública implicada no sandbox e, polo tanto, a primeira en participar nunha experiencia piloto deste tipo a nivel europeo. 

Publicidade

A tecnoloxía da iniciativa galega será desenvolvida pola Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (FCITICG), da Universidade da Coruña (UDC), e na súa despregadura participarán a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A iniciativa tamén contará coa participación do Clúster TIC de Galicia, que xogará un papel esencial na difusión do coñecemento adquirido entre as empresas tecnolóxicas da comunidade.

A relevancia deste proxecto radica na súa capacidade para mellorar os resultados da transcrición de audios de baixa calidade, así como a incorporación do inglés a un modelo que xa entende o galego e o castelán. Tamén incorpora un sistema de detección automática do idioma. Estes audios son usados para a verificación de datos nas emerxencias e, en ocasións, tamén con fins xudiciais. 

Publicidade

Despregadura segura da IA

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, destacou a importancia deste proxecto para Galicia porque “o coñecemento de como o regulamento europeo afectará o desenvolvemento e posta en marcha de sistemas de IA é o principal valor da participación nesta contorna de probas”. Segundo manifestou, “este coñecemento tamén facilitará que a Xunta poida asegurar unha despregadura segura da IA e, coa implicación do Clúster TIC, reducir as incertezas das empresas”. 

Finalmente, Cerviño indicou que a participación nesta experiencia “mantén á nosa Comunidade na vangarda do desenvolvemento, liderado por Europa, dunha intelixencia artificial ética e segura”. Neste sentido, lembrou que Galicia é a primeira rexión europea en dispor dunha lei que garante e ofrece mecanismos para facer valer os dereitos das persoas ante o uso da IA por parte da Administración e tamén é o lugar que acolle a primeira axencia estatal de supervisión de intelixencia artificial que se creou no ámbito europeo. 

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, puxo de manifesto que se trata “dun proxecto totalmente único e novo en España e de enorme interese para aumentar o nivel de eficacia no servizo que se dá no 112”. Araújo considera que “o uso da IA na transcrición de chamadas de voz xera unha eficiencia que se traslada a unha mellor atención, máis concentrada e cunha maior implicación dos operadores nos procedementos e avisos aos medios operativos, o que representa un beneficio para a Administración pública e para o servizo que se lle dá á cidadanía”. 

Galicia na vangarda da IA

Pola súa banda, o director do CITIC da UDC, Manuel González Penedo, destacou “que o noso proxecto sexa o único galego seleccionado entre as doce propostas a nivel nacional é un reflexo de que Galicia está á vangarda na implementación de solucións innovadoras baseadas en IA. Desde o CITIC levamos anos colaborando coas administracións públicas, e este traballo reforza o noso compromiso co desenvolvemento tecnolóxico aplicado á sociedade. Este proxecto, dirixido por Tiago Manuel Fernández Caramés e eu mesmo, permitirá seguir avanzando na integración da IA en servizos esenciais. Ademais, servirá como base para definir as boas prácticas e o marco normativo que garantirán o seu uso responsable e eficiente”. 

As contornas de probas, promovidas polo Regulamento europeo de IA, permitirán a elaboración das guías técnicas baseadas na experiencia para a aplicación desta lexislación de ámbito comunitario que representa un referente mundial. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha conversa con Otero Pedrayo: un chatbot permite dialogar co escritor a partir da súa obra

O Consello da Cultura Galega e Galaxia presentan un modelo de intelixencia artificial para explorar o legado do autor coa garantía da fidelidade histórica

Luz verde ao Pacto Dixital entre a Xunta e o sector das TIC para a modernización tecnolóxica de Galicia

A iniciativa impulsada pola Amtega busca abrir novas oportunidades de negocio, reducir a fenda dixital e promover a colaboración no ámbito da tecnoloxía

A revolución intelixente da Xustiza galega: o Plan Senda 2028 propón un sistema máis inclusivo

O Goberno galego aproba unha estratexia que introduce a intelixencia artificial no sistema xudicial, ten unha xestión bilingüe co programa Atenea e dota de ferramentas tecnolóxicas ás 268 oficinas municipais

Está empobrecendo a IA a linguaxe xornalística (e da sociedade)?

A propagación da IA e o consecuente adestramento doutros modelos con textos sintéticos contribúe a eliminar a diversidade e riqueza lingüística. Por Xosé López-García e Cristian Augusto González Arias