Xoves 25 Abril 2024

As novas variantes covid esténdense en Galicia máis rápido ca noutras comunidades

As subliñaxes da ómicron soben os casos en todo o país e espertan maior interese na aplicación dunha cuarta dose para os máis maiores

As subliñaxes BA.4 e BA.5 da variante ómicron están a estenderse por toda a Península con sorprendente rapidez e cunha capacidade de reinfección maior que en anteriores cepas do virus. Os expertos xa alertan desta preocupante situación que pode lembrar ao acontecido durante a pasada sexta onda: cifras altas de incidencia en toda España e volta ás hospitalizacións. Neste contexto Galicia é unha das comunidades autónomas con maior número de contaxios por cada 100.000 habitantes e con cada vez máis hospitais chegando ao seu límite.

Xunto a Madrid, con máis de mil afectados ao día, outras seis provincias mantéñense por enriba do millar, entre elas Galicia. Segundo indica a Xunta na súa páxina web, o 29 de xuño rexistraron un total de 1.771 novos casos diarios e 599 persoas hospitalizadas, 21 delas en coidados intensivos. Do total de infectados en Galicia, ata o momento, faleceron 3.597 habitantes, mais cabe destacar que foron curadas máis de 620.000 persoas.

Publicidade

“Son variantes moi contaxiosas que, sobre todo, están afectando as persoas maiores”

ÁFRICA GONZÁLEZ, catedrática de inmunoloxía da UVigo.

“Estase estendendo de forma tremenda e moi acelerada e en Galicia hai unha porcentaxe altísima destas subvariantes 4 e 5, que están desprazando as outras existentes”, explica África González, catedrática de inmunoloxía na Universidade de Vigo (UVigo). “Son variantes moi contaxiosas que sobre todo están afectando as persoas maiores, volvendo a encher os hospitais”, engade. A pesar de que, na poboación xeral, os síntomas destas cepas están sendo menos preocupantes, o comezo das vacacións de verán, as reinfeccións e o empeoramento da enfermidade entre a poboación máis envellecida, están provocando unha nova crise na atención primaria a nivel nacional.

“Con todo, as vacinas están claramente protexendo da gravidade deste virus e, sobre todo, dos falecementos, unha situación ben diferente a das primeiras variantes”, aclara a inmunóloga. O gran problema actual, explica, radica na situación de vulnerabilidade dos máis maiores, cuxos anticorpos neutralizantes, que ata agora previñan da infección, co paso dos meses foron diminuíndo ata acabar coa súa barreira protectora. “Se eles se contaxiaran agora, correrían un maior risco de padecer unha enfermidade máis grave ou unha insuficiencia respiratoria que nas persoas, digamos, sas e novas”, alega González.

Unha cuarta dose e vacinas multivariantes para protexer os máis maiores

Para evitar que a situación empeore e coa fin de protexer a poboación máis vulnerable e envellecida, África González destaca como unha opción eficaz a aplicación dunha cuarta vacina. “Ademais, os estudos realizados ata o momento indicaron que a mestura de vacinas podería dar unha resposta inmunolóxica máis potente, xa que estariamos expoñéndonos a distintas partes do virus”, explica. “Entón, podería ser unha solución para a actual situación dos máis maiores, combinar vacinas non só de ARNs, senón tamén outras como a de Novavax ou a de Hipra, que inclúen diferentes variantes como a de ómicron”, engade.

Porén, indica a inmunóloga, aínda que cada vez se coñeza máis información sobre este virus, quedan partes soltas por demostrar e investigar, como é o caso da mestura de vacinas como protección contra as diferentes variantes do coronavirus. “Hai que facer máis estudos, estamos nun momento no que se poden avaliar este tipo de combinacións de vacinación para comprobar se se poderían desenvolver vacinas multivariantes para previr da gravidade desta enfermidade nas persoas maiores”, alega a experta.

Segundo indica o xornal El País, Sanidade non ten pensado aplicar a nova dose ata despois do verán, que principalmente estará dirixida á poboación maior de 80 anos e aquela que vive en residencias. Ademais, é probable que nesta cuarta dose, tal e como recomendaba a inmunóloga galega, comencen a probar a aplicación de vacinas que presenten unha maior efectividade fronte a estas novas variantes.

Síntomas máis leves na poboación xeral

A pesar de que a capacidade de contaxio e reinfección sexa maior, a poboación xeral afectada polas novas subvariantes de ómicron, adoitan presentar unha sintomatoloxía diferente e máis leve, en comparación con anteriores cepas do mesmo virus. “Por exemplo, a perda do olfacto non é tan evidente, o tempo de incubación tende a ser máis curto, non abundan as febres altas nin adoitan presentar importantes problemas a nivel pulmonar”, indica África González. Porén, neste caso, os sublinaxes BA.4 e BA.5 da ómicron adoitan afectar máis a nivel das vías respiratorias altas, como dor de gorxa, maior mucosidade ou dor de cabeza.

Desta forma, no que respecta á poboación xeral, esta nova cepa do virus non debería presentar grandes complicacións se a pauta de vacinación está completa. “Ademais, a inmunidade sería moito maior se estas vacinas estivesen mesturadas coa protección que brinda ter superada a enfermidade“, explica a inmunóloga. Os expertos indican que a inmunidade híbrida está conseguindo que a enfermidade, en xeral, chegue a converterse nun arrefriado máis.

Fronte ao debate do fin das máscaras, África González indica que, neste caso, o incremento da incidencia en España non estaría asociado ao cese do seu uso. “Estas variantes están circulando e veñen doutras partes do mundo onde a taxa de contaxio é aínda máis alta”, engade. Ademais quere lembrarlle á poboación que o virus entrou para quedar e que estas non serán as últimas subvariantes que se estendan polo país. “Nalgún momento acabará sendo un coronavirus máis dos catarros comúns”, conclúe con positivismo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade