Venres 26 Abril 2024

Así é The Waylanders, un videoxogo de fantasía na Galicia celta e medieval

O ambicioso proxecto de Gato Salvaje Studio, impulsado por micromecenado, gaña o premio dos enxeñeiros informáricos galegos

Nun hotel de Santiago de Compostela, máis de 350 enxeñeiros informáticos e outros convidados reúnense esta noite para entregar os premios anuais da profesión, que poñen en valor o traballo e as iniciativas empresariais do mundo das TIC. E entre eses recoñecementos, un premio é para The Waylanders, de Gato Salvaje Studio, o primeiro videoxogo de rol ambientado e desenvolto en Galicia, e con localizacións na Torre de Hércules e na Catedral de Santiago e nas contornas naturais do Ézaro e Fisterra.

Este proxecto, que pasou un proceso previo de procura de financiamento a través de micromecenado, transporta aos xogadores a un mundo de fantasía ambientada na Galicia celta e medieval. Un xogo de rol que narra a historia dun grupo de guerreiros que viaxa no tempo e que recibiu grandes eloxios sobre a súa dirección artística, aínda que tamén algunhas observacións polo que queda por pulir e as partes por desenvolver. 

Publicidade

Sergio Prieto, o CEO de Gato Salvaje, recoñece que sacar adiante este proxecto foi difícil, e que chegaron á data de lanzamento coa lingua de fóra. “O mundo non acompañou”, ironiza. A pandemia paralizou a todos os sectores, e a The Waylanders colleuno nun dos peores momentos. “Estabamos a desenvolver a parte da dobraxe ao inglés, para a que contabamos con moitísimo persoal estranxeiro que tiña que vir a Galicia”, conta dende a súa oficina na Coruña. “Cando as restricións permitían traballar en España, non o permitían nos países onde estaban os actores; e viceversa“, láiase, porque como explica, “a animación e a dobraxe son procesos que van da man, e un non pode avanzar sen o outro”. Pero tamén tiveron que facer fronte ao peche de sociedades colaboradoras: “Algunhas das empresas coas que traballabamos non puideron superar a crise”. 

O videoxogo, o primeiro feito e ambientado en Galicia, foi lanzado ao mercado o pasado febreiro 

O rendemento no mercado de The Waylanders cupre as expectativas. “É un produto de nicho, un xogo de rol de ambientación galaica non é un produto masivo, pero estamos a ver que nas últimas semanas están aumentando as vendas e a puntuación”, recoñece Prieto. Ademais, os inversores que participaron no crowdfunding xeraron unha comunidade que está a dar moito feedback e que lles permite mellorar o produto. 

A industria dos videoxogos, ao igual que o resto das TIC, é un sector en crecemento en Galicia. Dúas Escolas Superiores de Enxeñaría Informática e unha Facultade, a de Santiago, suman máis de 500 graduados cada ano. E aínda así, non chega para cubrir a demanda de traballadores.  

“Para o sector dos videoxogos non temos que contar só cos enxeñeiros informáticos, tamén traballan ilustradores, deseñadores, graduados de belas artes e moitos outros profesionais que estamos a formar en Galicia”, lembra Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia. “Temos capacidade técnica e tamén académica, e estanse a dar os pasos tamén dende o institucional para fortalecer este sector”, explica, aínda que precisa que é necesario facer unha radiografía do estado da industria do videoxogo. “Podemos ser punteiros en España igual que o somos na industria audiovisual”. 

Un xogo ambicioso

Por iso, para o presidente do CPEIG, proxectos coma o de The Waylanders deben ser recoñecidos con premios coma este. “Dámosllo pola valentía de emprender este camiño, porque é un xogo ambicioso e porque fai patria facendo á vez algo diferencial”.  

En Gato Salvaje Studio, a poucas horas de recibir o galardón, seguen aínda inmersos en The Waylanders, pulindo detalles e pensando en expandir a franquía. “O que máis está a valorar o noso público é a dirección artística”, algo que se pode constatar vendo os vídeos de tasters e de críticos de videoxogos. “Iso mostra que temos un bo traballo, e do que podemos ofrecer un moi bo produto; non se pode mellorar algo que é malo”, asegura. 

Igual que fixeron co seu primeiro éxito, ARK La gran evasión (2015), gañador dos premios a Mellor Videoxogo Español e a Mellor Videoxogo do Ano que entrega o medio especializado Devuego, pensan sacar un spin-off de The Waylanders. A idea sobre a que traballan é explorar un formato distinto pero co mesmo Lore -termo da cultura gamer para falar dos universos creados-, porque sábense creadores dun mundo que aínda se pode explotar moito máis. Prieto fai a similitude cos contos e novelas da Saga de Geralt de Rivia, que aumentou o seu público coa adaptación en The Witcher, a serie de televisión. Un mundo creado por Andrzej Sapkowski que bebe da mitoloxía polaca e do que se están a facer xogos e videoxogos dende os anos 2000. 

Para o equipo de The Waylanders queda pendente, por agora, a dobraxe ao castelán e ao galego. “Entendíamos que se o videoxogo sucede en Galicia ten que poder desfrutarse en galego, e así o tiñamos pensado dende o comezo”, di Prieto. Pero tras un dos maiores proxectos galegos deste tipo, o estudio de videoxogos pensa afrontar os próximos anos en proxectos máis persoais, máis pequenos, pero co mesmo agarimo. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un videoxogo nado en Ferrol, nominado aos premios iokool PlayStation Talents

A historia dunha nena que viaxa a unha illa de fantasía e pesadelos repleta de xoguetes opta a catro galardóns

Guía para o Black Friday en Galicia: como evitar que te estafen

As principais ciberaemazas son a chegada de mensaxes de texto ou correos electrónicos con ligazóns a unha páxina falsa

“Chat GPT fascíname como investigadora, como usuaria dáme medo”

A informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo seu estudo dos algoritmos verdes e o fomento das vocacións STEM

Carteis en catalán? Estes son os erros do videoxogo ambientado na Costa da Morte

A última entrega da saga 'Call of Duty' inspirouse no faro de cabo Vilán para recrear a loita contra unha banda de narcotraficantes