Venres 26 Abril 2024

Os científicos alertan da resistencia do coronavirus ao antiviral Paxlovid

Un artigo publicado en 'Science' advirte que o SARS-CoV-2 pode mutar e perder susceptibilidade ao fármaco

A chegada das vacinas contra o coronavirus abriu un camiño de esperanza. Pero ademais desta necesaria inmunización, era preciso desenvolver tratamentos que atallasen a enfermidade e mellorasen os seus síntomas. O primeiro antiviral oral para tratar a covid na Unión Europea foi o Paxlovid, que chegou a Galicia a finais de marzo rodeado de grandes expectativas. O medicamento de Pfizer mostrou, segundo as institucións sanitarias, unha redución significativa das mortes e unha caída importante das hospitalizacións en pobación de risco. Porén, agora as noticias non son tan boas. Segundo un artigo publicado na revista Science, hai varios estudos feitos en laboratorio que demostran como o SARS-CoV-2 pode mutar e facerse resistente ao Paxlovid. Sinalan, ademais, que o máis preocupante é que algunhas desas mutacións xa circulan entre persoas infectadas.

Preocupación xeneralizada

A comunidade científica, segundo expón Robert F. Service no seu artigo, está preocupada posto que Paxlovid “é unha das mellores terapias contra a covid”. O aspecto máis positivo é que, de momento, as mutacións do SARS-CoV-2 que provocarían resistencia ao tratamento aínda non están xeneralizadas. Porén, son moitos os expertos que non se mostran optimistas. “Dada a cantidade de infeccións que hai, acontecerá”, di o virólogo da Universidade de Columbia David Ho, experto no estudo das mutacións de resistencia aos medicamentos do VIH hai máis de trinta anos. Unha opinión que tamén comparte o químico Jun Wang, da Universidade de Rutgers (Estados Unidos): “É só unha cuestión de tempo antes de que vexamos emerxer a resistencia”.

Publicidade

“Dada a cantidade de infeccións que hai, producirase a resistencia”

DAVID HO, virólogo da Universidade de Columbia

De feito, o artigo de Science asegura que “os estudos suxiren que o virus está a punto de desenvolver resistencia”. E matizan que isto é algo común na meirande parte de medicamentos antivirais. Ademais, Service explica que cada persoa infectada produce billóns de copias de SARS-CoV-2, dándolle ao virus moitas posibilidades de probar diferentes mutacións a medida que se replica. O escenario, por tanto, non é moi esperanzador. E xa son varias as investigacións, realizadas en diferentes países, que o ratifican: Dinamarca, Bélxica e Estados Unidos, entre outros. Outro estudo, feito dende California, mostrou que algunhas das mutacións de resistencia xa se produciran antes do uso xeneralizado de Paxlovid e que, con toda probabilidade, foi unha cuestión de azar. Porén, os investigadores poñen o foco na “flexibilidade” que ten o virus para xerar esta baixa susceptibilidade ao fármaco.

Malia que xa hai indicios, o artigo de Science apunta a que, de momento, esa resistencia ao Paxlovid aínda non se desenvolveu de maneira xeneralizada. Unha das hipóteses que apoian dita afirmación é que non hai suficientes persoas tomando o medicamento como para que o virus mutase. E outra é que se precisarían de moitísimas máis mutacións para que se chegue a dar. No que respecta a Pfizer, a farmacéutica asegura que Paxlovid está preparado para afrontar a resistencia do SARS-CoV-2, pese á opinión maioritaria da comunidade científica. Dende a empresa aseguran que o fármaco se administra durante un período curto e que minimiza as posibilidades de que o virus mute.

A alternativa galega

De momento, segundo apuntan dende o artigo, o Paxlovid é o mellor medicamento antiviral dispoñible para tratar a covid, malia que non está demostrado que funcione ben en persoas de baixo risco. O feito de que sexa o máis utilizado é o que fai pensar á comunidade científica que máis tarde ou máis cedo acabará xerando resistencia. De todas formas, xa se están buscando alternativas, unha delas con selo galego. Investigadores de Santiago e Cataluña xa están a ensaiar un medicamento que parece diminuír a carga viral e reducir o número de ingresos hospitalarios e de UCI.

“É un fármaco oral cun potencial uso ambulatorio, polo que non é preciso que se administre nun hospital”, declaraba a GCiencia a investigadora Mabel Loza, participante no estudo. Ademais, confirma que se trata do primeiro ensaio clínico que se realiza en España cun medicamento destas características —é dicir, oral e para frear a replicación dos virus—. “Ata onde coñecemos, tamén está entre os 12 mundiais que se están a probar co mesmo obxectivo”, recalcaba. De feito, o fármaco que acaba de entrar na fase II de ensaio clínico, xa está aprobado pola Agencia Española del Medicamento (AEMPS). De todas formas, isto non significa que xa estea comercializado. “Aínda non chegou ao mercado”, concluía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez