As normas do lazareto de San Simón

O regulamento de 1842 do centro de prevención sanitaria creaba un posto avanzado en Cíes, outro en Vigo e as funcións de médicos, sangradores e capeláns

A illa de San Simón.

Era o centro avanzado para previr as pandemias, especialmente a de cólera morbo asiático que arrasaba o mundo a mediados do século XIX. Porque o lazareto de San Simón na ría de Vigo, cos seus edificios construídos na illa, serviu para supervisar o tráfico marítimo e acoller ás tripulacións que chegasen enfermas ou con sospeitas de provocar contaxios. Para poñelo en marcha, en 1842 publicouse un detallado regulamento, coas normas para aplicar e o persoal adscrito ao centro, que levaba 74.280 reais cada ano en salarios.

Unha Xunta de Sanidade era o mando supremo fronte a calquera emerxencia, con “toda a autoridade para conservar ilesa a saúde pública”, evitando “todo perigo real ou presunto de calquera enfermidade pestilente ou contaxiosa”, con potestade para actuar con dureza: “procederá de plano e sen fórmulas solemnes contra os que infrinxiren as ordenanzas sanitarias”.

Vigo coordinaba todos os municipios da ría: “En todos os pobos do litoral da ría de Vigo que teñan concello haberá xunta de Sanidade (…) Estas xuntas municipais serán dependentes todas da principal de Vigo”. Establecéronse xuntas nos  concellos da época: “Redondela, Meira, Cangas, Baiona,  Nigrán e Bouzas”.

A illa de San Simón.

Por suposto, era necesario un intérprete, para atender o elevado tráfico de buques mercantes estranxeiros: “A praza de intérprete proverase en persoa de boa moralidade e versada en idiomas estranxeiros, e que teña que entenderse cos capitáns, pasaxeiros ou tripulación dos buques e traducir todos os documentos que a xunta lle ordene”.

Ademais, tanto en Vigo como nas illas Cíes establecéronse postos avanzados, para actuar fronte  a chegada de cada buque: “Haberá constantemente no porto un mariñeiro da falúa de sanidade, que terá o carácter de garda. Este, no momento en que aviste un buque conducido polos empregados do posto avanzado das illas Cíes que se dirixa ao porto, avisará ao deputado de semana para que, coa maior prontitude, salga ao recoñecemento”.

Nas Cíes, a dotación era importante: “Haberá nas illas Cíes un deputado de saúde elixido polo goberno a proposta en terna da xunta suprema, e despois de oír á principal de Vigo. Para desempeñar debidamente as súas funcións, terá nas illas ás súas ordes dous prácticos, cada un con bote propio, e catro mariñeiros”. O regulamento establece os labores do funcionario das Cíes: “Este empregado terá a precisa obrigación de saír ao encontro de toda embarcación que con dirección ao porto sexa avistada; facer as máis exquisitas indagacións sobre a súa procedencia, estado de saúde e demais circunstancias (…) e dispoñer que o buque sexa acompañado e vixiado ata o porto no caso que induza a menor sospeita”.

Nicolás Taboada Leal.

O  lazareto estaba baixo o mando dun alcaide, como unha prisión, quen tiña a obrigación de residir na illa de San Simón. Tamén, de ser moi estrito cos usos das tripulacións acollidas: “Coidará moi particularmente de que entre todos os habitantes do  lazareto reine a harmonía e boa orde debidos, e para o efecto prohibirá toda clase de xogos que poidan turbar a tranquilidade daquel sitio”.

Aínda non chegado o ecuador do século  XIX, tomábanse xa algunhas prevencións científicas, para favorecer a investigación: “Se un incomunicado falecese, o médico deberá dar a orde para o enterro por se dispón a disección anatómica do cadáver”. E “cando chegue o caso de darlle sepultura, coidará de que se abra unha gabia profunda, cubríndolle cunha capa de cal vivo“. Ademais, había un médico “versado no ramo das epidemias e contaxios”, acompañado dun  sangrador “destinado a practicar todas as operacións”.

O  lazareto de San Simón tamén coidaba da saúde espiritual dos internados. Así que foi creada unha praza de crego, convertido en “párroco do  Lazareto” que debía ser unha persoa “intelixente en idiomas estranxeiros”. Ademais, “todos os domingos e días de precepto celebrará misa”, e convídaselle a que lea “algún punto do evanxeo” para “exhortar especialmente aos empregados ao cumprimento das súas obrigacións”. O regulamento de San Simón foi aprobado en Madrid, o 15 de agosto de 1842. O pioneiro lazareto da ría de Vigo deixaría de utilizarse en 1923.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.