O primeiro antiviral oral para tratar a covid-19 na Unión Europea, Paxlovid, chega a Galicia nun momento no que as expectativas sobre este medicamento son enormes. Nesta primeira serie, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) recibiu 677 unidades coas que comeza esta semana a tratar pacientes con infección activa de risco. Segundo o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, a previsión é que cheguen á comunidade 3.000 unidades do fármaco nun primeiro trimestre; 5.400 no segundo, 6.000 no terceiro e 6.240 no cuarto.
A Axencia Europea dos Medicamentos (EMA) recomendou a atorización de Paxlovid, da farmacéutica estadounidense Pfizer, despois de que o seu Comité de Medicamentos de Uso Humano concluíse que as probas realizadas con enfermos da covid tratados co antiviral mostraban unha redución moi significativa, de ata un 89%, nas hospitalizacións e unha caída importante no número de mortes. As probas foron realizadas con pacientes con risco de que a enfermidade se agravase.
Quen pode recibir este fármaco?
Aboal explicou que está indicado en pacientes con infección por SARS-Cov-2 que presenten enfermidade leve ou moderada, nos primeiros cinco días de síntomas e que teñan un risco alto de progresar a covid-19 grave; así como en persoas non vacinadas maiores de 80 anos; non vacinadas maiores de 65 anos con polo menos un factor de risco; e inmunocomprometidos.
Paxlovid adminístrase vía oral, e os seus comprimidos teñen dose de mañá e noite cun intervalo de 12 horas. O tratamento tomarase durante cinco días e será indicado polo facultativo de Atención Primaria ou de Atención Especializada que efectúa o diagnóstico, a través de receita electrónica. Ademais, requirirá informe médico para a súa validación de forma previa á entrega informada no domicilio do paciente. A dose axustarase segundo a función renal do doente, que se comprobará con análises previas.
Que vantaxes ofrece?
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destaca “o valor do Paxlovid na capacidade que demostrou para reducir as hospitalizacións e salvar vidas”, polo que este medicamento incorpórase como “unha ferramenta máis” da que dispoñen os profesionais sanitarios na loita contra a pandemia xunto coas vacinas e o resto de tratamentos xa dispoñibles.
Paxlovid ten a vantaxe de administrarse por vía oral, o que permitiría realizar un tratamento ambulatorio
Paxlovid presenta diferenzas relevantes respecto ás alternativas existentes, xa que, como engade a Delegación, “ten a vantaxe de administrarse por vía oral, o que permitiría realizar un tratamento ambulatorio deste tipo de pacientes, controlando a progresión da infección e así freando a hospitalización e morte”, relata Juan Gestal, profesor emérito de Saúde Pública da USC, que engade: “Por iso vai a ser moi importante este fármaco, para protexer a poboación. Isto súmase ademais ás vacinas e á inmunidade despois da variante ómicron que está infectando a moitísimas persoas. Creo que todos estes elementos poden ser determinantes de cara ao fin da pandemia na chegada da primavera”.
Ademais, os estudos dispoñibles determinaron que Paxlovid conserva a súa actividade fronte a variantes como a ómicron. Ante as expectativas que esperta o novo fármaco, Gestal vense amosando optimista dende hai tempo, e sinala que “coa chegada deste medicamento agárdase que o virus deixe de circular como ata hoxe, finalmente, e pase de ser un virus pandémico a ser un virus endémico”. “Podería converterse nun coronavirus máis de outono-inverno”, manifestou xa en xaneiro, cando a Unión Europea autorizou o seu uso.
“Vai evitar sufrimento, morte e enfermidade”: os motivos para o optimismo co novo Paxlovid
O papel das farmacias
A Comisión Permanente de Farmacia acordou que a prescrición do Paxlovid se realizase no ámbito da Atención Primaria ou da Especializada en función do profesional que efectúe o diagnóstico, e serán as Comunidades Autónomas as que establezan as condicións de dispensación, xa sexa a través de Farmacia Comunitaria ou dos Servizos de Farmacia Hospitalaria.
Os farmacéuticos ofrécense a dispensar o medicamento para axilizar a súa administración
Por este motivo, O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos (CGCOF) propuxo que o antiviral oral se dispense a través das farmacias para axilizar a súa administración, o que podería axudar a optimizar o tratamento e, por tanto, que teña mellores resultados nos pacientes. Ao mesmo tempo, os farmacéuticos apuntan que o medicamento foi cualificado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) como “dispensable en farmacia comunitaria cun perfil de seguridade bastante aceptable”.
A Axencia Europea dos Medicamentos fai unha advertencia sobre o feito de que o antiviral ritonavir é coñecido pola súa interacción con outros medicamentos e que toda a información necesaria será posta en coñecemento dos responsables sanitarios. Esta indicación da EMA é outro dos argumentos da CGCOF para que o Paxlovid se dispense en farmacias, xa que o sinalan que o persoal farmacéutico podería evitar esa posible interacción.
Evusheld, outro fármaco que chega a Galicia
Evusheld, un fármaco de Astrazeneca que combina dous anticorpos monoclonais, administrarase a pacientes que poden ter resposta inmune insuficiente tras a dose de recordo, polo que quedarían sen estar protexidos fronte á enfermidade grave, segundo as explicacións da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Ademais, está indicado para un grupo minoritario de persoas con alerxia grave a algún dos compoñentes das vacinas fronte á covid-19 ou que tras a administración dunha dose previa presentaran unha reacción anafiláctica —polo que se contraindica a vacinación— e que teñan alto risco de enfermidade grave.
Durán comentou tamén o luns que este medicamento é similar a unha vacina e que se administra ao paciente antes de manifestar os síntomas da covid-19. Ademais, puntualizou que aos candidatos faráselles unha seroloxía, para ver quen, dentro dos grupos de risco indicados, non ten suficientes anticorpos e require esta medicación. Esta semana está prevista a chegada de 1.772 doses do fármaco en Galicia que serán recibidas no servizo de Farmacia do Hospital Universitario A Coruña e administraranse vía intramuscular con dúas inxeccións.