Unha onda de frío polar ameaza con levar a Galicia a mínimos históricos

En zonas do norte, as temperaturas do sábado situaranse entre as máis baixas na época dende 1979

Cunha coincidencia de circunstancias perfectas para a chegada do frío, o mes de abril comezará marcado polo frío. Un anticiclón no Atlántico e as baixas presións no continente europeo son os responsables da mobilización dunha masa de aire dende o Ártico, a que provocará esta baixada das temperaturas.

“O aire frío chegará o xoves, xustamente o último día de marzo, que xa será un día moi invernal con precipitacións por toda Galicia e vento do norte. Esa mesma noite, a cota de neve vai estar por debaixo dos mil metros. A masa de aire quedará sobre a comunidade, polo menos ata o martes 5 de abril, polo que veremos temperaturas moi baixas, xeadas en moitos puntos do interior e máximas que nalgúns casos non superarán os 10ºC“, explica Juan Taboada, meteorólogo en Meteogalicia.

Publicidade

Predicións invernais

A predición de Meteogalicia tampouco deixa lugar a dúbidas: mentres que a cota de neve será de 1.200 metros o xoves pola mañá, esa mesma noite xa se producirá unha baixada ata os 800 metros. Os ventos tamén aumentarán a súa intensidade co paso das horas, con intervalos fortes no litoral norte e nas zonas máis altas.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMet) sinala que a entrada de aire frío do norte afectará ao Cantábrico e á comunidade galega, posto que as precipitacións barrerán a península dende o noroeste cara o sueste.

Publicidade

Esta última axencia, compara as mínimas previstas para o sábado 2 de abril e as mínimas normais para o mes de xaneiro:

Fito histórico ou non?

Cunha primavera recentemente estreada, esta baixada das temperaturas tan brusca supón unha anomalía. Tanto que algúns meteorólogos xa falan de mínimos históricos para este mes que comeza.

No mapa compartido por Juan Jesús González Alemán, doutor en Física e meteorólogo en AEMet, estabelécense unhas temperaturas preditivas para o sábado 2 de abril que, comparadas co rango de temperaturas rexistradas entre 1979 e 2021, saen do habitual. Neste mapa, as temperaturas do próximo sábado en Galicia roldan o percentil 10, chegando inclusive ao 1 nalgunhas zonas do norte. Isto quere dicir que só o 10% e o 1%, respectivamente, dos datos rexistrados nas últimas décadas están por enriba das cifras que acadará a temperatura mínima na comunidade galega a próxima fin de semana.

Aínda así, González Alemán matiza que, “ao tratarse dun récord frío, é posible que antes de 1979 isto xa sucedera, xa que o clima estaba nun período máis frío”.

Por sorte, a presenza do vento do norte podería ser a causa de que non será en Galicia onde se rexistrarán as temperaturas máis baixas. Así o sinala outro meteorólogo da AEMet, Rubén del Campo. Neste caso, o rango de temperaturas utilizado para estabelecer o percentil é dende 1991 ata 2020:

Precisamente, Juan Taboada explica que “dado que xa estamos en abril, a anomalía prevista é bastante forte. Agora, para asegurar se vai ser histórico ou non haberá que agardar a ver cales son os rexistros e comparalos cos que xa temos. Ás veces levamos sorpresas, porque eu lembro meses de maio con cotas de neve baixas. É unha situación anómala, pero na meteoroloxía as situacións anómalas son bastante comúns e o cambio de estación non é algo brusco“.

Con todo, sexa un fito histórico ou non, a baixada das temperaturas e o aumento das precipitacións serán unha realidade, polo que convén estar preparados e tomar as precaucións pertinentes.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o mes de outubro máis seco dende 2007

O último informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi un 79% inferior ao habitual no período

Unha nova fronte atlántica acende a alerta por temporal marítimo na costa da Coruña

MeteoGalicia informa de que as precipitacións chegarán na xornada do martes, pero a influencia anticiclónica volverá a partir do mércores

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona