Xoves 28 Marzo 2024

O nobel de Química: “Meu pai traballa no aceiro e meu avó era mineiro, nunca imaxines teitos”

David MacMillan, galardoado en 2021 xunto a Benjamin List, fala para GCiencia: "Cando me deron a nova pensei que era unha broma de mal gusto”

Baixo a luz lixeiramente tenue do Salón Reitoral reloce unha medalla. A persoa que a sostén xera unha gran expectación: é o recoñecido investigador David MacMillan (Bellshill, Escocia, 1968). Aínda que mostra a insignia con modestia, os seus gravados en ouro son a viva representación dunha das máis altas condecoracións científicas: o Premio Nobel de Química. E é que MacMillan, xunto co seu compañeiro Benjamin List, foi galardoado en 2021 pola Real Academia das Ciencias de Suecia polo descubrimento da organocatálise asimétrica, un proceso revolucionario que non só facilita que as reaccións químicas vaian máis rápido, senón que tamén é “máis verde” e sostible.

MacMillan, que traballa actualmente na Universidade de Princeton (Estados Unidos), está a visitar estes días Santiago de Compostela para participar no décimo aniversario do Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no programa ConCiencia, promovido pola USC e polo Consorcio de Santiago. “Sempre quixen volver”, dixo MacMillan, en referencia á súa primeira visita a Santiago de Compostela. O prestixioso científico atendeu a GCiencia nunha entrevista e explicou en que consiste a organocatálise asimétrica, un descubrimento que lle valeu un Nobel. E tamén unha medalle que reloce, incluso, baixo as luces máis tenues.

Publicidade

—Cando recibiu a mensaxe de que vostede era un dos galardoados co Premio Nobel de Química, non o creu. De feito, falou con Benjamin List e pensou que era unha broma. 

—Foi algo así. Recibín unha mensaxe da Real Academia de Ciencias de Suecia. Eu estaba durmindo. Espertei, lino e pensei que era o nome equivocado. Tamén recibín unha mensaxe de Benjamin List dicindo: “Chámame”. Chameino e el dixo: “Dave, gañamos”. E eu respondín que non, que non mo podía crer. Díxenlle que tiña que ser unha broma de mal gusto e escribinlle dicíndolle que ía volver durmir.

—Incrible, non?

—Si, e embarazoso [risas].

“Santiago é a primeira cidade do estranxeiro que visito dende que recibín o premio”

—Como cambiou a súa vida dende que recibiu o premio?

—Cambiou de maneiras moi diferentes. A primeira é que agora podo viaxar arredor do mundo, coñecer xente fantástica e ir a lugares marabillosos. Santiago de Compostela é o primeiro ao que viaxo, no estranxeiro, dende que gañei o Nobel. É marabilloso, porque tamén che permite coñecer un montón de xente interesante, celebridades de todo o mundo que me chamaron para falar comigo. Tamén os políticos, pedíndome consello. Iso é xenial. Pero creo que a máis importante para min é que che dá aínda máis liberdade na túa  ciencia para pensar en novas direccións. Para min isto foi realmente emocionante. Hai moitas rúas que se abren porque acabas de gañar o Premio Nobel.

—Como afecta á investigación? Canto máis tempo pasa no estranxeiro, menos tempo pasa no laboratorio. 

—Si, ese é o único problema. Teño que pasar moito tempo facendo un montón de cousas. Pero ao mesmo tempo, hai partes disto que son marabillosas. Por exemplo, dun tempo a esta parte moitos institutos contactan comigo e así podo falar cos estudantes dende Zoom. Onte en Pontevedra foi en persoa e iso é incrible. Non me decatara antes do emocionante e valioso que é falar con xente tan nova, ver as súas reaccións. A veces cara a min, pero máis cara a medalla [risas]. É realmente xenial. E ver esa paixón e emoción, especialmente en xente tan nova, fai que unha persoa de mediana idade se sinta moi ben respecto ao impacto que a ciencia pode ter na xente nova e no seu futuro.

“O máis importante para min é que o premio che dá aínda máis liberdade na túa ciencia para pensar en novas direccións”

—Ese tipo de iniciativas son fundamentais para espertar as vocacións científicas, que tanta falla fan, especialmente entre as nenas. 

—Si, é algo realmente importante. Temos que atopar novas formas de representar as demografías, as comunidades no laboratorio para equilibrar as porcentaxes. Debemos traballar moi duro nisto. Pero hai veces que segue a ser difícil. No meu laboratorio aínda vexo que incluso tendo moitas, moitas mulleres, o número de académicas segue a ser unha porcentaxe menor que a dos homes. Traballamos moito nisto, pero segue a ser un problema complicado. É importante lanzar programas para fomentar isto e estamos tratando de facelo mellor.

—Talvez un dos problemas está aí, en que hai moitas investigadoras pero poucas delas chegan a posicións de poder. 

—Sen dúbida. Se miras os postos máis altos en calquera tipo de ciencia, ese segue a ser o caso. É un aspecto no que estamos traballando moi duro para poder cambialo. É a única maneira de conseguilo é promocionando as vocacións entre as mulleres. Se nós non facemos isto, non vai cambiar. En Estados Unidos temos outro problema que é un tenure process [proceso para a titularidade dos postos académicos].Isto acontece a unha idade que non é o momento axeitado para moitas mulleres. E estamos intentando cambialo tamén. Penso que o sistema é, en si mesmo, un problema pola forma na que está establecido.

“No meu laboratorio hai moitas mulleres pero o número de académicas segue a ser menor que o de homes”

—Tamén é imprescindible ter referentes. Cales eran os seus?

—Cando era novo, o meu referente era meu irmán. Eu veño dunha familia da clase traballadora. Meu pai traballa no aceiro e meu avó era mineiro. O meu irmán foi a primeira persoa en ir á universidade. E cando el entrou, meu pai e miña nai estaban moi descontentos. Eles pensaron que era sendo vago. Finalmente, el conseguiu un traballo e gañaba máis cartos ca meu pai. Entón, meu pais dixeron: “Vale, debías ir á universidade”. Ou sexa que el era o meu modelo a seguir, sen dúbida. Se non fose por meu irmán, eu non estaría sentado agora mesmo fronte a ti.

—Non sei se tivo sempre clara a vocación científica, pero chegar á química si foi un pouco unha cuestión de casualidade. 

—Fun á universidade a facer Física e decidín que non me gustaba nada. Ademais a aula era fría nas primeiras horas da mañá e eu non era alguén que estivera convencido de que me ía gustar de verdade a universidade. Ou sexa que o primeiro ano oi díficil. Pero ao mesmo tempo empecei a estudar química e estaba nesa aula quente e bonita. Ademais, a química orgánica… Nunca atopara unha materia como esta anteriormente. Cando lía, tiña sentido, era emocionante e interesante. E aí souben que por aí iría a miña carreira profesional.

“Meu irmán foi o primeiro da miña familia en ir á universidade e meus pais estaban moi descontentos, tomábano por vago”

—E aquí está, cun Premio Nobel. Que lle diría a un estudante de química que tamén poida vir, coma vostede, dunha clase traballadora. E que nunca, talvez, imaxine en gañar un Nobel.

—Creo que a primeira cousa que lle diría a alguén que vén dunha clase traballadora é que non imaxine que ten un teito. Non imaxines que hai un teito encima túa. Un sempre imaxina que estes niveis son imposibles de acadar pero pasas moito tempo dentro da túa mente e ti impós as túas propias barreiras. E a miúdo, cando mires e penses que vai ser imposible, pensa que só tes que seguir intentándoo. Fallarás, porque haberá moitos fallos, porque os fallos tan só son experiencias. Pero finalmente, se continúas inténtandoo,  chegarás alí, sen dúbida. Pero nunca te deteñas. Ese sería o meu primeiro consello.

—Onte estivo en Pontevedra, no IES Sánchez Cantón. Como traslada o significado da organocatálise asimétrica aos máis novos? Ou incluso á xente de a pé.

—A catálise é extraordinariamente importante para o mundo. Pero só hai dúas formas: catálise metálica e enzimas. Nós decidimos inventar unha terceira vía que usa moléculas orgánicas máis pequenas que proveñen da vida. Poden estar nas túas mans, nos teus brazos. E se as usas, son moito máis baratas, non son tóxicas, e despois de todo, elas volven ao ciclo da vida. E, por tanto, son máis sustentables.

—Por tanto, un proceso moito máis económico.

—Si, moi barato. Nós dicimos que é como democratizar a catálise. Porque calquera lugar do mundo, dá igual que país, incluso se ten moi poucos recursos, pode facer este tipo de catálise. Ou sexa que a próxima gran idea da organocatálise pode vir de calquera lugar do mundo. Non importa canto diñeiro haxa.

“Un imaxina que estes niveis son imposibles de acadar e imponse as súas propias barreiras, pero se o intentas chegarás. Sen dúbida”

—Xa se está aplicando?

—Si, estase a usar. Por exemplo, nos champús para o pelo, no perfume, na agroquímica pero, sobre todo, en medicina e farmacia.

—Na actualidade, o seu laboratorio está a investigar como a luz solar pode xerar novas reaccións químicas. En que momento está agora o proxecto?

Photoredox está agora intentando cambiar a bioloxía, non a química. Estamos facendo cousas dentro das células, traballando con moitas compañías farmacéuticas porque  realmente pensamos que inventamos unha nova tecnoloxía que che permite entender a bioloxía nunha maneira na que non fora entendida antes. E ten moitas, moitísimas aplicacións. Inmediatamente para cancro e oncoloxía, pero tamén para enfermidades do corazón, para a neurociencia e para diferentes áreas. O que facemos é usar luz visible e como as células che permiten entender a bioloxía dunha maneira diferente.

—Semella que tamén será un proceso máis económico.

—Si. A luz é bastante máis sostible. Xa sexa porque se usa a enerxía solar, pero tamén porque podes usar electricidade e pode ser sustenable. Ou sexa que o custo de usar luz é moi, moi barato. Hai moitos exemplos, pero un deles está en Xenebra, en Suíza. Están utilizando un proceso moi longo para facer un produto químico. Antes tiñas que facer seis operacións, moitos días, moito desperdicio… Agora, unha soa reacción química e unhas poucas horas porque están a usar a luz para facer química.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Isto é o que non se conta dos achados científicos do ano

Un ano máis, a ciencia deu grandes pasos pero non fixo milagres. E isto non todo o mundo o conta así de claro

A elección dunha muller para o Nobel de Química altera a tendencia a premiar investigacións masculinas

O 50% das científicas galardoadas dende 1901 recibiron o recoñecemento nos últimos 20 anos

O CiQUS cumpre 10 anos á vangarda da investigación internacional en química

Os días 30 e 31 de marzo e o 1 de abril celebrarase un simposio no que participará o Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan

O CiQUS conmemora unha década na investigación

Para celebrar o aniversario, o centro celebrará o I Simposio Química na Fronteira, ao que acudirán David MacMillan, Helma Wennemers e Harry Anderson