“O novo fármaco galego podería funcionar para todos os coronavirus”

Investigadores de Santiago e Cataluña ensaian un medicamento que parece diminuír a carga viral e reducir o número de ingresos hospitalarios e de UCI

Optimismo. Esa é a palabra que emprega a investigadora Mabel Loza para describir un ensaio clínico prometedor e con selo galego: o dun fármaco oral que frea a replicación viral do SARS-CoV-2. A iniciativa, que nace do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Hospital del Mar de Barcelona, parte con boas expectativas. “Polo seu mecanismo de acción, tamén podería funcionar para os virus de ARN. É dicir, para todos os coronavirus. Esa sería outra boa noticia, pero hai que demostralo”, apunta Loza, tamén coordinadora do grupo BioFarma, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

“Os virus de ARN, como o coronavirus, entran nas células e comezan a replicarse. Así é como se infecta e se transmite a enfermidade. Pero a nosa hipótese é que este fármaco, polo seu mecanismo de acción, é capaz de frear a replicación viral”, engade Loza. Segundo explica, así quedou demostrado nos anteriores ensaios, realizados tanto en células como en animais. De todas formas, a investigadora insiste que é preciso demostralo en humanos, que é o principal obxectivo de SIGMA4COVID, o ensaio clínico que xa está en marcha en centros de atención primaria de Galicia e Cataluña. Ademais, a iniciativa presentouse esta mañá de maneira oficial nun acto celebrado no IDIS.

Publicidade

“É o primeiro ensaio clínico en España cun fármaco destas características”

Debido ao seu mecanismo de acción, Loza detalla que sería preciso administralo nas primeiras 48 horas co obxectivo de frear a replicación viral o antes posible. Aínda que isto se confirmará nos resultados do ensaio, que se prevén coñecer en outono, Loza xa adianta outra das vantaxes do posible medicamento: “É un fármaco oral cun potencial uso ambulatorio, polo que non é preciso que se administre nun hospital”. Ademais, a investigadora confirma que se trata do primeiro ensaio clínico que se realiza en España cun medicamento destas características —é dicir, oral e para frear a replicación dos virus—. “Ata onde coñecemos, tamén está entre os 12 mundiais que se están a probar co mesmo obxectivo”, recalca Loza.

A fin de contas, a meta final do fármaco non sería outra que diminuír a carga viral para que tamén se reducisen tanto a mortalidade, como os ingresos hospitalarios e de UCI debidos á covid. De feito, o fármaco que acaba de entrar na fase II de ensaio clínico, xa está aprobado pola Agencia Española del Medicamento (AEMPS). De todas formas, isto non significa que xa estea comercializado. “Aínda non chegou ao mercado”, confirma Loza.

Publicidade

Un medicamento inicial para a dor neuropática

Segundo lembra a investigadora, a iniciativa que agora está en marcha naceu durante a pandemia. O obxectivo do seu equipo era o de buscar medicamentos que curasen a covid ou, polo menos, diminuísen a súa gravidade. Con todo, Loza recoñece que a media para que os fármacos cheguen ao mercado está en 10 anos, malia que agora se reducisen moito os prazos grazas ao necesario desenvolvemento das vacinas. “A nosa idea era atopar fármacos que servisen para a covid e que, ao mesmo tempo, xa estivesen na fase I. É dicir, que xa se considerasen seguros para administrar por vía oral”, explica Loza. Polo tanto, o medicamento que se está a probar agora fora deseñado, en primeira instancia, para tratar outra doenza.

“Probamos máis de 1.000 fármacos. Pode que, incluso, máis de 2.000. Pero a sorpresa que levamos foi moi boa”, recorda Loza. Atoparon un fármaco que se estaba a investigar para o tratamento da dor neuropática, que xa pasara a fase de seguridade en humanos e que, ademais, “a pasara moi ben”. “Como era un fármaco para a dor, estaba pensado para empregarse durante moitos meses seguidos. Iso era unha premisa máis garantista, posto que para a covid non o ías usar máis de 15 días”, matiza a tamén investigadora do CiMUS, que apunta que o fármaco se descubriu na Unidade Mixta Esteve-USC.

Diferenzas co Paxlovid

Aínda que este é o primeiro fármaco oral que frea a replicación dos virus que se está a ensaiar en España, xa hai outros no mercado con estas características. Loza menciona o máis coñecido, e un dos únicos: o Paxlovid, da farmacéutica Pfizer. “A súa é unha historia moi parecida á nosa. Tamén viña dunha fase I da mesma compañía pero para tratar outra doenza”, explica Loza, quen engade que foi o primeiro fármaco comercializado en España con estas características.

Científicos galegos lanzan un fármaco oral para pacientes covid

No que respecta ás diferenzas, Loza asegura que aínda é pronto. E, polo tanto, ata que non se teñan os resultados do ensaio clínico será difícil atinar. O que si se pode dicir nun principio é que, en palabras de Loza, Paxlovid vai asociado a outro produto. É dicir, ten outro compoñente que serve para inhibir o metabolismo. “O que nós estamos a ensaiar, non. Se a nosa proba saíse ben podería ser incluso mellor, pero hai que demostralo aínda”, matiza a catedrática da USC.

Finalmente, Loza estima que no ensaio clínico poidan participar arredor de 120 persoas, sen que haxa aínda unha cifra estimada para Galicia. Dende logo, a iniciativa vén cargada de optimismo, malia que a mellora da situación epidemiolóxica desviase o foco de atención do coronavirus. “Dende logo, a covid é menos grave pero segue a producir ingresos e mortes”, lembra a investigadora do CiMUS. E anima as persoas a que participen no ensaio clínico. “Oxalá máis doentes acepten participar. As vacinas saíron adiante grazas aos voluntarios. Esta é unha das formas nas que conseguimos que a ciencia avance”, conclúe Loza.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional