O Aquarium Finisterrae presenta unha exposición sobre ‘Vermes mariños’, composta por 13 fotografías e un vídeo que pretende achegar ao público a diversidade morfolóxica dos poliquetos. A mostra presenta algúns dos máis característicos da costa europea, que adoitan pasar desapercibidos debido ao seu pequeno tamaño e viven escondidos entre as algas ou o sedimento.
Existen no mundo algo máis de 12.000 especies de poliquetos, case todos mariños. Grazas ao uso da macrofotografía, pódese apreciar a beleza da morfoloxía destes auténticos descoñecidos dos mares galegos e mundiais. O termo poliqueto procede do grego e significa moitas sedas, facendo referencia ao elevado número de producións quitinosas, habitualmente con forma de agulla, situadas nunhas expansións laterais dos segmentos, chamadas parápodos, e que parecen patas.
Pódense atopar unha gran variedade de tamaños, formas e de modos de vida. Moitas viven furando o sedimento fangoso ou arenoso, outras viven sobre algas ou outros animais, e algunhas perforan roca, corais e cunchas de moluscos. Os poliquetos habitualmente forman parte da dieta de moitos outros organismos mariños, como crustáceos e peces, algúns deles de interese comercial.
Imaxes espectaculares
A exposición acompáñase dun vídeo gravado no Aquarium Finisterrae onde se mostran imaxes espectaculares dos dous poliquetos mariños que se manteñen nas instalacións. Son especialmente interesantes as do denominado Eunice roussaei, un activo depredador duns dous metros de longo que caza todo tipo de presas, e que se mantén na corentena do Aquarium Finisterrae.
‘Vermes mariños’ está producida e comisariada por Julio Parapar, profesor titular da Universidade da Coruña e investigador en taxonomía e ecoloxía de Poliquetos. As fotografías foron realizadas por Arne Nygren, especialista en Poliquetos do Departamento de Ciencias Mariñas da Universidade de Goteburgo, de Suecia.