O chío das gaivotas, as ondas rompendo contra os cantís de cabo Vilán e os ceos nubrados ameazando con chover. Esta é unha estampa ben coñecida por calquera que visitara algunha vez este recuncho de Camariñas. Pero máis alá do turismo, esta localización da Costa da Morte serviu para inspirar Call of Duty: Modern Warfare II, un videoxogo de disparos en primeira persoa. Na misión Recoñecemento por lume, os xogadores deben camuflarse para se infiltrar no faro de cabo Vilán, que está tomado por unha banda de narcotraficantes. Porén, o videoxogo recibiu numerosas críticas polos seus erros de ambientación: aparecen carteis escritos en catalán e topónimos valencianos.
A recreación da zona está bastante lograda. De feito, os personaxes do videoxogo cruzan por un terreo sementado de aeroxeradores e atópanse tamén cunha piscifactoría. As casas de aldea, os ceos nubrados e o son das ondas e das gaivotas tamén favorecen a ambientación. Mais hai erros que difuminan os acertos. Por exemplo, nun dos carteis que sinalan unha zona protexida aparecen textos en castelán e a súa correspondente tradución ao catalán e non ao galego, como correspondería. Así, poden lerse frases como No calar foc (Non prenda lume) ou No llençar escombraries (Non tirar lixo).
O uso de estereotipos

Estas non son as únicas críticas que recibiu a misión do Call of Duty ambientada na Costa da Morte. Outra das máis salientables é o uso de estereotipos, onde se debuxa unha Galicia dominada polas bandas do narcotráfico. Ademais, a acción transcorre en 2022, polo que o videoxogo, que saíu ao mercado o ano pasado, tamén está ambientado nunha época recente —a diferenza das primeiras entregas da saga, que recreaban as batallas da Segunda Guerra Mundial—. Polo tanto, o obxectivo dos xogadores é facerlle fronte aos narcotraficantes, tomando o faro e camuflándose nunha contorna ben recreada.
De todas formas, se unha atende aos detalles, decátase que hai outros erros de ambientación máis alá dos carteis en catalán. Por exemplo, modificáronse os nomes da piscifactoría e do parque eólico. E hai construcións arredor do faro que tampouco recrean con exactitude as edificacións reais. Todo isto está compensado pola néboa e a vexetación autóctona. Un escenario que os creadores desta secuela de Call of Duty consideraron ideal para ambientar a súa misión.