Xoves 25 Abril 2024

Realidade virtual para tratar o párkinson: “Nuns anos estará implantada na sanidade pública”

Un estudio pioneiro da Universidade de Vigo afonda no traballo cognitivo a través de terapias inmersivas

Nin se sabe de onde vén nin existe cura. A enfermidade do párkinson afecta a 150.000 personas en España e a cada quen prexudícalle dunha maneira distinta. Nos últimos anos a evidencia científica demostrou que as terapias físicas como o pilates serven para ralentizar a doenza, así como para axudar nas depresións e protexer a saúde mental das persoas parkinsonianas. Investigadores galegos que colaboran con asociacións quixeron ir máis alá e incorporar o traballo cognitivo que proporciona a realidade virtual ás terapias físicas, un territorio que facía falta explorar. A meta: chegar á sanidade pública e que sea accesible a toda a poboación.

O párkinson trátase con fármacos que poden minorar o período dexenerativo, mais nos últimos 10 anos os investigadores da enfermidade comprobaron que os programas de fisioterapia, baseados no exercicio terapéutico, poden ser un elemento modificador da enfermidade. O fisioterapeuta especializado en párkinson da Universidade de Vigo, Pablo Campo, explica que isto serve para diminuír o proceso dexenerativo da persoa e tamén para obter melloras de capacidades funcionais, así como avances específicos asociadas á morte das neurones domapinérxicas —a falta de dopamina é un dos principais síntomas do párkinson—.

Publicidade

A afectación dos sistemas motores é a parte máis visible da enfermidade no corpo humano, porén, existen trastornos neuropsiquiátricos e cognitivos como demencia, coordinación, falta de concentración ou imposibilidade de realizar varias tarefas á vez que impiden e dificultan o día a día das persoas con esta doenza. Estes foron os feitos que motivou a Pablo Campo a incorporar a realidade virtual para tratar o párkinson. A inmersión provoca que as persoas teñan que prestar moita atención ás secuencias, integrando os tempos de resposta e a función executiva. “Non había ningún estudo internacional que colocase una tecnoloxía tan novidosa, probablemente hacía certo respecto”, comenta o investigador.

As prácticas con realidade virtual poden contribuír nos procesos de depresión

No 2019 o equipo da UVigo comezou a trazar estudos de caso, que é o previo ao estudo piloto, coa Asociación de Párkinson de Vigo. Aí descubriron a resposta positiva nos pacientes, lonxe do cybersikness, que é unha reacción física desfavorable inducida por tecnoloxías de realidade virtual. Nas terapias, os pacientes colócanse unhas lentes e un casco e levan a cabo exercicios de rixidez, equilibrio ou forza. O uso destas ferramentas permite aplicar unha medicina personalizada a cada doente, co cal, as secuencias de inmersión non serán as mesmas para todos. “Estes programas están individualizados á súa patoloxía. Por exemplo, no estadío tres hai compromisos coa estabilidade postural. Tamén hai persoas que teñen que facer o exercicio nunha cadeira de rodas” explica Campos. “As terapias son unha combinación de habilidades, coordinación, tempo, velocidade e reacción“.

O investigador Pablo Campo cunha paciente nunha das terapias inmersivas. Fonte: UVigo

A partir desta proba en Vigo os investigadores comezaron a presentar comunicacións en congresos internacionais e deron luz á proba piloto con 32 persoas, cunha idade media entre os 70 e 71 anos. “Fixemos máis de 60 sesións cun xogo centrado no boxeo, que vai moi ben porque traballa movementos amplios e a función executiva. O escenario no xogo é atractivo, pode ser unha praia, o mar, con diferentes estímulos. Cada cor é respondida cun membro do corpo”, expón o investigador. En primeiro lugar, os terapeutas comezan con charlas informativas, conta Campo que nun primeiro momento a súa expresión é de “asombro mesturado con ledicia”. As probas obtiveron unha valoración moi positiva, os expertos centráronse en acadar un alto nivel de satisfacción nos pacientes para conseguir a maior adherencia para o estudo.

Artigos científicos

En xeral, os pacientes de párkinson consideran que é unha proba moi útil, o que lles pode motivar a facer exercicio a diario e non ter que desprazarse ata onde se realicen sesións físicas. “Con esta premisa deseñamos estudos que van dar lugar a artigos científicos, baseados nun estudo clínico cun grupo experimental“, comenta. As exposicións na realidade virtual non duran máis de 10 minutos e os pacientes deben estar moi concentrados. Proximamente, os resultados deste estudo serán presentados no Congreso Mundial de Párkinson que se celebra en Barcelona, onde se reúnen os investigadores más influentes neste campo.

Sobre a incorporación da realidade virtual á sanidade pública, Campo teno claro. O tratamento do párkinson debe ser un proceso de coidados de longa duración e a cobertura actual é “moi deficitaria”, alega. As recomendacións que reciben as persoas parkinsonianas son xenéricas e non se facilitan espazos para a práctica deportiva, de maneira que os doentes adoitan facer exercicio pola súa conta, acudindo á asociación máis próxima ou a un ximnasio. Campo confía en que nun anos a realidade virtual estará implantada nos centros públicos. “Podería ser nos hospitais, sempre e cando a atención primaria puidese ter sesións comunitarias dirixidas a esta población”. O primeiro paso é completar a evidencia científica que falta para asegurar que non hai efectos adversos nestas terapias inmersivas, e sobre iso, engade Campo, os estudos da UVigo proporcionan unha liña moi potente.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Pesticidas e párkinson: unha conexión fóra de toda dúbida

Diferentes estudos realizados demostran que ata dez insecticidas, funxicidas e herbicidas producen danos neuronais asociados a esta doenza.

Científicos galegos buscan biomarcadores para a detección precoz do párkinson

Un foro reúne en Santiago a centros de investigación e asociacións para abordar os avances no estudo das enfermidades neurodexenerativas

Cal é a mellor opción para facer ‘cardio’ na casa?

Se estás pensando en mercar un aparello para adestrar pola túa conta, aquí tes os pros e contras das principais alternativas