Identificadas as neuronas que morren no párkinson

Investigadores estadounidenses atopan un grupo de células "altamente susceptibles" á dexeneración, que poderían ser as candidatas á intervención terapéutica

Un equipo de investigadores do Instituto Broad, en Estados Unidos, logran identificar as neuronas que morren na enfermidade de párkinson e descobren que as fai tan vulnerables. O estudo, que acaba de ser publicado na revista Nature Neuroscience, foi dirixido polos neurobiólogos Tushar Kamath e Abdulraouf Abdulraouf. O equipo estudou as neuronas de persoas que morreran de párkison ou de demencia, en comparación con persoas non afectadas por ningún dos dous trastornos. O que atoparon foi un grupo de células que eran “altamente susceptibles” á dexeneración, que poderían ser as principais candidatas para a intervención terapéutica.

A substancia negra do párkinson

A enfermidade de Parkinson é unha doenza neurodexenerativa progresiva caracterizada por movementos incontrolables como tremores, dificultades na fala e problemas de equilibrio que empeoran co tempo. Está causada por danos nas células nerviosas que producen dopamina, un mensaxeiro químico que regula o estado de ánimo e os movementos do corpo. A perda de neuronas dopaminérxicas na parte do mesencéfalo chamada substancia negra é unha característica patolóxica do párkinson. Aínda que non todas as células cerebrais dopaminérxicas morren, aínda non temos un coñecemento firme das características moleculares que fan que algunhas neuronas sexan máis vulnerables á enfermidade que outras.

Publicidade

O equipo de científicos detrás deste último estudo propúxose illar e mapear miles de neuronas individuais dos cerebros de persoas que morreran de párkinson ou de demencia con corpos de Lewy, unha forma menos coñecida de demencia que pode ocorrer soa ou xunto con outros trastornos cerebrais. Kamath e os seus colegas examinaron aproximadamente 22.000 neuronas illadas de mostras de tecido cerebral humano de 10 individuos que morreron destas enfermidades e de 8 persoas non afectadas por ningún dos dous trastornos.

O párkison é unha doenza neurodexenerativa progresiva caracterizada por movementos incontrolables

Medindo os niveis de actividade xénica en células individuais, o equipo identificou 10 subtipos distintos de neuronas produtoras de dopamina na substancia negra, cada un deles distinguible polos seus perfís de actividade xénica. Pero un grupo de neuronas dopaminérxicas destacou pola súa ausencia nos cerebros das persoas con párkinson. Nunha inspección máis próxima, atoparon que os procesos moleculares vinculados á morte celular noutras enfermidades neurodexenerativas amplificáronse neste grupo particular de neuronas dopaminérxicas, e sinalaron exactamente onde as células adoitan residir: na parte inferior da substancia negra pars compacta. É máis, este subconxunto de neuronas tiña a maior expresión de xenes que confiren risco de desenvolver párkinson, o que podería explicar a súa vulnerabilidade única.

Publicidade

Noutras palabras, os factores de risco xenéticos coñecidos para a enfermidade de Parkinson poderían estar a actuar sobre “as neuronas máis vulnerables que inflúen na súa supervivencia”, escriben os autores no artigo.

É importante sinalar, con todo, que o párkinson e a demencia con corpos de Lewy son dous trastornos diferentes que comparten algunhas características similares: pérdense as neuronas dopaminérxicas do mesencéfalo, fórmanse grupos anormais de proteínas chamadas corpos de Lewy dentro das células, e as persoas a miúdo experimentan a mesma tríada de trastornos do movemento motor.

Un estudo que lanza luz, pero non é definitivo

Á luz destas similitudes, o novo estudo “proporciona información valiosa sobre as alteracións comúns a estas dúas enfermidades”, escribe Ernest Arenas, neurobiólogo molecular do Instituto Karolinska, nun comentario que acompaña á investigación. Con todo, algunhas alteracións específicas da enfermidade poden estar infrarrepresentadas e non ser detectadas debido ao reducido número de persoas incluídas na mostra, advirte.

Porén, agora que sabemos máis sobre as células máis vulnerables ao párkinson e o que as fai funcionar, os investigadores poderían deseñalas no laboratorio reprogramando as células da pel, primeiro en células nai flexibles, e logo nos tipos de células cerebrais identificadas polos investigadores. Este proceso podería permitir aos científicos investigar os factores xenéticos da enfermidade, examinar posibles candidatos a fármacos ou mesmo explorar a posibilidade dunha medicina rexenerativa para o párkinson.

“Esta é unha tarefa crítica, xa que a nosa capacidade para identificar marcadores e obxectivos procesables para o párkinson determinará a nosa capacidade para desenvolver novas terapias para este devastador trastorno”, escribe Arenas.


Referencia: Single-cell genomic profiling of human dopamine neurons identifies a population that selectively degenerates in Parkinson’s disease (Publicado en Nature Neuroscience)

*Este artigo foi publicado orixinalmente no portal de noticias ScienceAlert. Podes ler a versión orixinal na seguinte ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Como afecta ao corpo humano a exposición ao fume dos incendios

O transporte masivo de partículas tóxicas activa en Galicia alertas pola mala calidade do aire nos concellos de Vigo e de Cee

A USC crea un modelo para predicir a resposta dos pacientes de cancro á inmunoterapia

O achado amosa unha maior eficacia que o actual método empregado nos hospitais para estudar a resposta dos pacientes ao tratamento

Investigadoras galegas estudan o emprego da mostaza branca con fins medicinais e no agro

María Figueiredo e Alicia Paz avaliaron a actividade neuroprotectora e antimicrobiana das sementes e o aceite desta planta popular

Polbos: que sucede cando se ten cerebro por todo o corpo?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Artigo de Imaxine vostede un polbo. Agora, terá que esquecerse de...