Galicia está entre as comunidades con maior taxa de ingresos por herpes zóster

Investigadores do Instituto de Saúde Carlos III publican un estudo sobre o aumento das hospitalizacións derivadas do virus

O herpes zóster é “un importante problema” de saúde pública en España “que hai que priorizar” por tres motivos: vai en aumento, pola súa relación co envellecemento e pola súa gravidade en determinados grupos de risco. Así se recolle nun traballo sobre hospitalización por herpes zóster en España, realizado por investigadores do Centro Nacional de Epidemioloxía Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII),  recentemente publicado na revista Eurosurveillance. Nel asegúrase que Galicia está na segunda franxa con máis ingresos derivados deste virus.

A investigación, liderada por Carlos Risco, aborda dúas cuestións. Por unha banda, describe a epidemioloxía dos ingresos hospitalarios relacionados co herpes zóster (HZ) e analiza a gravidade do HZ no noso país. Por outro, avalía a eficacia da estratexia de vacinación actual e unha posible implementación gradual da mesma.

Publicidade

O virus da varicela zóster (VZV) é un virus do herpes neurotrópico humano que causa dúas enfermidades distintas que poden previrse con vacinas. A varicela, a infección primaria adoita ocorrer na infancia, e o herpes zóster —tamén chamado culebrilla— é o resultado da reactivación do VZV latente. Máis do 90% da poboación mundial alberga un virus VZ latente.

É preciso priorizar a loita contra o HZ por tres motivos: vai en aumento, pola súa relación co envellecemento e pola súa gravidade en grupos de risco

Para levar a cabo a investigación, o equipo do ISCIII analizou 65.401 casos de persoas hospitalizadas en España por mor do HZ entre o 1 de xaneiro de 1998 e o 31 de decembro de 2018, rexistrados na base de datos de altas hospitalarias do Sistema Nacional de Saúde.

Publicidade

Coa  documentación de referencia os investigadores extraeron as seguintes características socio-demográficas e clínicas: o 51,2% dos pacientes hospitalizados con HZ eran homes, fronte a un 48,8% de mulleres; a súa idade media é de 65,9 anos, cunha mediana de idade de 71. A media de estancia hospitalaria foi de 8 días e o 14,7% das hospitalizacións por herpes zóster foron reingresos durante o primeiro mes tras o alta, os máis de homes. A morte foi o desenlace do 5,8% de todas as hospitalizacións: 378 nos 20 anos de estudo.

Diferenzas xeográficas

Tamén constataron diferenzas xeográficas significativas na incidencia dos ingresos hospitalarios con diagnóstico de HZ en España,  uns cocientes que oscilan entre os 6,50 e os 11,93 casos por 100.000 habitantes e que castigan especialmente ao norte peninsular.

Neste arco de incidencia, Galicia sitúase na franxa comprendida entre os 10,35  e 11,93 casos por 100.000 habitantes, similar á das comunidades de Madrid, Castela-A Mancha, Cantabria e Cataluña. Cinco comunidades rexistran unha incidencia máis alta: Asturias, País Vasco, A Rioxa, Navarra e Aragón.

O resto dos territorios sitúanse por baixo do cociente galego de hospitalizacións por HZ mais con diferenzas significativas. Castela e León, Estremadura, Murcia e Baleares rexistran entre 9,28 e 10,55 casos por 100.000 habitantes; en tanto que en Andalucía e Valencia descenden a un arco que vai desde os 9,28 aos 6,50 ingresados. Non chegan a 6,50 casos en Canarias nin nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

A Consellería de Sanidade conta con informes non sistematizados sobre o herpes zóster en Galicia, algúns deles recollidos no Boletín Epidemiolóxico de Galicia, que presentan datos na liña dos analizados polo equipo do ISCIII en canto o perfil demográfico (sexo e idade) agora ben, cunha  estancia media máis elevada, de 3 días máis. Así ocorre no informe centrado no marco temporal1995-2004 que avalía 769 casos e tamén no que reflicte o período 2005-2011 sobre ingresos por HZ na comunidade, con  527 casos. En cada un dos períodos rexistráronse 17 falecementos.

O herpes zóster caracterízase por unha erupción cutánea dolorosa, que ás veces pode complicarse con neuralxias prolongadas —a denominada neuralxia pos-herpética, que pode prolongarse ata 90 días—, con encefalites, pneumonía, problemas auditivos e complicacións oculares con perda temporal ou permanente de visión.

Malia que a maioría dos pacientes con herpes zóster non precisan hospitalización, existen grupos de risco sobre os que se extrema a vixilancia, xa que un tratamento temperá pode acurtar a infección e diminuír a posibilidade de complicacións. É o caso de persoas con patoloxías que debilitan o seu sistema inmunitario (VIH, leucemia, linfoma ou neoplasia maligna sólida) e maiores de 65 anos.


Referencia: Epidemioloxía do Herpes Zóster na era pre-vacinación: establecendo a liña basee para o programa de vacinación en España (Publicado en Eurosurveillance)

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Respirar o fume dos incendios xa é un problema emerxente de saúde pública

Estudos recentes mostran que a exposición prolongada ou intensa aumenta a mortalidade, eleva os ingresos hospitalarios e xera riscos en colectivos como os bombeiros

Bebidas enerxéticas e vapeadores, prohibidos para os menores galegos a partir de marzo

A Xunta publica a nova lei de protección de saúde e convértese na primeira comunidade autónoma en vetar o consumo de novos produtos adictivos

Os numerosos beneficios para a saúde que nos ofrece o peixe a un baixo custo climático

O alimento mariño resulta unha fonte accesible de nutrientes esenciais que impulsa o benestar físico e apoia á sostibilidade

O Ministerio declara alerta vermella no sur da provincia de Pontevedra ante a chegada de temperaturas extremas

As autoridades sanitarias activan o nivel máximo de risco para a saúde pública tras superar os umbrais establecidos, mentres a zona do interior continúa nunha situación leve