Novos achados en Penas do Castelo suxiren que o lume arrasou parte do antigo castro

A última campaña arqueolóxica no xacemento da Pobra do Brollón revela numerosos fragmentos cerámicos nun "moi bo estado de conservación"

A cuarta campaña arqueolóxica que se está a realizar no castro de Penas do Castelo, no concello lucense da Pobra do Brollón, está sacando á luz novos datos sobre a historia deste xacemento. Ata o de agora, pouco se sabía sobre este enclave, máis alá da súa complexidade, da súa tipoloxía pouco común e da súa muralla monumental. Os últimos traballos no xacemento, datado no século IX antes da nosa era, revelaron unha gran cantidade de fragmentos cerámicos en “moi bo estado de conservación”. Tamén se atoparon evidencias dun antigo incendio, que puido arrasar algunhas das edificacións do castro.

“Debeu haber un lume que fixo colapsar as paredes de pallabarro, tal e como indica a cor calcinada e os numerosos carbóns atopados. Esta parede cae sobre o que había no interior da edificación, deixándoa selada e nun bo estado de conservación”, explica o equipo de arqueólogos que está a traballar en Penas do Castelo. Con todo, recoñece que aínda se precisa máis información para confirmar estes resultados preliminares.

Publicidade

Este achado puido concretarse grazas aos traballos previos na muralla, que se realizaron na campaña de 2021. As datacións por radiocarbono que se fixeron durante eses traballos dataron o xacemento no século IX antes da nosa era, a época na que se empezaron a construír os primeiros castros. Con este punto de partida, na campaña actual ampliouse unha pequena sondaxe previa no interior do xacemento onde xa se detectara un nivel de derrubo de pallabarro. Agora, ese nivel non só ten unha extensión notable, senón que as evidencias arqueolóxicas suxiren que foi arrasado por un incendio.

Estudo da cerámica do xacemento

Ao comezar a retirar ese nivel é cando aparecen fragmentos cerámicos nun “moi bo estado de conservación”. Trátase de, cando menos, dous cacharros cerámicos practicamente completos e outra gran cantidade de fragmentos por determinar. Ademais, nun dos recipientes aparecen grans de cereal e restos concrecionados nas paredes interiores do mesmo. Os restos de sementes, así como os numerosos carbóns, serán estudados e analizados en laboratorio, co obxectivo de aclarar as datacións de uso deste xacemento. Os fragmentos cerámicos serán tratados pola restauradora Alba Losada, quen intentará reconstruír as pezas e a partir de aí, poder coñecer a súa tipoloxía e cronoloxía.

Publicidade

Ao longo deste semana continuarán os traballos retirando o nivel de pallabarro. Dende o equipo cren que é posible que se produzan novos achados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Achan a evidencia máis antiga de fauna glacial na península ibérica

Un dente fósil de reno demostra que estes animais vivían en Atapuerca fai máis de 200.000 anos xunto a seres humanos primitivos, atraídos cara a esta zona de Eurasia polas glaciacións sobre o clima

Localizado un novo complexo residencial de hai 1.500 anos en Valencia do Sil

A área descuberta ten preto de 200 m2, está composta de cinco estancias e puido ser un taller de ferramentas de ferro e cobre

O castro do Castelo dos Mouros, en Ons, estivo densamente poboado durante nove séculos

Unha nova campaña arqueolóxica afonda no coñecemento sobre os asentamentos na illa entre a época castrexa e a romana

A excepcional historia da casa romana que se agocha baixo a muralla de Lugo

O museo lucense da Domus do Mitreo conmemora o 25 aniversario do descubrimento do xacemento no Pazo de Montenegro cun amplo programa de actividades