Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución

A Santa María Magdalena partiu da Coruña o 14 de outubro de 1810. Era un barco de guerra que formaba parte da frota hispano-inglesa que tiña como misión defender a costa cántabra dos ataques dos franceses durante a Guerra de Independencia (1808-1814). Un forte temporal no noroeste provocou que a embarcación abandonase a zona e se dirixise á ría de Viveiro. Aquí ocorreu a traxedia. Calcúlase que morreron 480 persoas, o peor naufraxio da historia galega. O barco afundiuse na ría e non foi ata uns anos atrás co proxecto Eterna en 2018 cando se empezou a estudar. Agora, Viveiro I continúa os traballos co obxectivo de comprender a dinámica das entidades poboacionais arredor de Viveiro. E, por suposto, este barco e toda a súa historia teñen moito que dicir. Entre outras cousas, porque a tecnoloxía da fragata era a máis moderna da época e os primeiros barcos que se fixeron nos asteleiros de Ferrol, por exemplo, a imitaban.

Foron cinco anos de traballo previo por parte da Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas), a entidade da que parte esta investigación, sobre o comportamento da ría e a súa hidrodinámica. “Cada ano ía desaparecendo area a un ritmo que nós consideramos alarmante. Vimos asomados uns materiais e pedimos permiso para facer unhas sondaxes”, explica Antón López, arqueólogo e director científico da organización. Era a fragata, que se deixaba ver. En base á experiencia acadada dos anos anteriores, pediron permiso para iniciar esta ambiciosa escavación na ría de Viveiro. “A sorpresa foi que atopamos o barco en moi bo estado de conservación. Normalmente hai madeiras que están afectadas pola bioloxía, pero a parte que se atopa baixo o lodo, que foi a cuberta do barco, parece que se afundiu onte”, explica.

Publicidade

O equipo de investigación está formado por 25 especialistas. Foto: Fedas.

No estudo colaboran ademais da Fedas o Grupo de Investigación Lembranza, a Universidade Nacional de Educación a Distancia (Uned), a Universidade de Cádiz (UCA) a Universidade de Bos Aires e o Consello Nacional de Investigacións Científicas de Arxentina (Conicet). As escavacións comezaron o luns 4 de setembro e rematarán o 15 de outubro. O equipo do Viveiro I aumentou a zona de estudo e logrou limpar oito metros cadrados de sentina que agora se atopan á vista. “Vimos que están empezando a asomar máis de 20 metros de estrutura nun estado óptimo para o estudo”, continúa López.

O proxecto Ría de Viveiro I logrou limpar oito metros cadrados de sentina. Foto: Fedas

É o único barco deste tipo, anuncia o arqueólogo, que se está a estudar en España coa participación de 25 especialistas. A campaña analiza o litoral de Xove e O Vicedo así como o río Landro dende Portochao, que foi no pasado un porto fluvial que transportaba produtos agrícolas. “Decidimos non só estudar os barcos, senón investigalos en conxunto e descubrir como o mar influíu no desenvolvemento das poboacións”, explican. Desta maneira, os investigadores enfócanse na importancia de coñecer as estruturas que serviron para apoiar o comercio marítimo, os recursos pesqueiros e o auxilio ás naves.

Da Santa María Magdalena non hai planos, de aí que teñan que estudar a propia construción elaborada polo sistema francés que viña a perfeccionar os errores dos barcos antigos. “Queremos saber que tecnoloxía se utilizou, que foi o que melloraron no seu deseño”, continúa.

A investigación durará trinta anos, xa que o equipo realiza cada ano un mes (ou como moito, mes e medio) de traballo de campo. “Dependemos da financiación, do bo tempo e da posibilidade de ter os equipos preparados. Este proxecto non ten asignación estatal, sostense por doazóns da Asociación Monteagudo, a Fedas, o Concello de Viveiro e Porto Celeiro”. Para López, todo o mar de Galicia está cheo de tesouros e sorpresas, e insiste en que moi poucas cousas se atopan por casualidade. Hai que mergullarse e buscar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha salina romana no xacemento do Aguncheiro de Oia

Os arqueólogos escavan unha primeira área de 100 m2 de pavimentos e estruturas cuxa extensión estimada podería alcanzar os 4.000 m2

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos