Cal é a calidade de vida da rúa na que vives? Descúbreo neste mapa

O Atlas Europeo do Medio Ambiente e a Saúde permite coñecer o nivel de partículas contaminantes e ruído de cada punto do continente

Preguntácheste algunha vez se se vive mellor na rúa Policarpo Sanz, en pleno centro de Vigo, ou na rúa Real da Coruña? Hai máis calidade de vida na parroquia de Souto, na Estrada, ou na de Chavín, en Viveiro? A resposta vai máis alá do subxectivo grazas a un mapa interactivo deseñado polo Atlas Europeo do Medio Ambiente e a Saúde, dependente da Axencia Europea do Medio Ambiente (AEMA). Con só introducir no buscador a dirección na que vives, un panel situado á man dereita do mapa despregará unha serie de parámetros —partículas contaminantes, calidade da auga, espazos verdes…— que miden a calidade de vida nun punto concreto do mapa. O obxectivo desta ferramenta é que a cidadanía poida consultar o nivel de contaminación e os riscos ambientais do lugar que habita e, así, saber como afectan a súa saúde e benestar.

Como exemplo, se no buscador do mapa introducimos como dirección a rúa Policarpo Sanz de Vigo veremos un panel á dereita cunha serie de parámetros divididos en dous apartados: calidade do medio ambiente e información do barrio. No que respecta ao primeiro, analízanse os niveis de partículas PM2,5, un dos contaminantes do aire máis importantes en termos de peligrosidade para a saúde humana, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). O seu tamaño é inferior aos 2,5 micrómetros, o que vén a significar que son 100 veces máis finas que un cabelo e adoitan proceder, dentre outras fontes, das emisións dos vehículos. Segundo o Atlas Europeo do Medio Ambiente e a Saúde, os niveis de PM2,5 na rúa Policarpo Sanz entran dentro das metas provisionais asignadas pola Organización Mundial da Saúde. Porén, o recomendable sería que se atopasen por debaixo dos 5 µg/mᵌ, pero nesta rúa están nos 10,2 µg/mᵌ.

Publicidade

Panel con todos os parámetros que analiza a aplicación do atlas europeo.

No que respecta a partículas, tamén se miden os niveis de dióxido de nitróxeno (NO2) e de ozono (O3). No primeiro contaminante, os niveis de NO2 correspóndense coas metas provisionais da OMS, acadando os 18,7 µg/mᵌ. Porén, o máis recomendado é que estivese por debaixo dos 10µg/mᵌ e, mellor aínda, dos 5 µg/mᵌ. Estas partículas proceden fundamentalmente do tráfico rodado e poden causar irritación nas mucosas e nas vías respiratorias. En relación ao segundo contaminante, o ozono, os niveis na rúa viguesa entran dentro dos recomendados pola OMS: teñen un nivel 2212.1 en µg/mᵌ*d. cando o aceptado polo organismo internacional está entre os 2000 e os 4000 µg/mᵌ*d. De igual modo que o dióxido de nitróxeno, o ozono pode causar irritación nas vías respiratorias e agravar as enfermidades pulmonares.

Dentro do apartado de calidade do medio ambiente, o atlas tamén analiza o ruído de tráfico durante a noite e, tamén, ao longo do día. Neste parámetro, a rúa Policarpo Sanz incumple todas as recomendacións e sitúase no peor nivel que se pode acadar. Durante a noite supera os 60 decibelios (dB), cando o recomendable é que baixe dos 50 dB. Durante o día acada os 65 dB cando o ideal é que non supere os 55 dB. Estes altos niveis de ruído poden afectar a saúde. De feito, dende a Universidade de Zaragoza advirten que os inconvenientes van máis alá da perda de audición e sinalan os trastornos respiratorios, cardiovasculares, dixestivos, oculares e de sono, ademais da irritabilidade e o cansazo, como efectos a longo prazo do ruído na saúde humana.

Publicidade

Calidade das augas e servizos próximos

Para finalizar o apartado de calidade do medio ambiente menciónanse dous parámetros: a calidade das augas de baño nun radio de 10 quilómetros e o espazo verde ou corpo de agua máis próximo. En ambos, a rúa Policarpo Sanz consegue a cualificación de “excelente”. No primeiro caso, para determinar a calidade da auga, analízanse os niveis de enterecocos e de Escherichia coli, bacterias situadas en niveis seguros para a saúde humana na rúa viguesa. No que respecta aos espazos verdes, a Praza de Compostela está a 200 metros e entre 500 metros e un quilómetro, o monte do Castro.

Para rematar, o mapa interactivo tamén ofrece información sobre o barrio no que está a rúa. Analízase, por exemplo, se hai paradas de autobús próximas, hospitais nun radio inferior a tres quilómetros e espazos para practicar deporte ou outras actividades de lecer. No caso dos centros hospitalarios, no mapa interactivo indícase que hai sete centros a menos de tres quilómetros da rúa Policarpo Sanz. No que respecta aos espazos recreativos, sinálase o porto de Vigo e o aeroporto como zonas próximas. E a túa rúa ou aldea, mellora estes parámetros?


Podes acceder ao mapa interactivo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Localizada a foxa do Val en Narón, unha das máis grandes de Galicia

A investigación apunta a inhumación dun mínimo de 51 persoas entre 1936 e 1938 no cemiterio, e a maioría eran mariños, oficiais e suboficiais da Armada

Así funciona a nova aplicación gratuíta para alertar dos lumes en Galicia

A Xunta presenta melloras tecnolóxicas como o lanzamento dun sistema de avisos cidadán e a incorporación de intelixencia artificial á rede de videovixilancia

O alumnado sénior da UVigo convértese en embaixador da ciencia en cafetarías de Pontevedra, Vigo e Ourense

Estudantes do Programa Universitario de Maiores impartirán charlas divulgativas en locais de encontro das tres cidades galegas

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras