A moeda coa primeira mención a Galicia adquiriuna un estranxeiro por 52.500 euros

A Xunta iniciou o procedemento para declarar sete exemplares históricos como ben de interese cultural, mais este proceso non impide a súa compra en mans privadas

52.500 euros. Esa é a cifra que pagou un estranxeiro pola histórica moeda sueva que se poxou este mércores en Madrid. O exemplar contén, segundo a tese defendida por algúns expertos, a primeira mención a Galicia nunha moeda. E malia que a Xunta iniciou a semana pasada o proceso para protexer como ben de interese cultural esta e outras seis que tamén saíron a poxa, isto non impide que poidan ser mercadas por mans privadas, malia que traia consigo unha serie de obrigacións. A Xunta defendía que esta declaración supón a “inmediata salvagarda e protección” dos exemplares, e que se lle solicitaría ao Goberno central a prohibición de exportar as moedas, dada a gran relevancia cultural que teñen para Galicia.

Non se especifican os procesos polos que se garantirá que os inestimables exemplares non se van exportar, mais a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aseguraba a semana pasada que a súa protección como ben cultural era a forma de “evitar a súa posible saída do país e unha perda artística e documental inestimable”. O certo é que estas moedas, que pertencían á colección do numismático galego Antonio Orol e saíron a poxa na casa Jesús Vico, son considerados “exemplares únicos” e de “excepcional valor”.

Publicidade

De Portugal a Nova York

“Supoñen unha testemuña material e documentada da presenza do reino suevo en Galicia, así como do medievo renacentista, que exceden o interese dos coleccionistas”, sinalaban a semana pasada fontes da Consellería. O certo é que a historia destas moedas non só merece ser contada, senón tamén preservada. En concreto, a que se vendeu este mércores por 52.500 euros atopouse en Castelo Branco, en Portugal. Formou parte da colección lusa Pavia Pessoa ata que se poxou na casa Sotheby’s en Nova York en 1993, cando foi adquirida por Orol.

Hai dúas hipóteses sobre a inscrición GALLICA PAX (paz con Gallica) que aparece na moeda. Hai quen defende que fai referencia ao tratado de paz que o rei suevo Miro (570-580) asinou cos merovinxios unha dinastía de orixe xermana que gobernou na actual Francia— para defenderse dos visigodos. Outros aseguran que a inscrición fai referencia a Regnum Gallicense, o nome co que o bisbo Gregorio de Tours se refería ao reino suevo. “De ser certa esta interpretación, estariamos ante a primeira mención a Galicia nunha moeda”, sinalan dende a casa de poxas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta protexerá como ben cultural sete moedas históricas que sairán a poxa

A colección do numismático galego Antonio Orol contén pezas "excepcionais e únicas" que testemuñan a presenza do reino suevo e do medievo renacentista no país

Rarísima e única: a moeda coa primeira mención a Galicia poxarase por 15.000 euros

O exemplar pode facer alusión a un tratado que o rei suevo Miro asinou cunha dinastía gala para defenderse dos visigodos
00:03:46

M de Moeda. ‘Insert coin’: Galicia pioneira do vil metal

O rei suevo Requiario acuñou as primeiras pezas do medievo galego, das que tan só se conservan seis exemplares de prata

Castelo de Portomeiro: unha luz á beira do Tambre entre Roma e o reino suevo

O grupo Síncrisis da USC escavará na primeira semana de xuño unha fortificación en Val do Dubra que pode ser clave nunha etapa descoñecida