Cantos vestixios romanos hai no teu concello? Descúbreo neste mapa

A aplicación sinala pontes, termas, campamentos e vilas que o famoso imperio deixou como legado no que hoxe é Galicia

Quen non quixo viaxar algunha vez no tempo? Aínda que sexa cientificamente imposible, o enxeño dalgunhas persoas trata de buscar alternativas o máis semellantes posible. É o caso de René Voorburg, impulsor de Vici.org, un mapa arqueolóxico interactivo que recolle miles de vestixios romanos: dende pontes ata campamentos militares en todas as xeografías ás que chegou o famoso imperio. Esta iniciativa, que se puxo en marcha en 2012, permíteche descubrir unha completa recompilación dos restos romanos que aínda quedan no teu concello.

Máis alá da muralla de Lugo e da torre de Hércules, os símbolos máis representativos dos romanos no que hoxe é Galicia, pódense atopar unha multitude de localizacións relacionadas con esta época. O que máis abundan son as pontes. Tamén aparecen sinaladas as calzadas ou camiños romanos, algunhas vilas como a de Adro Vello (na Lanzada) ou campamentos romanos temporais. As minas romanas, como as de Taboada e Magrós, e as termas como as de Ourense, Cuntis e Caldas de Reis tamén aparecen sinaladas no mapa. De todos modos, a configuración da aplicación permíteche descubrir outros xacementos contemporáneos, como os castros, ou museos actuais que tratan esta época histórica.

Publicidade

Pero máis alá da descrición pormenorizada dun mapa cheo de achados, Vici.org ten un funcionamento similar á Wikipedia e convida a todos os seus visitantes a que contribúan ao mapa. Deste modo, calquera persoa que o desexe pode introducir algún vestixio da antigüidade clásica que non apareza na páxina web, indicando algúns datos básicos, como o nome, a localización e o tipo de espazo que se vai engadir. Ademais, moitos dos lugares do mapa carecen de fotografía, polo que tamén se poden agregar imaxes relacionadas cos vestixios romanos xa incluídos en Vici.org.

Ao tratarse dun mapa colaborativo, as achegas son innumerables pero tamén se corre o risco de que algúns apuntamentos sexan errados. De todos modos, o mapa en conxunto é un bo compendio dos vestixios romanos que calquera pode atopar no territorio e serve como guía para coñecelos e comprobar o seu estado actual. Malia que hai zonas moi traballadas, con moitos símbolos, hai outros puntos cegos no mapa que aínda non recibiron a súa particular colaboración. Sexa como sexa, virtual ou persoalmente, Vici.org é unha forma sinxela de retroceder no tempo. E de facerte partícipe dunha historia con máis de 2.000 anos de antiguidade.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De Fisterra a Roma: así é o detallado mapa das estradas romanas en Gallaecia

Un novo estudo afonda na conectividade de hai dous milenios e rexistra o dobre de lonxitude nos camiños dos que constaban da España

Desterradas por adulterio, o castigo do Imperio romano contra as mulleres con peso político

A investigadora Helena López da UVigo centra a súa investigación na violencia recibida polas integrantes das distintas familias imperiais

A excepcional historia da casa romana que se agocha baixo a muralla de Lugo

O museo lucense da Domus do Mitreo conmemora o 25 aniversario do descubrimento do xacemento no Pazo de Montenegro cun amplo programa de actividades

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña