A calor abafante comeza a ser a norma e non a excepción. Os termómetros superando os 40 graos en Galicia xa non sorprenden e as noites con mínimas de 25 graos xa chegaron para quedar con nós. O escenario dista de ser esperanzador e os últimos estudos científicos debuxan un futuro asfixiante con taxas de mortalidade asociadas á calor cada vez máis elevadas. Unha análise probabilística publicada hai uns días na revista Nature Communications corrobora que os falecementos causados pola calor serán cada vez máis habituais. Segundo os autores do artigo, no ano 2000 esperábase que as vagas de calor extremas se produciran nun de cada 100 anos. Pero co clima actual —tomando como referencia o ano 2020— xa se producen cada 10 ou 20 anos. E Galicia non se escapa a este escenario. No futuro, rexistrá de media ondas de calor extremas cada catro anos.
O estudo, no que participa o investigador da Fundación para a Investigación do Clima (FIC) Dominic Royé, anteriormente na Universidade de Santiago (USC), analizou 748 localidades de 47 países. As capitais de provincia galegas forman parte dunha base de datos que mostra datos arrepiantes. Por exemplo, co clima actual, A Coruña xa vive unha onda de calor extrema cada 26 anos (fronte á media de 100 anos que se estimaba no 2000). Co quecemento global, esta cifra só conseguirá aumentar. Se a temperatura global se incrementa 1,5 graos, como estiman os expertos, estes eventos estivais extremos produciranse casa 14 anos. E a cifra aínda se acurtará máis se a temperatura ascende dous graos: A Coruña enfrontarase a un calor sen precedentes unha vez cada cinco anos.
Se a temperatura global aumenta dous graos, Ourense vivirá ondas de calor extremas cada tres anos
Algo semellante ocorrerá coas outras tres capitais de provincia galegas. A que sae peor parada é Ourense; a cidade que xa a día de hoxe presenta temperaturas máis extremas no país. De momento, ten o risco de sufrir unha vaga de calor extrema cada 23 anos. Co aumento progresivo de temperatura, primeiro de 1,5 graos e despois de 2 graos, os valores comezan a aumentar. Os eventos extremos, respectivamente, poderanse producir cada 9 e 3 anos. Estas cifras xeran inquedanza e os expertos piden que se tomen medidas o antes posible. “Aínda estamos a tempo de actuar pero hai que facelo xa porque mañá xa será tarde”, alerta Royé, que colaborou no estudo liderado por centros de investigación suízos.
No que respecta a Lugo e Pontevedra, as súas cifras son semellantes e mantéñense nun punto intermedio entre A Coruña e Ourense. A primeira delas está a vivir episodios de calor extremo cada 19 anos. Cun aumento de 1,5 graos na temperatura global, esa cifra reducirase ata os 12 anos e chegará a acadar os 5, como A Coruña, se se acadan as peores previsións e se produce un quecemento de dous graos. No que respecta a Pontevedra, a día de hoxe está a vivir ondas de calor intensas cada 23 anos. Porén, esta franxa temporal pode diminuír ata os 12 anos se a temperatura aumenta 1,5 graos ou, incluso, chegar aos 4 anos, se os valores acadan o máximo esperado de dous graos.
“A nova normalidade será o que hoxe consideramos extremo, excepcional ou imposible”
DOMINIC ROYÉ, investigador da Fundación para a Investigación do Clima (FIC)
Dende logo, isto só pode derivar nun impacto sen precedentes na saúde humana e, por conseguinte, aumentar as taxas de mortalidade asociadas á calor. “A nova normalidade será o que hoxe consideramos extremo, excepcional ou imposible”, indica Royé. E a este escenario futuro hai que engadir, segundo apunta o experto, o avellentamento da poboación, máis pronunciado aínda se cabe en Galicia. A idade é un factor que aumentaría estas taxas de mortalidade asociadas á calor, dado que estamos a falar de poboación maior e, por tanto, máis vulnerable e menos resistente ás variacións térmicas.
Porén, Royé asegura que o escenario futuro do que falan no estudo está máis preto de nós do que imaxinamos. “Este ano levamos catro ondas de calor en España. O ano pasado houbo tres. Pero en 2022 o exceso de calor matou 8.000 persoas e en 2023 xa levamos 3.000 falecementos“, sostén o investigador da FIC. Malia que os expertos consideran que o ano pasado “foi excepcional”, este escenario pode ser frecuente de cara ao futuro. “É unha barbaridade. As 3.000 mortes de 2023 xa superan ás dos sete anos anteriores, salvo 2022. A xente non é consciente da enorme necesidade de adaptarnos rapidamente a este escenario e tomar medidas”, advirte Royé.

Segundo o investigador do FIC, en España xa se levan rexistrados 28 días de media en condicións de onda de calor. Iso si, as cifras varían considerable dun punto ao outro do mapa. Mentres que en Murcia acadan os 51 días, Navarra e o País Vasco roldan os 12. No que respecta a Galicia, os datos por provincia dan conta dun empeoramento da situación climática. A Coruña, por exemplo, viviu 25 días de onda de calor no que levamos de ano, moi preto da media nacional. O resto de provincias, como Lugo, están lixeiramente por debaixo da vintena, acadando os 19 días. Tanto Pontevedra como Ourense rexistran 16 xornadas de onda de calor no que levamos de 2023.
Que medidas debemos tomar?
“Debemos tomar medidas, sobre todo, no ámbito urbano”, sentencia Royé. E advirte que non só se debe prestar atención á calor que se está rexistrando no presente, senón aos prognósticos do futuro. “A curto prazo tamén se poden crear refuxios climáticos pero teñen un problema económico. Se realmente as vivendas están acondicionadas e son sostibles, non vas precisar de refuxios”, argumenta o investigador da FIC. Pero máis alá destas medidas, unha das máis sinxelas e evidentes é “aumentar de forma drástica” as zonas verdes nas cidades. Como di Royé: “É a mellor forma de reducir o impacto da calor extrema”.
Galicia, que sempre tivo temperaturas suaves e un clima que a diferenciaba doutros puntos do estado, talvez se podería converter ela mesma nun refuxio climático. Así o expresa Royé, que descarta zonas como Ourense, con focos recorrentes de calor intensa. “En comparación co sur, Galicia pode converterse nun refuxio climático pero debemos velo doutra forma. Respecto ao seu clima habitual, o cambio vai ser importante, con máis ondas de calor e noites tropicais. De feito, xa se rexistraron as primeiras noites tórridas, con mínimas de 25 graos, nas Rías Baixas”, alerta Royé que insta, cos folgos que aínda lle quedan aos expertos, que hai que actuar antes de que sexa demasiado tarde.
Referencia: Rapid increase in the risk of heat-related mortality (Publicado en Nature Communications)