Por que non chove en Galicia? O fenómeno detrás do tempo de verán en pleno outubro

O centro de altas presións situado sobre as Illas Británicas frea a entrada das borrascas atlánticas e mantén valores próximos aos 30ºC en Ourense

As temperaturas chegan aos 27ºC e, nalgúns puntos, acadan os 30ºC en pleno outubro en Galicia. Sen apenas chuvias, esta situación está a causar problemas especialmente na provincia de Pontevedra, onde a seca continúa a afectar a concellos como Vigo ou Baiona. Segundo explica a meteoróloga María Souto, o responsable deste tempo anómalo é un potente anticiclón situado sobre as Illas Británicas, que leva días na mesma posición. Esta configuración atmosférica impide a chegada das borrascas atlánticas e favorece a entrada de aire cálido dende o sur peninsular.

Esta semana comeza con máximas de 30ºC en Ourense, 29ºC en Pontevedra e 27ºC en Vigo, Ferrol e Santiago. Pola súa banda, Lugo manterá valores entre 24 e 26 graos ata o xoves. A única excepción é A Coruña, onde as temperaturas non superarán os 24ºC ao longo da semana.

Publicidade

A pesar de ser rexistros altos para outubro, Souto asegura que “é unha situación meteorolóxica relativamente habitual”. Este tipo de episodios adoitan producirse en presenza de bloqueos anticiclónicos, que permanecen ata que se desprazan e permiten a entrada das borrascas. “Entra dentro da variabilidade da chegada do outono”, explica a meteoróloga, sobre todo durante o mes de setembro e comezos de outubro.

As previsións de MeteoGalicia indican que esta situación podería rematar a comezos de novembro. Segundo María Souto, a partir do sábado poderían comezar a entrar as primeiras borrascas, xa que o anticiclón se está a retirar lentamente. Mentres, Galicia continuará con ceos despexados ou con nubes altas, posibilidade de chuvascos no interior e temperaturas sen grandes cambios.

Publicidade

Unha vaga de calor outonal?

Non, non se trata dunha vaga de calor propia do outono. A meteoróloga de MeteoGalicia aclara este punto: “Unha vaga de calor non está relacionada con ningunha estación”. É dicir, considérase vaga de calor cando as temperaturas superan determinados valores durante varios días consecutivos, independentemente da época.

Neste caso, non se dan esas condicións. Aínda que as temperaturas son máis altas do habitual, non alcanzan valores extremos. “Levamos bastantes días nesta situación, pero non é un episodio extremo nin supón un risco para a saúde”, explica Souto.

O que estamos a vivir é un período de temperaturas por enriba da media nas máximas, mentres que as mínimas se manteñen frescas. En Ourense, por exemplo, rexístrase unha amplitude térmica de 14 graos entre o día e a noite.

Segundo MeteoGalicia, é unha situación habitual de outono, cando se producen fortes contrastes. As noites máis longas e frías combinan cun aire cálido durante o día, o que favorece temperaturas elevadas nas horas centrais. “Son temperaturas altas para a época, pero non extremas”, conclúe María Souto.

Antecedentes: é o outubro máis cálido?

Os rexistros de MeteoGalicia amosan que, por exemplo, en Santiago de Compostela o outubro máis cálido rexistrado foi o de 2014, cunha temperatura media de 16,6ºC. O mesmo ocorre en Vigo, onde tamén o outubro de 2014 destaca como máis quente, mais con 19,1ºC de media.

Porén, na estación da Coruña, con datos dispoñibles dende novembro de 2007, a temperatura media máis alta corresponde a outubro de 2023, con 18,1ºC. No caso de Ourense, outubro de 2025 é o máis cálido rexistrado, cunha media de 17,9ºC, a pesar de que o mes aínda non rematou. Este valor explícase polas temperaturas alcanzadas de ata 30ºC en varias xornadas.

Ademais dos antecedentes históricos, cómpre ter en conta os rexistros máis recentes. Segundo o servizo oficial da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) en Galicia, setembro foi un mes especialmente seco, co 72% da precipitación media habitual. Non obstante, houbo grandes diferenzas entre zonas: mentres no sueste apenas se recolleu a metade da chuvia esperada, no terzo occidental chegáronse a superar os valores normais. Así, Galicia continúa agardando a chegada da chuvia, mentres moitos aínda aproveitan para ir á praia en pleno outubro.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol