A investigadora galega Cintia Folgueira recolleu este mércores en Madrid un dos cinco premios L’Oréal-UNESCO For Women in Science dotado con 15.000 euros. Os galardóns, que conmemoran o seu 20 aniversario, recoñecen o labor de científicas menores de 40 anos cuxa traxectoria representa a excelencia e o futuro da ciencia española, e cuxos proxectos abordan algúns dos maiores desafíos médicos e medioambientais da actualidade.
Estudo dos macrófagos
Folgueira traballa no grupo de Fisiopatoloxía Endrócrina do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Os seus estudos céntranse na obesidade, unha enfermidade que provoca que o corpo estea nun estado de inflamación constante. A investigadora estivo acompañada na gala de entrega pola directora da Fundación Pública Galega IDIS, Isabel Lista.
O proxecto que lidera a investigadora premiada pon o foco nos macrófagos, unhas células do sistema inmunitario que, durante a obesidade, alteran o funcionamento das células graxas. En concreto, o seu equipo estuda como estes macrófagos alteran as mitocondrias (as centrais enerxéticas da célula), impedindo que o organismo queime enerxía de forma eficiente. O obxectivo final é identificar novos mecanismos moleculares que permitan desenvolver terapias máis eficaces para “reparar” este metabolismo danado e tratar as complicacións asociadas á obesidade como a diabetes ou problemas cardiovasculares.
O evento
O evento contou coa asistencia de Nuria Aymerich, Comisionada Especial de Competitividade Industrial do Ministerio de Industria e Turismo, entre outras personalidades do ámbito institucional e científico. As investigacións premiadas foron seleccionadas por un xurado de expertos. A clausura correu a cargo de Eva Ortega-Paíno, secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia, quen acudiu en nome da ministra Diana Morant.















