Facer exercicio é saudable, pero non sempre apetecible. Unha investigación do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) podería ter achado o interruptor do desexo de poñerse en movemento, ao descubrir que durante o exercicio se activan proteínas que incitan a estar máis activos. O estudo publicouse este mércores na revista Science Advances e a súa primeira autora é a investigadora galega Cintia Folgueira Cobos.
“Descubrimos como o propio músculo regula o interese polo exercicio a través dunha vía de sinalización entre músculo e cerebro que non coñeciamos. Esta é unha das que controlan —porque debe de haber varias— que cando facemos exercicio teñamos ese impulso de facer aínda máis”, explica Guadalupe Sabio, xefa do Grupo de interacción entre órganos nas enfermidades metabólicas do CNIO.
O traballo tamén mostra que as proteínas que produce o músculo co exercicio regúlanse entre si, para evitar que o desexo de exercitarse acabe prexudicando o organismo.
Os resultados baséanse en datos obtidos en modelos animais e tamén de humanos —voluntarios que realizaron exercicios controlados, e pacientes con obesidade—. Isto suxire aos autores que a vía de sinalización identificada “xoga un papel crucial na regulación da actividade física tanto en ratos como en humanos”, e “reforza a súa importancia clínica”, dada a coñecida relación entre hábitos de exercicio, obesidade e enfermidades metabólicas.
As dúas primeiras autoras do traballo son Leticia Herrera e Cintia Folgueira, investigadoras do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC).
Tres proteínas que inflúen nas ganas de actividade física
O grupo observou que cando os músculos se contraen de maneira repetida e intensa, debido ao exercicio, actívanse dúas proteínas dunha mesma familia, chamadas p38α e p38γ. A investigación mostra que ambas se regulan entre si, de maneira que o interese por realizar actividade física é maior ou menor dependendo de canto se activa cada unha.
Hai ademais unha terceira proteína implicada: a interleuquina 15 (IL-15). As autoras observaron que a activación de p38γ por mor do exercicio induce a produción de IL-15, e que esta proteína ten un efecto directo sobre a parte da cortiza cerebral que controla o movemento, o córtex motor. O aumento de interleuquina 15 en sangue funciona como un sinal ao cerebro para potenciar a actividade motora, o que impulsa os animais para estar máis activos de forma voluntaria.
Como escriben en Science Advances: “Neste estudo desvelamos que a activación de p38γ muscular inducida polo exercicio conduce á produción de IL-15, que posteriormente aumenta a actividade física espontánea. Tamén achamos este eixo p38γ/IL-15 en humanos despois do exercicio, o que subliña a súa relevancia clínica á hora de promover o exercicio entre a poboación”.
Beneficios do adestramento constante
O estudo mostra ademais que, cando os animais se exercitan de maneira inducida e constante, a activación de p38γ tamén é maior que a de p38α. Iso leva a pensar que co adestramento as ganas de facer exercicio permanecen. En animais con dieta alta en graxas e obesidade, ese exercicio constante mostrou beneficios: mellorou o metabolismo e diminuíu a súa tendencia á diabetes e á acumulación de graxas, especialmente no fígado.
En humanos
En humanos observouse que as dúas proteínas p38 actívanse en músculos que se exercitan cunha actividade de intensidade crecente. Tamén se constatou un aumento de interleuquina 15, e que as persoas obesas teñen valores máis baixos en sangue desta proteína. Esta relación coa obesidade é fundamental, xa que se trata da desorde metabólica máis frecuente en todo o mundo e cuxa prevalencia e incidencia están en constante aumento. O exercicio habitual considérase unha estratexia efectiva tanto para a súa prevención como para o seu tratamento.
Os autores escriben en Science Advances: “A correlación entre a activación de p38γ no músculo humano durante o exercicio intenso e o aumento dos niveis de IL-15 en sangue pon de relevo a importancia terapéutica potencial desta vía no tratamento da obesidade e as enfermidades metabólicas”.
Un marcador das ganas de facer deporte
Para Sabio, un dos pasos seguintes será confirmar que a proteína IL-15 é en efecto un marcador en sangue das ganas de facer exercicio. Confirmado este punto, a investigadora considera que “se pode estudar se distintos tipos de exercicios —pesas, correr, crossfit… — estimulan máis ou menos, e tamén se teñen o mesmo efecto nunha persoa obesa que nunha non obesa. Iso pode axudar a adestradoras e adestradores a deseñar os seus programas con maior eficiencia”.
Sabio engade que mesmo “podería pensarse en crear un fármaco derivado da IL-15 para as persoas con maior necesidade de beneficiarse dos efectos positivos do exercicio físico, e menor tendencia a realizalo ou mantelo. Por exemplo, as persoas con obesidade”. Pola súa banda, prevé xa o usar ese modelo para tentar determinar mellor a relación entre o exercicio, a lonxevidade e o cancro, e descubrir os mecanismos que a regulan.
A IL-15 podería estar relacionada co trastorno de hiperactividade?
O nome correcto da investigadora é Cintia Folgueira Cobos.
O nome correcto da investigadora é Cintia Folgueira Cobos.