Madrid adopta tecnoloxía galega para xestionar as súas explotacións gandeiras

Amtega mantense como referente da xestión de recursos agrogandeiros coa sinatura dun novo convenio para ceder o uso de sistemas da oficina virtual de gandería

A Comunidade de Madrid utilizará os sistemas informáticos desenvolvidos pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería do Medio Rural para a xestión das súas explotacións gandeiras. O Consello de Goberno deu luz verde á firma dun convenio que permitirá a cesión dos dereitos de uso da Oficina Virtual de Gandería (OVGAN) e do sistema XESGAN, ferramentas creadas por Amtega coa fin de dixitalizar e —en consecuencia, axilizar— trámites do sector e controis sanitarios. Estas páxinas dan cabida a unha ampla variedade de operacións que buscan facilitar o traballo dos técnicos da administración e dos profesionais da gandaría de Galicia.

Este acordo de colaboración institucional supón o recoñecemento de Galicia como referente tecnolóxico no sector primario. As cifras preceden o seu extenso uso: só en 2025, a OVGAN rexistrou máis de 650.000 operacións, incluíndo 170.000 altas por nacemento e a xestión de movementos para máis de 400.000 animais. De cara ao 2026, os sistemas seguirán evolucionando coa incorporación de novas funcionalidades —como o código de verificación electrónica (CVE)—, consolidando un modelo de xestión dixital que agora se exporta fóra das fronteiras galegas.

Publicidade

OVGAN e XESGAN: que son e para que serven

Os sistemas que se inclúen no convenio entre a Xunta e Madrid son OVGAN (Oficina Virtual de Gandería) e XESGAN (Xestión de Gandería).

A Oficina Virtual de Gandaría (OVGAN) é un portelo de atención ao sector gandeiro en Internet. Ofrece servizos para este sector que permiten consultar información e realizar trámites administrativos. Está dirixida fundamentalmente ás persoas gandeiras, pero tamén a operadores comerciais, integradoras e comercializadoras do sector ou determinados colectivos de veterinarios.

Publicidade

Javier Franco, xerente de proxectos do sector Primario de Amtega, explica que OVGAN xa conta con 35.000 usuarios. “Permite a xestión de todos os procesos administrativos dende o nacemento dun animal ata que vai a unha feira ou chega ao matadeiro”, comenta. Está desenvolta con tecnoloxías responsive, o que quere dicir que está especialmente deseñada para que tamén se poida utilizar dende dispositivos móbiles.

O acordo abarca, ademais, a cesión dos dereitos de uso dos sistemas que compoñen a plataforma de xestión da gandaría (XESGAN), que inclúe, entre outros: o rexistro de explotacións gandeiras (REGAN); o sistema que facilita os movementos de gando (MOGAN); e o soporte da xestión sanitaria da gandaría, que inclúe controis, inspeccións e calificación entre outras funcionalidades (INGAN). Estes sistemas permitiron no 2025 dar soporte á xestión de máis de 70.000 controis e inspeccións sanitarias; 800.000 rexistros de entrada ou saída nas explotacións e ferias de cerca dun millón de animais; e 48.000 altas, baixas ou modificacións no REGAN, entre tantos outros procedementos.

A fenda dixital e o reto da accesibilidade

Trátase dun ámbito profesional historicamente pouco dixitalizado e, por iso, Amtega pon o foco na necesidade de garantir todas as facilidades posibles para superar a fenda de accesibilidade que experimenta o rural. Javier Franco afirma que existe un bo labor de alfabetización dixital, pois as cifras indican un elevado uso do portal OVGAN: “O 92 % dos trámites do ano pasado realizáronse de xeito telemático. Un 4 % realizáronse por teléfono, a través do 012, o número da Xunta de atención á cidadanía; e o 4 % restante atendéronse presencialmente, nas oficinas agrarias”.

Javier Franco sinala que non se valora eliminar a vía presencial. “Imos manter tanto a atención nas oficinas como a telefónica. Aínda que potenciemos a dixitalización, é importante garantir o acceso por outras vías”, aclara, e engade que resulta fundamental realizar campañas de aprendizaxe dixital para axudar a dar o paso a quen se mantén nas vías máis analóxicas.

A seguridade dos datos

A información recollida polos sistemas de xestión deseñados por Amtega inclúe datos sensibles, como vías de identificación dos usuarios. Por mor deste fluxo de documentos, resulta mester ofrecer vías de rexistro que poñan a seguridade en primeiro plano. Estase implantando o uso do código de verificación electrónica (CVE). 

Para facilitar o acceso pódese utilizar a combinación do NIF e un contrasinal (que se proporciona nas Oficinas Rurais). “Para solicitar o contrasinal (PIN) por primeira vez, debe dirixirse persoalmente a unha Oficina Rural, onde o seu persoal, despois de comprobar axeitadamente a súa identidade, procederá ao rexistro dos seus datos e subministraralle o seu PIN” indica Javier Franco. O sistema tamén permite o acceso mediante o sistema Chave365, que facilita a entrada a outros moitos servizos da Xunta de Galicia como os trámites de axudas, acceso a servizos de saúde, comunicacións oficiais…

Outro aspecto que require especial atención en canto á súa seguridade é a posible apertura dos datos recollidos para o seu estudo. “Estamos traballando en poder facer unha explotación máis analítica desta información. Sería útil tanto para a propia administración como para os gandeiros, pois isto permitiríalles ver situada a súa explotación. Por exemplo, contamos xa cun sistema dende o que é posible identificar unha alerta sanitaria e informar ás explotacións que se poden ver potencialmente impactadas pola mesma, cunha análise da información xeográfica asociada” explica o xerente.

E hai unha terceira parte: a das iniciativas Open data, polas que eses datos se porían a disposición pública. Por suposto, asegura que hai documentos e rexistros que permanecerán privados, mentres que aqueles que vexan a luz será como datos anonimizados. Con isto, conclúe, búscase protexer a privacidade e a seguridade dos datos.

A intelixencia artificial nos sistemas

Javier Franco valora a introdución da intelixencia artificial nos programas: “É unha oportunidade que temos aí, pero queremos ser precavidos co seu uso. Agora, por exemplo, estamos traballando no piloto dun chatbot [un sistema de IA conversacional] que asesore na cobertura de cadernos de explotacións”. Incide en que a prioridade sempre será facilitar o emprego destes sistemas para os usuarios, en particular para os cidadáns.

Referentes en xestión gandeira

Galicia ten unha forte presenza no sector agrogandeiro e forestal. Isto inclúe a xestión dos seus recursos: “En Amtega xa temos un percorrido. Non é a primeira vez que outra comunidade se interesa polos nosos servizos” declara Javier Franco. Pon de exemplo un sistema para a xestión dos pagos da Política Agraria Común. “Estivemos preto dos 400 millóns de euros no 2025”, comenta. Amtega conta cun convenio co Ministerio de Agricultura, polo que o sistema está a disposición de calquera comunidade autónoma interesada no seu uso. Actualmente xa hai sete, incluíndo Galicia, que usan ou están implantando dito programa.

Estes días, o Consello da Xunta de Galicia tamén vén de aprobar a sinatura dun acordo con Castela e León polo que se lle cede o uso de sistemas de información no ámbito da xestión forestal. “Forma parte da nosa obriga como administracións públicas e estamos orgullosos de que o noso traballo e desenvolvementos podan servir de referente noutras comunidades autónomas” declara o xerente.

“Trátase dun traballo de mellora continua no que as tecnoloxías sempre nos abren novas posibilidades que debemos intentar aproveitar. A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia e a ferramenta de Xestión de Explotacións Agrarias (XEAGA) son exemplos da decidida aposta neste eido e do camiño que queda por percorrer”, conclúe o técnico de AMTEGA.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Amtega ofrece un catálogo de servizos para unha dixitalización inclusiva nos concellos

A axencia da Xunta ofrece máis de 40 solucións que engloban ámbitos como a administración dixital, a xestión do territorio, a ciberseguridade e a capacitación da cidadanía para a Internet

A Xunta reclama ao Goberno central que a telefonía móbil sexa un servizo universal no rural

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia solicita que a velocidade mínima da banda larga pase de 10 a 100 Mbps

O 95% dos procedementos administrativos da Xunta máis solicitados serán dixitais en 2027

O investimento no Plan de Dixitalización Plena achégase aos 10 millóns de euros para avanzar en tecnoloxías como a intelixencia artificial e a analítica de procesos