Os perfís non tecnolóxicos tamén son demandados polas empresas TIC

Amtega aposta pola incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector das TIC

As empresas interesadas en contar con bolseiros alleos ás TIC  poden presentar solicitudes ata o 29 de novembro

Ata as empresas máis modernas e máis dependentes da tecnoloxía necesitan unha variedade de perfís profesionais entre os que se atopen especialidades que poden parecer alleas ao mundo dixital de hoxe. A demanda deste tipo de perfís fai que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) impulse o programa de bolsas Digitalent, que oferta un total de 50 prazas para estudantes de últimos cursos universitarios para facilitar a incorporación de profesionais non tecnolóxicos ao sector TIC.

Estudantes de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura terán a posibilidade de recibir formación durante tres meses en empresas do sector tecnolóxico. Sen dúbida será unha experiencia que mellorará a súa empregabilidade e as empresas terán a oportunidade de ver de cerca as cualidades dun tipo de profesionais que tamén é necesario nos seus cadros de persoal.

Como sinala a directora da área de Sociedade Dixital de Amtega, Rosa Méndez, esta iniciativa forma parte do Plan Digitalent, posto en marcha o ano pasado, e que ofrece (en colaboración cos axentes do ecosistema dixital) actividades, formación e especialización no ámbito dixital ao longo de todo o ciclo vital da persoa.

O plan está estruturado en tres eixos. O primeiro céntrase en impulsar as vocacións tecnolóxicas, o segundo en fomentar os novos perfís dixitais e o terceiro en reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital. Na súa segunda edición o Plan Digitalent ofrece para o curso 2019-2020 un total de 36 iniciativas, 13 máis que na anterior edición, das que se beneficiarán máis de 5.000 persoas.

No caso das bolsas que agora se poñen en marcha, Méndez explica que o obxectivo é que os mozos reciban durante tres meses unha formación teórico-práctica en empresas do sector tecnolóxico que estean a desenvolver proxectos en temas emerxentes como BigData, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións Cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, economía colaborativa ou wearables. Estas prácticas non laborais terán una duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.

Na súa segunda edición o Plan Digitalent ten previstas 36 iniciativas das que se beneficiarán máis de 5.000 persoas

A directora de Sociedade Dixital de Amtega apunta que segundo estudos da Comisión Europea o 90% dos postos de traballo esixe un certo nivel de competencias dixitais en calquera que sexa o sector. “As novas tendencias dixitais esixen, non só novos profesionais TIC, senón tamén a capacitación dixital doutros perfís non tecnolóxicos e isto está a xerar unha demanda que hai que hai que cubrir e non só desde o enfoque da reformulación dos estudos universitarios”, engade Méndez.  Estas bolsas buscan achegar eses perfís non dixitais a un sector tecnolóxico que precisa das súas capacidades.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 29 de novembro  para presentar as súas solicitudes, así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das súas necesidades. Posteriormente, publicarase a a listaxe de entidades colaboradoras que finalmente recibirán aos bolseiros para a realización das prácticas formativas. Toda a información sobre o programa e os pasos a seguir para participar na iniciativa están na páxina web á que se pode acceder a través desta ligazón.

No mes de xaneiro, unha vez seleccionadas as entidades colaboradoras, publicarase unha convocatoria dirixida a estudantes matriculados en calquera das tres universidades galegas menores de 31 anos e que teñan superado o 75% dos créditos e menos do 100%, para que poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.

A través destas prácticas non laborais, os bolseiros seleccionados recibirán formación teórico-práctica e contarán cun plan de formación, asesoramento, orientación e dirección por parte dos responsables das empresas TIC por un período de tres meses, tendo unha duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.