A Xunta encarga á UDC un mapa da herba da Pampa en Galicia

O investigador Jaime Fagúndez, experto na materia, coordina os traballos para avaliar a incidencia e perigosidade da especie en cada zona

Foi en Oleiros, onde o concello ten declarada a guerra aberta á herba da Pampa (Cortaderia selloana), onde a Xunta de Galicia deu a coñecer o traballo que o departamento de Patrimonio Natural desenvolve desde hai meses cun equipo da Universidade da Coruña dirixido por Jaime Fagúndez: un cartografado da área de distribución da planta en Galicia, así como da avaliación da súa incidencia e perigosidade en cada zona, de acordo coa súa vulnerabilidade á invasión.

Explicouno a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha xornada de traballo celebrada este mércores no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) de Santa Cruz. O mapa da herba da Pampa enmárcase no obxectivo de redactar un plan galego de acción contra esta especie exótica invasora.

Publicidade

O traballo do equipo de Jaime Fagúndez, que recentemente presentou unha investigación que constataba o avance da especie nos polígonos industriais de Galicia, será o que permita definir a planificación, os medios e as técnicas máis axeitadas para facer fronte á proliferación do plumacho polo territorio galego, ao tempo que ofrecerá información sobre a súa invasión tanto en ecosistemas naturais como degradados.

A herba da Pampa invade xa máis da metade dos polígonos industriais de Galicia

O encontro do grupo de traballo celebrado no Castelo de Santa Cruz foi o segundo celebrado polo equipo constituído para loitar contra a herba da pampa, despois do celebrado o pasado mes de maio en Santander. O evento reuniu en Oleiros a unha trintena de técnicos e xestores con competencias sobre o medio natural, parques, xardíns, infraestruturas e ordenación do territorio procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal co fin de intercambiar experiencias e coñecementos para o control desta especie en todo o Arco Atlántico.

Publicidade

A xornada foi organizada polo CEIDA e SEO/BirdLife no marco do proxecto europeo LIFE Stop Cortaderia, que analiza e trata de lograr a eliminación da herba da pampa na franxa que vai desde a costa oeste de Francia, o arco norte de España e Portugal, pola que se ten estendido con gran rapidez. Ademais de Belén do Campo, o acto tamén contou coas intervencións de Carlos Vales, director do CEIDA, e Santiago García de Enterría, coordinador do proxecto.

Alto impacto

Xornada de traballo en Oleiros. Foto: CMAOT.
Xornada de traballo en Oleiros. Foto: CMAOT.

A Cortaderia selloana é unha gramínea perenne que destaca pola súa florescencia en forma de plumacho, acadando ata dous metros de altura. En conxunto, a planta pode chegar aos catro metros. Florece durante o verán, e o maior risco de propagación ten lugar durante o outono, cando as sementes se desprenden da planta.

Resulta unha especie de alto risco de impacto na biodiversidade, polo que, segundo subliñou Belén do Campo, a estratexia para a súa xestión e control debe afrontarse desde unha perspectiva de contención local e protección dos sitios prioritarios para a conservación de especies (principalmente, a Rede Natura 2000).

Nos últimos anos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural impulsou a erradicación desta especie nas áreas costeiras da Rede Galega de Espazos Protexidos e as áreas limítrofes. Ademais, trasladóuselle a outras administracións implicadas e a particulares a necesidade de sacala fóra destes espazos. Neste sentido, por exemplo, solicitouse aos titulares de distintas vías de comunicación, un vector moi importante de propagación, que promoveran a eliminación da herba da pampa, moi presente nas beiras das estradas.

Herba da Pampa: a invasión dos polígonos e autoestradas

Belén do Campo celebrou na súa intervención que Galicia acolla o encontro, co que se pretende cumprir tres grandes obxectivos. Por un lado, servir de foro de intercambio de experiencias entre os principais axentes implicados na súa erradicación no Arco Atlántico; en segundo lugar, difundir as metodoloxías e materiais que se están a empregar para frear a expansión da especie; e por último pero non menos importante, sensibilizar á poboación das rexións afectadas de España, Francia e Portugal dos riscos e dos efectos prexudiciais da herba da pampa sobre a biodiversidade local.

Life Stop Cortaderia

A posta en marcha do grupo de traballo internacional reunido hoxe en Oleiros encádrase no proxecto LIFE Stop Cortaderia, unha iniciativa coordinada pola entidade cántabra Asociación Amica e na que participan como socios AMPROS, SERCA, SEO/BirdLife, a Cámara Municipal de Vilanova de Gaia e o Instituto Politécnico de Coimbra, sendo a Xunta de Galicia unha das entidades cofinanciadoras do mesmo.

De feito, o proxecto conta con cofinanciamento da Comisión Europea a través do programa LIFE (o que supón o 52% do orzamento), da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, da Consellería de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria, do Concello de Santander e dalgunhas empresas privadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

Retirada unha acacia de tres toneladas á beira do Tins, o primeiro río de España con dereitos

Un grupo de 16 voluntarios participa na primeira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras nas marxes do curso fluvial de Outes

E se cortar a herba da Pampa non servise para nada?

O biólogo e investigador da UDC Alejandro Martínez aporta un novo enfoque sobre unha especie invasora en Galicia: "imponse só cando non lle fan sombra"

Un congreso reúne en Vigo a expertos mundiais no estudo da velutina

O encontro reúne aos parceiros do proxecto Atlantic-POSitiVE, que conta con 2,3 millóns de euros de financiamento para conter o avance da especie en Europa