Plumacho, plumeiro ou herba da Pampa. A Cortaderia selloana leva arredor de setenta anos invadindo leiras galegas abandonadas. A súa grande capacidade para ser unha das primeiras especies en colonizar terreos hermos con velocidade supuxo, a ollos da Administración, un problema medioambiental. Así, concellos por toda Galicia arrincaron políticas punitivas (con multas de ata 3.000 euros) para tratar de instar a propietarios e propietarias a que mantiveran as leiras “limpas”. Incluso a Xunta de Galicia chegou a prometer un plan autonómico de eliminación. Parecía unha lóxica incontestable, mais os terreos abandonados seguen abocados ás cortas periódicas.
Nese contexto dun enfoque hexemónico de loita contra a propagación da herba da Pampa, o biólogo e investigador da Universidade da Coruña, Alejandro Martínez Abraín, quixo velo dende outro prisma seguindo as lóxicas da ecoloxía: e se tratar de eliminar a cortaderia fora contraproducente e mesmo absolutamente inútil? Con cadanseu artigo en The Conversation e Quercus, Martínez Abraín aporta ao debate científco o que para el resulta case que unha obviedade: “Temos que pensar que se o abandono dos campos faise permanente, a sucesión vexetal continuará o seu camiño. Nos campos abandonados de Galicia a cortaderia entra cando só hai plantas herbáceas ou helechos (Pteridium), pero empeza a ser devorada pola sucesión cando aparecen as silveiras.”
“Paréceme alucinante que ningún dos profesionais que traballa con especies invasoras tratase este fenómeno antes”, explica a GCiencia o investigador. A herba da Pampa ocupa con fruición os antigos campos de cultivo agora abandonados: terreos abertos e ricos en luz e en nutrientes, explica. Un substrato abonado para ser invadido por unha planta amante de espazos abertos e luminosos. “Finalmente, a herba da Pampa termina quedando sen luz co desenvolvemento das toxeiras maduras, as escobas e os codesos. Antes mesmo de que cheguen de novo as árbores. E non só son eliminados os pés existentes, senón que a sucesión impide a entrada de novos individuos“, reflexiona.
Polo tanto, a invasión é, argumenta Abraín, temporal. “Debemos ser conscientes de que a invasión, no caso das plantas amantes de espazos abertos, non será para sempre. Trae incorporada unha data de caducidade por defecto. Porque quen manda ao final é quen ten o dominio das alturas, o control sobre a luz solar”, prosegue en The Conversation. “En resumo, a invasión de plantas amantes de espazos abertos só poderá ter carácter permanente en espazos que se manteñan permanentemente abertos, xa sexa porque os chans son moi pobres ou porque se manteñen abertos á mantenta, como ocorre nas rúas que a lei obriga a xerar debaixo dos tendidos eléctricos en previsión de incendios”, conclúe no seu artigo de opinión.
Multas individuais contra un problema estrutural
Para Martínez Abraín, ordenar cortas é unha solución cirúrxica: “Fala moi ben de como funciona o cerebro humano. Eliminamos visualmente o problema e quedamos satisfeitos”, explica a GCiencia. “É unha solución estupenda a nivel estético que non sirve para absolutamente nada a nivel medioambiental”, recalca. O problema, sostén, é o abandono do rural. Unha causa estrutural: “Pretendemos manter vivas as mesmas paisaxes que hai cen anos dun xeito artificial. Se queremos manter os terreos así ou fomentamos a gandaría ou a agricultura. É o único xeito”. De feito, dende un prisma ecolóxico, “a tendencia en Norteamérica e máis en toda Europa é a volta á creación de bosques nas áreas despoboadas”.
Segundo a reflexión de Abraín, as políticas ambientais municipais que penalizan aos propietarios dos campos abandonados invadidos por herba da Pampa non van ben encamiñadas. “Os propietarios ven obrigados a gastar cantidades considerables de diñeiro dos seus petos para deixar os seus campos expeditos. Con todo, con iso xeran de novo os espazos abertos (cheos de luz) que a herba das Pampas ama. Abonda con que quedasen sen eliminar algúns pés nas beiras das estradas ou nalgún xardín para que a herba sáeche de novo aos campos. E volta a empezar”, sostén. “Coa ciencia da ecoloxía na man fariamos mellor deixando que a sucesión avance neses campos. Dese modo acabariamos coa invasión sen facer nada, é dicir, sen investir diñeiro e enerxía niso”, remata.
Como helechos? Son fentos ou fieitos de toda a vida
Non é de todo certo. Nun campeiro de cortaderia non medra nada porque ocupa todo o espazo e as árbores que lles darían sombra nunca conseguirán a madurez buscada. E para que lle den sombra a totatlidade do Chan poden pasar 30 anos. En 30 anos onde irá a cortaderias…
En gran parte da costa de Galicia hai eucaliptais naturalizados nos que pasa a luz e conviven con ellas. Estas esperan nas cunetas a que haxa unha corta e logo invaden…
É nas praias que lles fai sombra?
Imaxina un lume con silvas, cortaderias e árbores nese intervalo de 30 anos… É pouco científico e un pouco charlatán esperar que o espazo sen xestión consiga madurar coma nos pretendemos.
Un saúdo
“Helechos” ? : Fentos,felgos ou fieitos. Tedes onde escoller!!!