A dobre cara das bacterias: promotoras do cancro e aliadas para combatelo

    Un campo prometedor de investigación é a comprensión do papel que desenvolve a microbiota intestinal na aparición de tumores

    *Un artigo de

    O papel dos microbios na formación, o diagnóstico, o prognóstico e o tratamento do cancro debateuse durante décadas. De feito, esta vinculación empezou a establecerse hai bastante tempo, en 1868, cando o médico alemán William Busch observou regresións tumorais espontáneas en pacientes infectados pola bacteria Streptococcus pyogenes.

    Publicidade

    Pouco despois, o cirurxián e oncólogo norteamericano William Coley probou unha vacina deseñada con especies de Streptococcus e Serratia en pacientes con cancro terminal, demostrando unha supervivencia libre de enfermidade de máis de 10 anos en aproximadamente o 30% deles. Representa a primeira demostración do que se deu en chamar inmunoterapia.

    Dende entón, os avances na investigación dos microorganismos e o cancro avanzaron estratosfericamente, e a nosa comprensión da inmunooncoloxía impulsou novos enfoques diagnósticos e terapéuticos.

    Responsables directos…

    A microbiota ou conxunto de microbios asociados a un tumor é un compoñente intrínseco do ecosistema de células, moléculas e vasos sanguíneos que o rodean (o chamado microambiente). A súa variedade xenética pode brindar unha oportunidade para mellorar o diagnóstico e prognóstico da enfermidade.

    Con todo, das máis de 1.000 especies microbianas distintas, só 11 están etiquetadas como carcinóxenos humanos ou oncomicrobios pola Asociación Internacional de Rexistros do Cancro. Estes oncomicrobios causan aproximadamente 2,2 millóns de casos anuais, en torno ao 13% de todos os que se rexistran o mundo. É o caso do Streptococcus bovis ou a Morganella morganii, asociados ao cancro de colon; a Chlamydia pneumoniae, co de pulmón; ou o Helicobacter pylori, responsable do cancro gástrico.

    …e cómplices necesarios

    Outra categoría adicional, a de microorganismos cómplices, potencia a transformación de células normais en tumorais, pero non son as responsables directas deste proceso.

    Dentro do tumor, os microorganismos distribúense en barrios denominados micronichos, que están menos vascularizados e debilitan a reacción inmune. Estas comunidades microbianas varían segundo o tipo de cancro, e bacterias específicas poden contribuír ao comezo e o desenvolvemento da doenza e comprometer a resposta ao tratamento.

    Un estudo recente debuxou o primeiro atlas de fungos, bacterias e células inmunitarias nos tumores tras caracterizar 17.401 mostras de tecido, sangue e plasma de pacientes con 35 tipos de cancro. Este traballo amplía o panorama do microbioma da enfermidade, aínda que non establece unha relación causa-efecto. O que si fai é mellorar a capacidade de diagnosticar e ofrecer un prognóstico en tumores –mesmo en fase temperá e sen tratamento previo– a partir da análise das bacterias tisulares e plasmáticas.

    Os investigadores tamén atoparon diferenzas nas alteracións xenómicas do ADN tumoral que circula fóra das células entre mostras de individuos sans e pacientes con múltiples tipos de cancro no sangue. Esta potencial ferramenta de diagnóstico oncolóxico merece unha maior exploración.

    Como poden axudar as bacterias intestinais?

    Os seres humanos podemos ser considerados como un metaorganismo: o 57% das nosas células e ata o 99% dos nosos xenes son microbianos. Na súa gran maioría proceden de bacterias intestinais, que desempeñan un rol fundamental no desenvolvemento dun cancro, pero tamén poden frealo. Vexamos como.

    O cancro pode xurdir cando as barreiras da mucosa intestinal rompen. Entón, a desviación das bacterias ou dos seus metabolitos (os produtos do metabolismo celular) xeran inflamación e atenúan a reacción das nosas defensas nos microambientes tumorais

    Moitas das vías que median esa interacción involucran non só ás citoquinas, proteínas que xeran a inflamación, senón tamén aos citados metabolitos. Estes poden causar mutacións tumorais e modular a acción dos inhibidores do control inmunitario.

    O 57% das nosas células e ata o 99% dos nosos xenes son microbianos

    Así, quedou demostrado que a radioterapia é máis eficaz cando un antibiótico chamado vancomicina elimina certos metabolitos procedentes das bacterias Clostridiales. Pola contra, os expertos observaron que outro tipo de metabolitos –triptófano e propionato– derivados de microbios intestinais proporcionan radioprotección a longo prazo.

    Ademais, un microbioma intestinal intacto, en comparación cun alterado por antibióticos, é necesario para previr a progresión da leucemia en ratos xeneticamente predispostos.

    Constatar estes efectos da microbiota revitalizou os esforzos para cambiar a súa composición como unha forma de inmunoterapia. Con todo, e a pesar da ampla evidencia científica, aínda non se comercializou ningún tratamento.

    Oportunidades terapéuticas

    Os microbios intestinais están intimamente involucrados na biotransformación dos fármacos, con consecuencias non desexadas no control do cancro. Os antibióticos parecen anular a resposta da inmunoterapia ao inhibir o microbioma intestinal. Esta interacción entre microorganimos e medicamentos merece máis estudos.

    Visto o papel que desempeñan as bacterias na evolución do cancro, habería que promover cambios dietéticos nos tratamentos, así como a administración de prebióticos (moléculas que promoven o crecemento de microbios beneficiosos), probióticos, posbióticos (moléculas derivadas de microbios) e antibióticos. Mesmo se poderían inxectar bacterias modificadas no interior do tumor.

    Outras ferramentas ao noso alcance son o transplante de microbiota fecal ou o uso de probióticos comerciais.

    Visto o papel que desempeñan as bacterias na evolución do cancro, habería que promover cambios dietéticos nos tratamentos

    Neste último caso, aínda se probaron poucas formulacións á venda para determinar o seu impacto; algunhas delas mesmo favorecen a formación de tumores ou causan bacteriemia (invasión de bacterias no torrente sanguíneo) en enfermos críticos. Por tanto, é desaconsellable a administración indiscriminada de probióticos aos pacientes.

    En suma, comprender como podemos modular a microbiota é crucial para guiar as aplicacións clínicas e aumentar o arsenal terapéutico contra o cancro.


    *Sonia Villapol é assistant professor no Houston Methodist Research Institute.

    Cláusula de divulgación: Sonia Villapol non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.