Nun futuro postapocalíptico, que pasaría coa vida se os humanos desapareceran do planeta? Porén, é probable que a especie humana se extinga moito antes de que o sol se converta nunha xigantesca bóla vermella e acabe con todos os seres vivos sobre a face da Terra.
Supoñendo que non acabemos antes cos demais seres vivos (algo pouco probable a pesar da nosa tendencia para facer desaparecer especies), a historia di que haberá cambios fundamentais unha vez que os humanos deixemos de ser a especie animal dominante do planeta.
Así que, se puidésemos dar un salto no tempo ata uns 50 millóns de anos despois da nosa desaparición, que atopariamos? Que animal ou grupo de animais nos relevarían como especie dominante? Nacerá un Planeta dos Simios como o das películas? Ou dominarán a Terra os golfiños, as ratas, os tardígrados, as cascudas, os porcos ou as formigas?
Esta pregunta deu lugar a moitas especulacións, e numerosos escritores fixeron listas de especies candidatas. Con todo, antes de facer conxecturas, debemos explicar a que nos referimos con especies dominantes.
![O sapiens é o único homínido que non está en perigo de extinción.](https://www.gciencia.com/wp-content/uploads/2019/11/primate-167x250.jpg)
Limitémonos ao reino animal
Poderiamos dicir que a era actual é a era das flores. Con todo, ao visualizar o futuro ninguén se imaxina a Audrey 2 no filme A tenda dos horrores (aínda que os trífidos da ficción tivesen trazos característicos dos animais, como un comportamento depredador e a habilidade de moverse).
Limitémonos entón ao reino animal, máis por razóns prácticas que filosóficas. Segundo certos criterios, o mundo sempre estivo dominado por bacterias, a pesar de que a “era das bacterias” acabou hai uns 1.200 millóns de anos. Pero non foi porque as bacterias deixasen de existir ou porque diminuíse o seu predominio, senón porque tendemos a dar máis importancia aos grandes organismos multicelulares que viñeron despois.
Segundo algúns cálculos, catro de cada cinco animais son nematodos (vermes cilíndricos). Así que, con estes exemplos, queda claro que nin a prevalencia, nin a abundancia, nin a diversidade son esenciais para ser a forma de vida dominante. En cambio, a nosa tendencia é pensar en organismos grandes e carismáticos.
Os mansos herdarán a Terra
Hai un indiscutible grao de narcisismo en como os humanos designamos ás especies dominantes, do mesmo xeito que unha tendencia para outorgar este título aos nosos parentes próximos. O Planeta dos Simios imaxina que os nosos parentes primates poderían desenvolver a fala e adoptar a nosa tecnoloxía se lles damos o tempo e o espazo suficientes.
Pero é pouco probable que as sociedades primates non humanas herden o noso dominio sobre a Terra xa que, probablemente, os simios desaparecerán antes ca nós. Xa somos o único homínido vivo que non está en perigo de extinción. E non é probable que a crise que podería acabar coa nosa especie deixase á marxe aos outros grandes simios. De feito, calquera tipo de extinción que afecte aos humanos sería tamén perigosa para aqueles organismos con similares necesidades fisiolóxicas básicas.
Aínda que os humanos sucumbiran a unha pandemia mundial que afectase a poucos mamíferos, os grandes simios son, precisamente, as especies que máis risco teñen de contraer novas enfermidades que poderían eliminalos da Terra.
Poderá outro parente máis distante (primate, mamífero ou doutra índole) desenvolver intelixencia e unha sociedade similar á nosa? Iso tampouco parece probable. De todas as especies que, en teoría, foron animais dominantes nalgún momento, os humanos son únicos na súa excepcional intelixencia e destreza manual. Pódese deducir, por tanto, que estas cualidades non son un requisito para ser a especie dominante nin para evolucionar. A evolución non favorece a intelixencia por si mesma, a non ser que esta leve a un maior nivel de supervivencia e de reprodución. Por tanto, é un grave erro pensar que os nosos sucesores serán especialmente intelixentes, que serán seres sociais, que poderán falar ou que serán expertos en tecnoloxía.
Así que, podemos afirmar algo sobre a especie dominante 50 millóns de anos despois da extinción do ser humano? A resposta é tan decepcionante como sorprendente. Podemos estar bastante seguros de que non será un chimpancé parlante, pero non temos nin idea de que será.
A Terra viu gran número de extincións masivas ao longo da súa historia. A diversificación da vida tras cada suceso sempre foi relativamente rápida e a adaptación das novas especies produciu novas formas de vida moi diferentes ás que as procrearon tras sobrevivir á extinción anterior.
As pequenas criaturas que corrían baixo os pés dos dinosauros a finais do período Cretácico eran moi diferentes dos osos das cavernas, dos mastodontes e das baleas descendentes da Era dos Mamíferos. Así mesmo, os réptiles que sobreviviron á extinción masiva do Pérmico- Triásico hai uns 250 millóns de anos, que acabou co 90% das especies mariñas e co 70% das terrestres, tampouco se parecían aos pterosaurios, dinosauros, mamíferos e paxaros que descenderon deles.
No libro A vida marabillosa, o defunto Stephen J. Gould defendía que o azar, ou a continxencia, como el adoitaba dicir, tivo un papel moi importante nas grandes transicións da vida animal. Hai marxe para discutir sobre a importancia relativa da continxencia na historia da vida, que segue sendo un tema controvertido hoxe en día. Con todo, a percepción de Gould de que dificilmente se pode presaxiar a supervivencia das razas modernas tras unha futura extinción é unha lección de humildade sobre a complexidade das transicións evolutivas.
Aínda que podería acontecer que as formigas nos releven no dominio da Terra, tal e como se especulou, é imposible que saibamos como serán esas formigas dominantes descendentes das actuais.
Luc Bussiere é profesor de Ciencias Biolóxicas na Universidade de Stirling.
* Cláusula de divulgación: Luc Bussiere non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.