Amtega aposta por fortalecer as competencias dixitais dos empregados públicos ante o incremento dos trámites virtuais

A próxima entrada en vigor do Marco Galego de Competencias Dixitais situará a Galicia nunha posición privilexiada neste ámbito

O incremento nun 63 por cento das presentacións realizadas a través da sede electrónica da Xunta en 2020 é un dos factores que levan á Administración galega a realizar un maior esforzo por adaptar a administración dixital á nova situación provocada pola pandemia do Covid-19. A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, anunciou esta semana que a aprobación do Marco Galego de Competencias Dixitais (entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022) converterá a Galicia na primeira comunidade autónoma en adaptar ao seu territorio o marco europeo na súa versión máis actualizada.

O anuncio realizouse durante a inauguración na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) da XI edición do Curso Superior de Administración Electrónica, que se realiza en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG).

Publicidade

Segundo os datos facilitados por Amtega, en 2020 as presentacións electrónicas superaron o millón e corresponderon a 1.200 procedementos distintos. A sede virtual foi usada por 316.000 persoas distintas (físicas e xurídicas) e máis do 78 por cento das entradas no Sistema Único de Rexistro foron electrónicas.

Para atender esta demanda da cidadanía e adaptarse aos novos modelos de posto de traballo dixital, Mar Pereira destacou a necesidade de reforzar a formación das persoas empregadas públicas en competencias dixitais. No 2020, a Xunta promoveu 172 accións formativas en materia de capacitación dixital do persoal empregado público en diversos eidos, accións que supuxeron un total de 4.055 horas de formación.

Publicidade

O novo Marco Galego inclúe un Plan de Capacitación Dixital do Persoal Empregado Público de Galicia que definirá as competencias dixitais mínimas para poder acceder a un posto na administración. Estes coñecementos e habilidades serán avaliados co Certificado Galego de Competencias Dixitais, que poderán obter todos os cidadáns galegos maiores de 16 anos.

As certificacións avaliarán 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade e solución dos problemas.

O Certificado Galego de Competencias Dixitais terá unha vixencia máxima de cinco anos, salvo no caso en que se modifique o Marco Galego de Competencias Dixitais, no que poderá perder a súa vixencia anticipadamente. Nesa situación, as persoas con certificación terán un prazo de doce meses para renovala.

Formación práctica dixital

Durante o acto celebrado o pasado martes a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou o papel do organismo na capacitación do persoal empregado público en materia de administración dixital mediante a formación continua e os cursos superiores. Ademais, tamén resaltou o traballo levado a cabo dende 2019 na promoción do uso dos servizos electrónicos entre a cidadanía a través da iniciativa Universo EGAP Innova, en especial coas xornadas de formación práctica dixital (e-martes) polas que pasaron xa máis de 700 alumnos.

Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacou que a pandemia supuxo “unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”.

No Curso Superior de Administración Electrónica 2021 participan 70 persoas empregadas públicas que asistirán a un total de 114 horas lectivas. O curso desenvolverase ata o 26 de outubro e inclúe 30 horas de prácticas presenciais. Fernando Suárez, que é tamén o director académico do curso, explicou que esta actividade ten como finalidade afondar na concepción da administración electrónica dende diferentes enfoque e cunha compoñente práctica. A lección inaugural do curso foi impartida polo director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio.

1 comentario

  1. O Estado Dixital de Indefensión avanza… Non existe o Certificado Galego de Competencia Dixital para a Cidadanía ! Como non é o mesmo ter acceso a través de Cl@ave365 que ter acceso a través de Chave365 porque en lugar de simplificar complicamos aínda máis a vida da xente, para que estean cada vez máis lonxe -a ser posible- da Administración. Nesto debe consistir a Ciberseguridade ! Que ningún usuario teña a capacidade suficiente para reclamar algún dereito sen dispoñer de avogado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta lanza unha iniciativa para modernizar a Administración con tecnoloxías disruptivas

A iniciativa solucionará as necesidades do sector público con IA, datos e 5G para mellorar os servizos e a relación coa cidadanía

Da saúde á loita contra os incendios: estas son as máis de 20 iniciativas con uso de IA da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anuncia dez proxectos en fase de produción, e o resto en desenvolvemento, pilotaxe ou proba

Luz verde ao Pacto Dixital entre a Xunta e o sector das TIC para a modernización tecnolóxica de Galicia

A iniciativa impulsada pola Amtega busca abrir novas oportunidades de negocio, reducir a fenda dixital e promover a colaboración no ámbito da tecnoloxía

A revolución intelixente da Xustiza galega: o Plan Senda 2028 propón un sistema máis inclusivo

O Goberno galego aproba unha estratexia que introduce a intelixencia artificial no sistema xudicial, ten unha xestión bilingüe co programa Atenea e dota de ferramentas tecnolóxicas ás 268 oficinas municipais