A revolución do piropo

Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea, 

O piropo pode ter moitas connotacións. Para algunhas persoas, é o comentario dunha amiga dicindo que os seus pantalóns novos son perfectos; para outras, é unha auténtica tortura pasar diante dunha obra polo medo a que os traballadores lles digan algo —o escenario prototípico do piropo—. Con todo, ese medo adoita recaer nas mulleres, xa que o piropo é unha práctica predominantemente masculina. Aquí hai moitos matices: o primeiro contexto podería entenderse máis como un cumprimento, mentres que o segundo encaixa no que tradicionalmente se considera un piropo. Eu teño a sorte de recibir moitos dos primeiros, tanto de amigas como de amigos, e tamén a sorte de non ser obxecto directo dos segundos (polo menos, que eu saiba). 

Publicidade

En GCiencia chamounos a atención un estudo do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago (ILG), centrado no piropo galego e o humor. Por iso, decidimos facer unha reportaxe. Para a investigadora Estela Fidalgo Garra, o piropo é unha práctica ligada á intención de achegamento afectivo-sexual cara á persoa destinataria; é dicir, o obxectivo é ligar. A través da pragmática —a rama da lingüística que estuda a influencia do contexto— analiza o papel central do humor na produción do piropo en Galicia. Da nosa conversa saíu unha das citas que máis me marcou: “A pesar de que o piropo se concibe como algo inherentemente cortés, a min parecíame, en ocasións, descortés e incomodábame”. E si, aínda que nunca fun destinataria dun piropo que me resultase especialmente incómodo, si vivín miradas lascivas e situacións desagradables; penso que todas temos algunha historia así.

O humor semella ser, moitas veces, a ferramenta coa que se encobren determinados piropos. Como explica a investigadora galega, trátase dun recurso ambivalente: pode xerar proximidade, pero tamén serve para facer que certos comentarios soen máis asumibles para a persoa que os recibe. Deste xeito, dilúense responsabilidades e posibles efectos negativos sobre a relación, como o rexeitamento. Non é o mesmo dicir “Que guapa es” ca “Os bombóns ao sol derrétense” —aínda que, se vos son sincera, creo que non prefiro ningún dos dous—. No corpus do estudo tamén hai exemplos con referencias galegas, como “Esas curvas son mellores cás de Ponte Vilariño!”.

Publicidade

Seguro que hai quen pensa que este tipo de frases xa quedaron pasadas de moda. De feito, o estudo de Fidalgo Garra analiza as respostas de 100 galegos e galegas pertencentes a dous grupos de idade —de 18 a 30 anos e maiores de 40—. As xeracións máis maiores tenden a relacionar o piropo co humor e con frases como “Parece que son un home afortunado”, mesmo recoñecendo o seu potencial invasivo. Pola contra, a xente máis nova aposta por formas de comunicación máis directas. Segundo a investigadora, isto débese a que “somos unha sociedade máis consciente das relacións igualitarias”.

Hai, porén, algo claro: talvez o piropo nunca desapareza por completo, pero si está a transformarse. Hoxe funciona máis como un xogo humorístico destinado a facer rir ca como unha ferramenta eficaz para ligar —e menos mal—. Por iso sobrevive como parte dun repertorio cultural moi recoñecible. A min, sinceramente, se alguén me sae co do bombón, non me arrancará nin un sorriso: dareime a volta coma se non oíse nada.

Pasemos aos temas da semana!


Que patrimonio marítimo tes ao lado da casa? 🔎Nace o primeiro Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia: un inventario pioneiro que cataloga 1.452 bens singulares situados no litoral e ligados á historia marítima de Galicia. O proxecto inclúe un visor interactivo en forma de mapa que permite explorar o Censo aos usuarios, con patrimonio arquitectónico, etnolóxico e industrial. Inclúe dende o espigón de Praia América en Nigrán ata o Faro de Cabo Prioriño en Ferrol. Se queres coñecer máis información sobre o mapa tes esta peza na nosa web, pero se queres ver imaxes dalgúns dos bens que podes atopar, pásate polo noso Instagram.

O Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble é un inventario exhaustivo e pioneiro. Imaxe extraída do visor do Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble.
O Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble é un inventario exhaustivo e pioneiro. Imaxe extraída do visor do Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble.

As “perlas” de Marcos Llorente 🌞 O mércores estábamos na oficina cando comezaron a saír os primeiros clips do futbolista Marcos Llorente no programa El Hormiguero. Así nacía unha nova polémica negacionista fronte á relación entre a exposición ao sol e o cancro de pel. Por iso, dende GCiencia decidimos facer un exercicio de fact-checking para coñecer que di a evidencia científica: efectivamente, os efectos crónicos do sol inclúen o cancro de pel, o tumor máis frecuente do corpo humano. O que está claro que non é ciencia son os “Eu é o que sinto” ou os “Eu non estou de acordo”. Podes ver fragmentos da entrevista neste post que creamos para a ocasión (merecíao).

O mapa da ultralonxevidade galega 👵🏼 A miña compañeira Noelia elaborou unha reportaxe sobre un tema que sempre esperta interese: a ultralonxevidade. O investigador José María Faílde, da UVigo, lidera un estudo que confirma a existencia de áreas xeográficas galegas entre Pontevedra, Lugo e Ourense nas que prevalecen elevadas taxas de centenarios, con 34 concellos que levan o récord. O fenómeno atribúese ao baixo estrés, á actividade física e a altitude da zona de montaña. De feito, é unha das explicacións polas que un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2039, segundo o Instituto Galego de Estatística: haberá 260 individuos que superen esa idade por cada 100 menores de 20.

A área identificada vai da zona limítrofe entre Ourense e Pontevedra hacia Celanova e Castro Caldelas. Imaxe: Elaboración propia
A área identificada vai da zona limítrofe entre Ourense e Pontevedra hacia Celanova e Castro Caldelas. Imaxe: Elaboración propia

Novas de saúde xinecolóxica 📰 Esta semana recuperamos a historia de María Varela Iglesias, a galega diagnosticada de cancro de mama metastásico aos 42 anos que solicitaba adiantar os cribados aos 40. Por que volvemos a ela? O Ministerio de Sanidade modifica o programa e adianta as probas para incluír a mulleres de entre 45 e 74 anos; ata a data, realizábanse a mulleres entre 50 e 69. Supón un gran paso en saúde da muller.

Pero non todo son boas novas: a gonorrea e a sífilis están a ter un especial impacto en Galicia, onde as taxas de contaxio aumentaron nun 400% en só catro anos, segundo os últimos datos do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC). Os motivos? O menor uso de preservativos, o aumento das parellas sexuais e o incremento nos tests. 


Recomendación semanal 🪶

Dende hai pouco son runner. Si, pertenzo a esa especie de tribu que vai correr e sube os seus resultados a app Strava. Eu aínda non me sinto representada por iso, acabo de comezar e teño un perfil moi amateur. Con todo, hoxe teño a miña primeira carreira e levo unhas semanas adestrando para, polo menos, saber que a vou rematar. Son cinco quilómetros e percorre unha pequena parte da costa de Nigrán.

Teño a sorte de vivir aquí, no Val Miñor, nas Rías Baixas, e poder ver cos meus ollos todos os días algunhas das pezas históricas que aparecen no Censo de Patrimonio Marítimo. Por exemplo, o xoves, cando saín a correr, puiden ver o espigón de Praia América, que é unha pasada, con Monteferro de fondo e as illas Estelas ao seu carón. Sip, son consciente da sorte que teño.

Foto da miña galería: dende Montelourido pódese ver diretamente cara a Monteferro. Sen dúbida, dous dos meus lugares favoritos.
Foto da miña galería: dende Montelourido pódese ver diretamente cara a Monteferro. Sen dúbida, dous dos meus lugares favoritos.

Por iso, evidentemente, a miña recomendacións é que visitedes Baiona e Nigrán —os meus compañeiros de GCiencia saben que é un plan que SEMPRE recomendarei—. Agora, tamén a vos como parte disto.

E, se tamén sodes runners —e se non, tamén—, recoméndovos moitísimo escoitar a Radio de Dog Days Are Overa canción de Florence + The Machine. Non hai nada que me motive máis para non chegar coa lingua por fóra á meta.


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vinte graos en maio

O clima aumenta a temperatura do mar en Galicia ata acadar valores anómalos no mes de maio. Por Andrea Veiga

Manual para sobrevivir á calor

As temperaturas extremas azoutan parte de Europa occidental. Por Laura Filloy

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga