Venres 26 Abril 2024

Catro propostas de turismo científico sen saír de Galicia

As Fragas do Eume, os Museos Científicos Coruñeses, a vila de Combarro e a illa de Sálvora son boas opcións para desconectar da rutina

Galicia conxuga paisaxes abruptas e escarpadas con espazos de orografía máis suave. E todas as estampas, tanto as marítimas como as de montaña, son igualmente fermosas. As propostas de turismo científico nunha terra como Galicia son infindas. Podería, incluso, haber unha recomendación por cada día do ano. Mais este martes 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, invitámoste a desconectar da rutina con estes catro destinos que combinan a mellor ciencia e natureza de Galicia.

1. Illa de Sálvora

Sálvora é unha xoia no medio da ría de Arousa. Forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas xunto a Cíes, Ons e Cortegada dende a súa declaración en 2002. O último fareiro marchou en 2018 e, dende aquela, está deshabitada. Con todo, é posible visitala durante os meses do verán grazas ás rutas que se organizan dende O Grove e Ribeira, malia que hai un límite de 250 persoas por día para evitar a saturación da contorna e os posibles prexuízos que se poidan ocasionar no hábitat.

Publicidade

De feito, ten un alto valor natural e patrimonial. Posúe a maior colonia nidificante de gaivotas patiamarelas de Europa, así como unha grande de corvo mariño cristado. De todas formas, defínese como “parque marítimo-terrestre” porque a meirande parte do espazo protexido é mariño. Baixo as augas de Sálvora, así como nas circundantes, bule a importante vida do mar.

Posúe a maior colonia nidificante de gaivotas patiamarelas de Europa

Máis alá do seu indiscutible valor natural, Sálvora tamén é unha illa chea de historia. Pese a que a día de hoxe xa ninguén vive alí, no pasado si contou con poboación estable. Arredor de medio cento de persoas asentáronse en Sálvora a finais do século XVIII, posto que se puxo en marcha un almacén de salgadura e unha pesqueira de atún. Iso si, a illa pertencía á nobreza e os habitantes debían pagar un tanto por vivir alí. Agora, a aldea está declarada en ruínas.

Outra das historias que ninguén pode ignorar cando visita Sálvora é a do vapor Santa Isabel. O barco naufragou preto da illa nos primeiros días de xaneiro de 1921. Case dous centos de persoas morreron e preto de 50 pasaxeiros lograron salvar a vida. Isto último foi grazas a catro mulleres coraxe que conseguiron rescatar coas súas dornas, e a axuda dos nenos, a unha parte dos naufragados. Hoxe, catro hórreos da antiga aldea levan o nome destas mulleres.

2. Museos Científicos Coruñeses

Se o tempo non acompaña para dar un paseo e desfrutar da natureza, os espazos interiores tamén son unha opción. Para empaparse da mellor ciencia con selo galego, que mellor idea que aproveitar as actividades e exposicións organizadas polos Museos Científicos Coruñeses. Hainos para todos os gustos. Por exemplo, para os amantes da astronomía e da física, a recomendación sería visitar a Casa das Ciencias. Ademais de ser un museo interactivo, conta cun planetario e tres plantas con exposicións.

Se che interesa máis a natureza e o mundo mariño, seguro que a visita ao Aquarium Finisterrae é todo un acerto. Ten catro salas de exposicións con varios acuarios e unha colección biolóxica composta por máis de 300 especies diferentes. Destaca a sala Nautilus, zona somerxida nun tanque de 4,4 millóns de litros de auga onde nadan varios tiburóns, un deles de máis de 2 metros de lonxitude. No exterior, hai varias piscinas nas que nadan focas atlánticas.

Finalmente, se prefires un museo centrado no ser humano e a súa evolución, o teu destino está na Domus. De feito, foi o primeiro museo interactivo do mundo dedicado integramente a este eido. Nos seus preto de 150 módulos albérganse varias exposicións sobre as características da especie humana: xenética, evolución, intelixencia humana e anatomía, entre outras. Ademais, hai unha sala onde se proxectan filmes e documentais científicos.

3. Combarro

Fachada marítima de Combarro. / Duvi
Fachada marítima de Combarro. / Duvi

Se a túa idea de turismo é un chisco máis urbana pero sen perder a esencia do patrimonio e a natureza, a opción ideal é a vila de Combarro. Situada na ría de Pontevedra, foi declarada conxunto histórico en 1972 pola riqueza da súa arquitectura popular mariñeira. Os elementos máis salientables da súa silueta son os hórreos a pé de ría e os cruceiros que, ademais, contan con moi bo estado de conservación. Moi recomendable o paseo polas súas rúas estreitas e empedradas, con fermosas vistas ao mar.

O Peirao da Chousa, a Rúa do Mar, a Praza da Fonte, a Praza de San Roque e O Padrón, entre outros enclaves, son algúns dos sitios que non podes perder en Combarro. Verás as típicas casas mariñeiras, cheas de vida e decoradas con flores. A fermosura desta vila fai que o turismo sexa un dos seus principais motores económicos. Porén, antigamente, as súas actividades máis importantes eran a pesca e o marisqueo, xunto co traballo agrícola. Dende o século XIX pertence ao concello de Poio.

4. Fragas do Eume

Panorámica das Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.
Panorámica das Fragas do Eume. Imaxe: turismo.gal.

Se as anteriores opcións non te convenceron porque prefires somerxerte en plena natureza, nada pode ser comparable a facer unha ruta de sendeirismo para desfrutar das Fragas do Eume, un dos bosques máis belos e con maior valor ecolóxico de Galicia. É unha mostra de bosque atlántico europeo encaixado no curso medio e baixo do río Eume. A súa paisaxe configúrana unha gran variedade de árbores, arbustos réptiles, insectos e aves.

Carballos e castiñeiros forman o manto caducifolio, acompañados por bidueiros, freixos, teixos, abeleiras e árbores froiteiras silvestres e polos perennes loureiros, acivros e érbedos. Todos eles forman unha especie de selva heteroxénea na que cada especie ocupa o seu lugar. Por exemplo, as sobreiras teñen nestas ladeiras orientadas ao sur o seu límite setentrional en Galicia. Nas ribeiras húmidas e sombrías do río pódense atopar unha colección dunha vintena de especies de fentos e 200 especies de liques.

Hai 126 especies de vertebrados, 15 de anfibios, 14 de réptiles e oito tipos de peixes

No que se refire á fauna, a riqueza do parque tamén é incomparable. Nas súas 9.125 hectáreas de extensión pódense atopar 126 especies de vertebrados, 15 de anfibios (ra ibérica, píntega galaica), 14 de réptiles e oito tipos de peixes (salmón, troita, anguía). Entre as aves hai azores, mouchos, miñatos, falcóns peregrinos, pitos verdes, pitos reais, merlos e martiños peixeiros. Como exemplo dos mamíferos que podemos atopar no parque podemos citar á garduña, a londra, a xeneta, o corzo, o raposo, o xabaril, o cervo ou o teixugo.

Poderás descubrir todo isto na rede de sendeiros que ten o parque das Fragas do Eume, cun total de 60 quilómetros sinalizados. Durante o teu paseo tamén podes aproveitar para coñecer os mosteiros de Monfero e San Xoán de Caaveiro. Tamén hai varios miradoiros e diferentes actividades, como excursións en kaiak e bicicletas eléctricas. É dicir, unha ampla oferta que cobre todos os gustos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias festexa 30 anos de coñecemento compartido

O seu presidente, Julio Casal, reivindica o compromiso coa divulgación científica para achegar información de calidade á sociedade

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia