Venres 26 Abril 2024

Éxito da misión DART: así impactou unha pequena nave espacial contra un asteroide

O ensaio tiña por obxectivo poñer a proba unha nova tecnoloxía de defensa planetaria da Terra ante futuras ameazas

Todo saíu segundo o previsto e a misión DART xa se considera un éxito. O primeiro ensaio de defensa planetaria da Terra, capitaneado pola NASA, cumpriu coas expectativas. Arredor da unha da madrugada deste martes, a nave espacial DART impactou contra o asteroide Dimorphos para modificar a súa traxectoria. E conseguiuno. A misión, que xa é todo un fito histórico, tiña por obxectivo probar unha nova tecnoloxía para protexer o planeta, ante a posibilidade de que un asteroide ou cometa se dirixan á Terra no futuro.

Segundo confirmou a NASA, Dimorphos, con 160 metros de diámetro, orbita arredor doutro asteroide máis grande: Didymos, de 780 metros de diámetro. Malia que ningún dos dous supón unha ameaza real para a Terra, as características deste sistema —situado a 11 millóns de quilómetros de distancia— eran as axeitadas para probar a nova tecnoloxía da NASA. Despois do exitoso impacto de DART contra Dimorphos, a axencia espacial estadounidense demostra que é posible navegar unha nave espacial para colisionala intencionadamente contra un asteroide e, así, desviar a súa traxectoria. Esta tecnoloxía tamén é coñecida como impacto cinético.

Publicidade

Expertos da NASA seguen en directo o impacto de DART contra Dimorphos. Crédito: NASA

Agora, un equipo de astrónomos observará Dimorphos mediante telescopios terrestres para confirmar que o impacto de DART alterou a órbita do asteroide, que xira arredor de Didymos. Os investigadores esperan que o impacto acurte a súa órbita en aproximadamente un 1%, ou 10 minutos. Dende a NASA aseguran que medir con precisión canto se desviou o asteroide é un dos propósitos principais desta proba a grande escala. Durante as próximas semanas sacaranse as conclusións da misión e revelarase ata que punto foi eficaz e preciso o impacto. Estes resultados axudarán a mellorar os modelos informáticos e científicos actuais que predín se está técnica é un modelo fiable no desvío de asteroides.

Espérase que a colisión acurte a órbita de Dimorphos nun 1%

Segundo detalla o investigador do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) José María Madiedo, a nave DART impactou contra Dimorphos en dirección contraria ao seu movemento, reducindo así lixeiramente a súa velocidade e, tamén, o seu radio de xiro arredor de Didymos. De feito, a rocha de maior tamaño tamén sufriu unha lixeira variación da súa traxectoria, dada a interacción gravitatoria entre os dous asteroides. “A magnitude destas modificacións poderá coñecerse dentro duns días, cando o efecto das mesmas sexa apreciable”, indica o investigador en declaracións recollidas polo Science Media Centre España.

Ademais, a colisión xerou un cráter na superficie de Dimorphos, lanzando ao espazo material “fresco”. Outro dos obxectivos da misión é analizar o seu interior. “A misión DART supón así un gran fito no campo da defensa planetaria. Supón o noso primeiro gran paso á hora de dispoñer dunha tecnoloxía coa que evitar a enorme catástrofe natural que suporía a colisión contra nós dun corpo celeste de gran tamaño”, conclúe Madiedo.

Resumo do impacto de DART contra Dimorphos. Crédito: NASA

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas
00:00:00

A NASA retransmite en directo a eclipse solar total

O fenómeno astronómico poderase desfrutar en México, Estados Unidos e Canadá, e en Galicia só de forma parcial

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Envía o teu nome a Xúpiter nunha misión espacial da NASA

Dende a axencia lanzarán unha botella que leva tamén un poema da escritora estadounidense Ada Limón