Arriba, ilustracións de bisonte, león das cavernas e rinoceronte Stephanorhinus hemitoechus, cuxos restos se atoparon en Becerreá. Debaixo, fósiles de leopardo atopados no xacemento.

Arriba, ilustracións de bisonte, león das cavernas e rinoceronte Stephanorhinus hemitoechus, cuxos restos se atoparon en Becerreá. Debaixo, fósiles de leopardo atopados no xacemento.

Cando en Becerreá vivían leopardos, leóns, bisontes e rinocerontes

Investigadores galegos publican o achado de 1.400 fósiles de 40 especies que viviron en Lugo hai 110.000 anos e que foron localizados nunha canteira

O que menos esperaban os operarios de Canpesa (Canteiras do Penedo S.A.) cando en 2009 estaban furando un monte de Becerreá para extraer pedra caliza era que, de súpeto, ían viaxar cara a atrás no tempo máis de 100.000 anos. Atoparon fósiles no medio das rochas, así que pararon rapidamente as máquinas e deron aviso do achado. Ata alí foron os arqueólogos, liderados por Manuel Vaquero, que traballaron con urxencia entre 2010 e 2011 para estabilizar a zona e evitar que se perdera o xacemento, que xa resultara danado en voaduras anteriores ao descubrimento dos fósiles.

Imaxe da canteira de Becerreá onde se atoparon os restos. No centro, lugar onde se atopa o recheo de Valdavara 3. Foto: Manuel Vaquero.

Imaxe da canteira de Becerreá onde se atoparon os restos. No centro, lugar onde se atopa o recheo de Valdavara 3. Foto: Manuel Vaquero.

Despois dun longo proceso de investigación, o equipo de arqueólogos e paleontólogos que analizou os restos acaba de publicar na revista Comptes Rendus Palevol un estudo no que se dá conta de ata 1.400 restos fósiles de 40 especies distintas de fauna (30 de mamíferos, tres de aves, cinco de réptiles, un anfibio e un peixe). “É algo excepcional”, conta a GCiencia Arturo de Lombera, investigador do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da USC que participou no traballo.

Entre estes restos, hai animais hoxe considerados exóticos en Galicia, pero que naquel período interglaciar do Pleistoceno se movían decote por este territorio. Así, os investigadores atoparon en Becerreá fósiles do extinto león das cavernas (Panthera spelaea), o rinoceronte Stephanorhinus hemitoechus, tamén extinto, leopardo (Panthera pardus) ou hiena (Crocuta crocuta).

O lugar, bautizado como Valdavara 3, está situado nun alto á beira do río Cruzul, afluente do Navia, e a apenas 50 metros da cova de Valdavara 1, onde se atopou hai anos o fósil humano máis antigo de Galicia, datado en 17.000 anos.

Unha trampa natural

Pero como se xuntaron nun espazo tan reducido os restos de 40 especies animais? A hipótese que manexan os científicos é que se trataba dunha trampa natural, unha cavidade no terreo onde quedaban atrapados os animais. É posible que, ao percibir o cheiro a carne podre, os preeiros, como as hienas, acudiran alí á procura de alimento e quedaran tamén atrapados. Tamén é posible, do mesmo xeito, que fose empregado como cubil ou como lugar de hibernación de especies coma o oso pardo (Ursus arctos) ou o oso das cavernas (Ursus spelaeus).

E segundo as ferramentas líticas atopadas e as marcas de corte que hai nalgúns fósiles, é moi posible que os neandertais tamén se achegasen ao lugar na procura de recursos. Trátase dun “tipo de ocupación e uso oportunista das cavidades por parte dos neandertais moi diferente ao que se ten constatado noutras covas, como pode ser Cova Eirós“, engade De Lombera.

As datacións realizadas polos investigadores estiman que os restos teñen uns 110.000 anos. “O clima era interglaciar, semellante ao de agora. Non hai elementos de fauna propia de climas fríos (renos ou rinocerontes laúdos) que si se atopan noutras etapas; había cursos permanentes de auga preto do lugar, bosques e tamén zonas abertas, o que se deduce da presenza de cabalos entre os fósiles”, explica o arqueólogo da USC.

Unha rareza en Galicia

A natureza da maior parte dos solos galegos, que adoitan ser ácidos, dificulta a conservación de restos orgánicos. Porén, a zona oriental, como é o caso da montaña lucense, onde se atopa Valdavara, cun substrato calcario, preserva mellor os fósiles e ósos. “O habitual é atopar só ferramentas líticas”, xa que os materiais orgánicos non se conservan en cronoloxías tan longas”, expón Arturo de Lombera. Deste xeito, atopar un rexistro fósil tan numeroso e variado supón un gran avance para coñecer a Prehistoria desta rexión.

Os traballos que permitiron o achado dos restos leváronse a cabo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Concello de Becerreá e Canteiras do Penedo. Enmárcanse no proxecto Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na conca media do Miño que, desenvolvido conxuntamente polo GEPN-AAT e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES). O proxecto está dirixido polo profesor da Universidade de Santiago Ramón Fábregas.

No estudo de Valdavara 3, ademais de Arturo de Lombera, participaron tamén Irene Valverde e Alicia Ameijende, científicas da USC.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.