Está contaminada por nitratos a auga do teu concello? Consúltao neste mapa interactivo

Unha ferramenta de Greenpeace amosa os niveis destas substancias derivadas do nitróxeno e sinala focos críticos en Ourense

Galicia é coñecida por unha ampla actividade agrícola e gandeira. Aí é cando entran en xogo os nitratos, o resultado natural da fixación de nitróxeno atmosférico e a descomposición de materia orgánica. A pesar de que está presente en augas superficiais e subterráneas de forma natural, as actividades humanas poden elevar as súas concentracións, con efectos negativos para a saúde. Para concienciar, a plataforma Greenpeace publica un mapa interactivo para coñecer se a auga de consumo de cada concello español presenta estas substancias, con niveis recomendados pola ciencia de seis miligramos por litro (mg/l).

A ferramenta emprega datos da última información publicada polo Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC) do Ministerio de Sanidade. Aínda que o límite legal actual de nitratos posiciónase en 50 mg/l, os científicos recomendan reducir este límite en nove veces. 

Publicidade

O mapa establece puntos de cinco cores, cada un deles simbolizando a cantidade de nitratos atopada nas augas. En Galicia domina o verde, é dicir, aqueles lugares que están baixo o nivel máximo recomendado de 6 mg/l. Sobre todo, esta condición concéntrase no interior de Lugo e gran parte de Pontevedra. Mentres, en azul, descrito en Meaño (Pontevedra) ou Coristanco (A Coruña), son concellos que non miden estas substancias ou que non reportan os resultados. Pero os rexistros máis preocupantes rexístranse en Ourense.

Onde están os niveis máis altos?

En Galicia obsérvanse seis puntos vermellos e dous negros, a maioría concentrados na provincia de Ourense. Isto pode ser consecuencia da alta actividade agraria e gandeira da zona, xa que o uso masivo de fertilizantes sintéticos e as dexeccións dos animais explotados nas macrogranxas poden derivar estas substancias nas augas. Así mesmo, dende Europa sinalan que o 81% da aportación do nitróxeno agrícola aos sistemas acuáticos provén directa ou indirectamente da gandería. 

Publicidade

As dúas áreas máis preocupantes son as sinaladas en negro, pois superan os 50 mg/l: Trasmiras (Ourense), que recolle 62 miligramos, e Láncara (Lugo), que rexistra 50. En vermello localízanse as que recollen entre 30 e 50 mg/l, o que se considera un punto crítico na lexislación vixente. Este é o caso dos Blancos, Monterrei, Sandiás, Sarreaus e Maceda en Ourense, e Bergondo na Coruña. 

Tamén existe unha dispersión notable de puntos laranxas ao longo da franxa das Rías Altas e nos arredores de Santiago de Compostela, o que significa que son zonas dentro dos 6 e 30 mg/l. 

Como afecta á saúde?

Segundo a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), os nitratos atópanse principalmente no consumo de verduras e hortalizas e, en menor medida, na auga. Son os cultivos de folla, como as leitugas ou as espinacas, os que presentan as maiores concentracións de nitratos. 

A pesar de que en si mesmo é considerado relativamente pouco tóxico, a súa toxicidade vén determinada pola súa conversión a nitrito. Pode transformarse por diferentes vías, como a redución bacteriana nos alimentos e no organismo —na saliva e no tracto gastrointestinal—. Mentres, os nitritos en sangue oxidan o ferro da hemoglobina, o que produce metahemoglobinemia, un trastorno que dificulta o transporte de osíxeno aos tecidos. Esta condición é frecuente en bebés, coñecida como a Síndrome do bebé azul. 

Un estudo de 2021 tamén relaciona o consumo destas substancias á aparición de cancro gástrico, linfoma de Hodgkin e cancro colorrectal, o cancro con maior incidencia en España. Os estudos aínda non son concluíntes, pero a existencia de ferramentas como esta axudan á prevención da cidadanía. 


Podes consultar o mapa dos nitratos de Greenpeace na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua