Os casos de tuberculose descenderon case un 50% en Galicia dende 2015

Un informe da Consellería de Sanidade indica que a enfermidade comezou a descender "de forma progresiva e constante" a partir de 1996

Os casos de tuberculose en Galicia descenderon case un 50% dende 2015. A Consellería de Sanidade informou sobre a incidencia desta doenza na comunidade, que dende 1996 xa diminuíu nun 84,6%, momento no que se puxo en marcha o Programa galego de prevención e control desta enfermidade.  

Segundo os datos do informe publicado pola Consellería de Sanidade, que abrangue a evolución desta doenza no período de 1996-2023, a incidencia da tuberculose en Galicia descendeu “de forma progresiva e constante, pasando dos 71,8 aos 11,2 casos por 100.000 habitantes”. Así, rexistrou unha diminución por termo medio anual do 6,6%. O número de novos casos de tuberculose pasou dos 1.963 a 302 en 2023, o que representa un descenso do 84,6% de casos.  

Publicidade

En 2023, e respecto de 2015, o número de casos de tuberculose descendeu un 48,3%. Rexistrouse unha diminución por termo medio anual da incidencia do 7,7%, do 7,2% da tuberculose pulmonar e do 6,7% da tuberculose pulmonar bacilífera —a forma máis contaxiosa—. A tendencia decrecente mantívose en 2023, a diferenza doutras comunidades autónomas que presentaron pequenas repuntas.

Outro dato que cómpre destacar referido ao ano 2023 é que o 60,9% dos casos de tuberculose se presentaron en homes. Por grupos de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos. Ademais, o 6,6% dos casos foron diagnosticados en menores de 15 anos e a localización máis frecuente foi a pulmonar (66,9%), dos cales o 44,1% foron casos bacilíferos (contaxiosos). O 71,9% dos casos rexistrados presentaron factores de risco, e o principal é o tabaquismo (24,2%).

Publicidade

Tuberculose resistente a fármacos

O informe da tuberculose do ano 2023 refire que Galicia ten un nivel de resistencias baixo, e só o 19,2% dos casos presentaban algunha resistencia aos principais fármacos antituberculosos. Diagnosticáronse dous casos de tuberculose multirresistente, a forma máis grave de enfermidade.

Desde o ano 2020 Galicia ten implantado o novo réxime terapéutico, máis curto, co fin de mellorar a eficacia do tratamento das formas multirresistentes da enfermidade.

O documento abordado polo Executivo galego tamén constata a curación do 92,7% dos casos que iniciaron tratamento no ano 2022. Recibiron unha terapia rigorosamente supervisada polos equipos das unidades de tuberculose o 68,1% e faleceron por mor desta enfermidade o 1,4% dos casos deste ano.

Por outra banda, e no marco do programa estudáronse 1.998 contactos de enfermos de tuberculose pulmonar, dos cales 25 (1,3%) xa estaban enfermos e 543 (27,2%) infectados no momento do estudo. Dos tratamentos de infección tuberculosa iniciados no ano 2022 nestas persoas, finalizárono correctamente o 94,4% e ascendeu ao 97,9% no relativo á idade pediátrica.

Así mesmo, realizáronse 3.914 estudos para descartar infección tuberculosa en persoas e colectivos de especial vulnerabilidade, dos cales 915 (23,4%) resultaron estar infectados. Dos tratamentos pautados no ano 2022 nestes grupos, completouno satisfactoriamente o 86,1% dos casos.

Conclusións do informe

De acordo cos datos presentados, existe unha tendencia descendente da incidencia dos casos da enfermidade en Galicia e nun novo perfil de paciente coa presentación dos casos en idades máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo aquelas que afectan o sistema inmunitario.

Outros indicadores do bo control da tuberculose na nosa comunidade é a baixa porcentaxe de tuberculose multirresistente aos fármacos antituberculosos, así como o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados, tanto na sensible como na resistente, ao que contribúe que máis de dous terzos dos casos tiveran un tratamento baixo réxime supervisado.

Xunto co anterior, dáse a circunstancia da pouca relevancia que ten a infección polo VIH e a tuberculose en persoas procedentes de países de alta endemia no conxunto da enfermidade en Galicia.

No marco da Estratexia Fin da Tuberculose da Organización Mundial da Saúde, Galicia está a avaliar todos os obxectivos e a revisar as estratexias implantadas por se é necesario reformular algunha delas para acadar unha incidencia de arredor de 10 casos por 100.000 habitantes nos próximos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia