Así se cultiva o futuro: sostibilidade e tecnoloxía alimentaria en Net4Food

O uso de microorganismos ou o control do ecosistema de plantación son algunhas das bases que revolucionan os produtos que inxerimos

Pão de Gimonde leva producindo pan a través de técnicas tradicionais desde 1960. E malia que é unha marca de recoñecemento internacional, non deixan de buscar oportunidades para aproveitar e desenvolver novos produtos. Algo similar ocorre con Cuevas e Cía, recoñecida por produtos como o marrón glacé desde 1867 e que exporta alimentos a máis de 30 países. Por iso, estar na rede Net4Food é unha oportunidade para estar presentes nas últimas innovacións feitas tanto desde o norte de Portugal como en Galicia. A rede é un punto de conexión para empresas que están a realizar transformacións que non só son positivas para o tecido produtivo, senón que poden ser claves para novos produtos de maior calidade e máis sostibles.

A rede Net4Food sostén algúns dos produtos innovadores máis rechamantes do sector agroalimentario. Un exemplo é o uso de microorganismos para procurar solucións enolóxicas e tamén alimentarias innovadoras. Un asunto no que se centra a compañía Proenol e que o que busca é permitir unha vinificación máis eficiente e cun control mellorado dos custos. Concretamente, conseguiron desenvolver un método para producir e extraer proteínas de lévedo con utilidade tanto no sector vitivinícola como no alimentario. Isto permite crear numerosos produtos veganos, cun alto contido proteico e mantendo un perfil sensorial neutro.

Publicidade

Innovacións rendibles

Outros proxectos tamén buscan traballar en fórmulas para mellorar a eficiencia das granxas. É o caso, por exemplo, dos modelos verticais creados xunto coa posibilidade de controlar os parámetros que inflúen no crecemento da planta. O deseño creado por Néboda Farms regula o ecosistema a través da temperatura, a iluminación, o rego, os nutrientes que reciben e o dióxido de carbono. A través destes puntos son capaces de maximizar a eficiencia e a calidade destes produtos.

A compañía conseguiu a través destes sistemas cultivar, por exemplo, alfábegas e verduras de folla verde cunha durabilidade moito maior. E todo, sen pesticidas, sen herbicidas e utilizando un 90% menos de auga. É algo pensado para a produción de ensaladas a través dun sistema automatizado, sostible e eficiente enerxeticamente. Buscar novos métodos produtivos e explorar novas fórmulas é algo que tamén fan desde a Casa Mendes Gonçalves, a través do grupo Centre of the Future que explora novas tendencias de mercado e o desenvolvemento de novos produtos.

Publicidade

Unidos polo coñecemento

Todos estes sistemas están conectados coa industria de diversas formas. Un dos pesos pesados da rede é o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), líder no sector en Galicia e que representa a máis de 200 entidades do sector.

Como nexo tamén actúa, en xeral, a rede Net4Food que permite mellorar a transferencia de coñecemento. Porque as investigacións que realizan os equipos de I+D, pero tamén desde universidades, agora están conectados de tal forma que favorecen ás industrias locais. O pasado 27, 28 e 29 de outubro reuníronse en Bragança para potenciar estas sinerxías, e ante o plan de seguir impulsando o sector ata despois de finalizado o proxecto. Porque, posteriormente, darase paso á creación do Iberian FoodTec Lab, un mecanismo máis para que todo o coñecemento xerado a través da investigación actual siga vivo.

E é que, en ocasións a investigación pode perderse se non se traduce en cambios nos modelos produtivos ou en innovacións en empresas. Especialmente, porque é un sector con moitas empresas pequenas ou medianas (pemes) que non teñen capacidade como para desenvolver as súas propias innovacións. Por iso, conseguir que o coñecemento se traslade ata estes actores do sector agroalimentario é un obxectivo para o futuro que Net4Food pretende conquistar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ciencia e cooperación para unha alimentación sostible: os resultados de Net4Food

A rede de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal continuará a través do Iberian Food Lab
00:08:53

Net4Food, a alianza que conecta a innovación alimentaria de Galicia e Portugal

A I International FoodTec Conference é un paso máis para mellorar a transferencia de coñecemento entre grupos de investigación e entidades produtoras