A sede de Afundación en Vigo albergou este martes a entrega dos premios correspondentes á VI edición dos Zendal International Awards, á que concorreron un total de 170 candidaturas, procedentes de ata 8 países. O acto presidido polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez e o CEO da biotecnolóxica, Andrés Fernández, tivo como protagonistas aos premiados desta convocatoria. Un proxecto sobre cancro de mama tripla negativo e unha investigación sobre o desenvolvemento dunha vacina fronte á febre do Val do Rift foron os gañadores da VI edición dos Premios Zendal.

Na categoría de saúde humana, o galardón recaeu no grupo CellCOM do CINBIO (Universidade de Vigo), liderado por María Mayán, por un traballo centrado no cancro de mama tripla negativo, unha das variantes máis agresivas desta enfermidade e con escasas opcións terapéuticas na actualidade.
En saúde animal, o premio foi para Alejandro Brun, investigador do Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA–INIA), polo desenvolvemento dunha vacina fronte á febre do Val do Rift, unha enfermidade zoonótica emerxente con alto impacto na sanidade animal e a saúde pública.
Homenaxe á doutora Ana Fernández-Sesma
Un dos momentos máis emotivos da gala foi a homenaxe á doutora Ana Fernández-Sesma, directora do Departamento de Microbioloxía da Facultade de Medicina Icahn do Hospital Mount Sinai de Nova York, recoñecida pola súa traxectoria científica internacional no campo da viroloxía e inmunoloxía. Fernández-Sesma expresou o seu agradecemento por un recoñecemento “que me ilusiona porque distingue non só o meu traballo, senón o esforzo colectivo do meu equipo e dos moitos colaboradores, en España e fóra dela, que fan posibles os nosos avances científicos.”
Tal e como destacou Andrés Fernández, CEO do grupo Zendal, “A ciencia non só descobre, senón que anticipa, protexe e mellora a vida. Desde Zendal é a nosa querenza e o noso compromiso poñer rostro a quen investiga, a quen innova, a quen abre camiños desde o laboratorio á clínica, aos hospitais, ás granxas e tamén ao campo porque no noso mundo global, a conectividade non é só dixital”.
Proxectos gañadores
Pola súa banda, a impulsora do proxecto gañador na categoría de saúde humana, María Mayán do CINBIO explicou que o seu grupo de investigación desenvolveu unha terapia innovadora baseada en ARNm, protexida por tres patentes internacionais, para mellorar o tratamento do cancro de mama tripla negativo, un subtipo agresivo con poucas opcións terapéuticas. “Logramos un avance esperanzador; esta tecnoloxía tamén podería aplicarse noutros tumores como melanoma, cancro de ovario, páncreas e certos subtipos de cancro de mama”.

A procura dunha vacina que permita o control dunha enfermidade emerxente que é zoonótica (que se transmite de animais a humanos), transmitida por un mosquito é o obxectivo do proxecto galardoado na categoría de saúde animal. Dirixido a lograr unha vacina personalizada para a enfermidade do Val do Rift que arrasa algúns países de África Occidental e oriental se basea en utilizar os datos xenéticos das especies de carrachas que hai en Uganda -uno dos países máis afectados por elas- e tamén dos hóspedes sobre os que se alimentan. Unha iniciativa, explica o seu impulsor Alejandro Brun, na que se utiliza “unha tecnoloxía innovadora denominada vacunoloxía cuántica que permite identificar os antíxenos e os epítopos protectores neses antíxenos para combinalos e dese xeito mellorar aínda máis a eficacia da vacina”.
Unha gala con expertos de prestixio
Pola súa banda, a cerimonia de entrega foi tamén o escenario para reivindicar a importancia de seguir investigando sobre as ameazas de saúde global con tres relatores de excepción que ofreceron unha mirada complementaria sobre os grandes retos da saúde actual.
O doutor Juan José Badiola, referente en sanidade animal e enfermidades emerxentes, abordou a importancia da prevención e a vixilancia epidemiolóxica. O profesor César de la Fuente, investigador galego e líder mundial en biotecnoloxía e intelixencia artificial aplicada á resistencia antimicrobiana, destacou o papel da innovación como motor de cambio. E Suzanne Kerba, asesora da OMS en comunicación e saúde pública, reflexionou sobre a confianza como ferramenta esencial para fortalecer a cooperación entre a saúde humana, animal e ambiental.













