O grupo biofarmacéutico Zendal dá a coñecer a composición do xurado dos VI International Zendal Awards, que nesta edición volve contar con dúas categorías: saúde humana e saúde animal. O comité científico está formado por profesionais de recoñecido prestixio nacional e internacional en ambas as áreas, con traxectorias consolidadas en investigación, sanidade, biotecnoloxía, saúde pública e xestión empresarial.
Os premios Zendal recoñecen a excelencia en investigación e innovación no campo da saúde, cun enfoque claro na prevención, as vacinas e o concepto One Health. Nesta sexta edición, a dotación económica ascende a 40.000 euros para a categoría de saúde humana e 25.000 euros para a de saúde animal.
Un xurado de alto nivel
No ámbito de saúde animal, o xurado que avaliará as candidaturas presentadas está integrado por: Juan José Badiola Díez, catedrático de Sanidade Animal e director do Centro de Encefalopatías e Enfermidades Transmisibles Emerxentes da Universidade de Zaragoza; María Jaureguízar Redondo, directora xerente da Fundación Vet+i – Plataforma Tecnolóxica Española de Sanidade Animal; Juan Carlos Castillejo, asesor senior especializado en saúde animal; Francisco A. Rojo Vázquez, catedrático da Facultade de Veterinaria da Universidade de León e tesoureiro da Academia de Ciencias Veterinarias de Castela e León e, en representación do grupo Zendal, o seu CEO Andrés Fernández Álvarez-Santullano.
Pola súa banda, o comité avaliador da categoría de saúde humana estará composto por: Carlos Martín Montañés, catedrático de Microbiología, Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Zaragoza; Miguel Ángel Llamas, doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular, CEO da empresa Empireo especializada en diagnóstico molecular; María Vallet-Rexín, investigadora, catedrática de Química Inorgánica e directora do Departamento de Química Inorgánica e Bioinorgánica da Facultade de Farmacia da Universidade Complutense de Madrid; Pilar Domingo-Calap, profesora e xefa de grupo no Instituto de Bioloxía Integrativa de Sistemas (I2SysBio, Universitat de València-CSIC), e directora científica da spin-off Evolving Therapeutics SL e Mª Eugenia Puentes Colorado, académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e, por parte de Zendal, a súa CEO Andrés Fernández Álvarez-Santullano.
International Zendal Awards
Os galardóns anuais organizados polo grupo biofarmacéutico naceron en 2019 co obxectivo de impulsar, visibilizar, promocionar e recoñecer novos proxectos de investigación no ámbito da saúde humana e animal. Ano tras ano, o número de candidaturas e proxectos foi crecendo paulatinamente, o que mostra a calidade científica dos diferentes grupos de investigación existentes tanto a nivel nacional como internacional.
Estes recoñecementos están abertos a institucións e equipos de traballo, tanto públicos como privados. Para a súa concesión, valoraranse especialmente aquelas candidaturas que realizasen achegas relevantes en investigación, biotecnoloxía e saúde con solucións innovadoras e con capacidade transformadora. Ademais, a fin de garantir unha elección nos termos máis obxectivos posibles, teranse en conta factores como a viabilidade do proxecto, a súa aplicabilidade, e a súa contribución á mellora da vida en termos de progreso e benestar.
As candidaturas poderanse presentar ata o próximo 19 de setembro a través da páxina web do Zendal: www.zendal.com.
Zendal é un grupo biotecnolóxico enfocado na investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas humanas e animais e outros produtos farmacéuticos de alto valor engadido para o ámbito da saúde. Conta con tres centros de I+D e diversas plantas de produción biofarmacéutica nos seus laboratorios do Porriño, León, Barcelona e Paredes de Coura (Portugal).














