Que é a ciguatera? Historia das toxinas que viaxaron dende o Caribe até Europa

Persoal investigador do CINBIO identifica por primeira vez ás causantes dunha intoxicación alimentaria nas Illas Canarias e Madeira

O xenio máis brillante da historia non se agocha tras a mente humana: a natureza sempre vai mil pasos por diante no que se refire á creatividade. A biodiversidade do noso planeta non só é incrible, senón extremadamente intelixente e capaz de adaptarse a circunstancias moi diferentes. Só temos que pensar nas plantas e na súa habilidade para desenvolver barreiras e defensas fronte os seus depredadores tendo en conta a súa principal desvantaxe: que non se poden desprazar. Xa se sabe: cando a vida da limóns…

Por iso, tanto plantas como algas teñen a capacidade de producir biotoxinas como método disuasorio para non seren atacadas por outros organismos. Porén, dita capacidade de plantas e algas xoga na nosa contra: os seres humanos, situados no alto da cadea trófica, estamos expostos ás biotoxinas ao alimentarnos doutros animais, como os peixes, que basean a súa dieta nas algas. Os peixes poden metabolizar ditas toxinas mais nós non, e como resultado do seu consumo podemos sufrir unha intoxicación alimentaria

Publicidade

Neste eido traballa o grupo de investigación en Innovación en Agroalimentación e Saúde (CI8) do CINBIO, centro que pertence á rede de excelencia científica CIGUS potenciada pola Xunta de Galicia. Segundo explica Ana María Gago Martínez, investigadora principal do grupo e durante 12 anos directora do Laboratorio de Referencia de Biotoxinas Mariñas da UE, o seu principal traballo é identificar a través de métodos analíticos a existencia destas toxinas en mostras de peixe. Hai uns anos, recibiron un encargo da EFSA, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria: ditaminar se a ciguatera, a intoxicación producida polas ciguatoxinas dun alga tropical, pode converterse nun risco para a saúde alimentaria en Europa. Esta é a historia da viaxe dunhas toxinas polo Atlántico, da súa chegada a Europa e das súas implicacións nas nosas vidas. 

Unha sintomatoloxía variada 

As ciguatoxinas teñen o seu orixe nas microalgas do xénero Gambierdiscus, pequenos dinoflaxelados que adoitan atoparse preto dos arrecifes de coral de rexións do Caribe e do Pacífico. Como remata, entón, afectando ao corpo humano? A resposta é sinxela: os peixes máis pequenos aliméntanse destes dinoflaxelados; despois, son inxeridos por peixes máis grandes, e de aí, ao noso prato

Publicidade

Ademais, existe unha diferenza entre as ciguatoxinas e outros tipos de toxinas naturais presentes nos mares e océanos, explica Gago Martínez: “O que vemos neste caso é que tanto os peixes como a propia alga son migratorios e a súa produción e contaminación non se debe a unha proliferación masiva de microorganismos fitoplanctónicos, tal e como ocorre con outros riscos producidos por algas tóxicas (HAB)”. Deste xeito, a investigadora refírese ás vulgarmente denominadas “mareas vermellas”. As ciguatoxinas, por tanto, teñen unha capacidade maior para desprazarse, ben sexa por si mesmas ou a través de peixes que se alimentan delas sen verse afectados pola inxesta de ditas toxinas, ao contrario do que acontece no ser humano, que si presenta unha serie de síntomas gastrointestinais, neurolóxicos e cardiovasculares

Segundo explica a investigadora do CINBIO, un dos seus efectos neurolóxicos máis característicos é a sensación de inversión térmica (unha baixada da temperatura corporal). Porén, malia a severidade dos síntomas de intoxicación por ciguatera, non adoita producir a morte.

O comezo da viaxe

A procura da ciguatoxina en Europa comezaría, segundo a investigadora do CINBIO, na contorna das Illas Canarias e Madeira, ao ser as zonas de Europa cun clima e unhas condicións subtropicais: “As ciguatoxinas teñen a súa orixe nas augas cálidas de zonas tropicais do Caribe e do Pacífico e ata do Índico, e dependendo da súa procedencia as estruturas químicas e toxicolóxicas son diferentes”. Os estudos levados a cabo inicialmente sinalan que a toxicidade das ciguatoxinas do Pácifico é máis elevada que a das ciguatoxinas do Caribe, sinala Gago Martínez. 

Identificar a orixe era, por tanto, vital para entender o risco ao cal se podería enfrontar a Unión Europea, e dita caracterización pasa polo emprego de metodoloxías analíticas como a espectrometría de masas, unha técnica que permite a identificación das toxinas. O grupo de CINBIO é responsable de caracterizar por primeira vez en Europa, en concreto nos peixes das Illas Canarias e de Madeira, ciguatoxinas do Caribe. Ditos resultados foron publicados na revista académica Toxins.

Un traballo complexo e a ausencia de mostras

Con todo, o equipo investigador do grupo de Innovación en Agroalimentación e Saúde tiña que facer fronte a un reto maiúsculo para o seu traballo… a ausencia de mostras con elevadas concentracións de toxinas: “O problema que temos con este tipo de toxinas emerxentes é que non hai materiais de referencia ou patróns comercialmente dispoñibles para poder desenvolver estas metodoloxías analíticas, polo que a produción de materiais de referencia a partir de mostras contaminadas é unha etapa crítica para o noso traballo”.

Así, segundo conta a científica do CINBIO, dita ausencia dificulta o illamento e purificación das toxinas para poder caracterizar a súa estrutura e as súas propiedades químicas e toxicolóxicas. Isto, ademais, supón un obstáculo nos avances para a diagnose e o tratamento da intoxicación por ciguatoxinas: “Ao non dispoñer dunha alta cantidade de toxinas nas mostras contaminadas non podemos observar os efectos toxicolóxicos en animais de experimentación, ou a inflluencia de posibles tratamentos para facer fronte aos síntomas da intoxicación”. 

Unha ameaza real para Europa?

Atopámonos nun contexto de cambio, tanto no que se refire ao noso clima como á nosa dieta. Por iso, as biotoxinas mariñas son unha problemática a ter en conta para os cidadáns europeos: non só porque o aumento das temperaturas pode axudar a desprazar aos organismos dinoflaxelados cara latitudes máis ao norte, senón que ademais as novas alternativas alimenticias baseadas no consumo de algas deben seguir unha análise rigorosa e baseada na evidencia científica. Sobre isto último, a investigadora lembra casos de intoxicación por cianobacterias en suplementos alimenticios de algas que poden producir distintos tipos de biotoxinas, entre as que se atopan as coñecidas como toxinas paralizantes

Con todo, Gago Martínez subliña a necesidade de cautela na poboación. A un ano de que remate o seu proxecto para a EFSA, as conclusións do seu traballo reflicten que o persoal investigador do CINBIO non atopou unha elevada concentración de toxinas nos peixes que analizaron tanto nas Illas Canarias como en Madeira: “Temos a metodoloxía posta a punto para a análise de ciguatoxinas cunha elevada sensibilidade e, aínda así, temos que afondar nos estudos toxicolóxicos para establecer os niveis reguladores adecuados co obxectivo de protexer a saúde do consumidor”. Doutra banda, engade, a análise de mostras de sangue e urina en seres humanos afectados por esta intoxicación permitirían avanzar no coñecemento da metabolización do tóxico, contribuíndo así dun xeito importante ao establecemento de ditos límites reguladores. 

Ciguatera… en Galicia? 

Non se pode obviar a perigosidade das intoxicacións alimentarias nun mundo global, onde o comercio marítimo, o cambio climático e a mestura de alimentos doutros países coa cociña tradicional de cada rexión achegan realidades alleas ás nosas costas. Porén, en Galicia contamos cunhas barreiras de protección importantes, e a primeira podémola atopar na temperatura da auga: “Podería supoñer un problema para Canarias, por exemplo, ou para o Mediterráneo, onde a localización xeográfica e as condicións climáticas poden favorecer a supervivencia de Gambierdiscus, mais en Galicia a temperatura das augas non axuda ás especies tropicais ou do Caribe”. Doutra banda, sinala Gago Martínez, temos a sorte de contar cunha biodiversidade no leito mariño moi grande, o cal dificulta a aparición de especies invasoras. Aínda así, existe certo risco de exposición, tendo en conta a posibilidade de consumir peixes importantes de zonas endémicas do Caribe ou do Pacífico. 

Sobre o futuro, a científica do CINBIO insiste na necesidade dunha maior investigación sobre a metabolización das ciguatoxinas: “No momento no que identifiquemos cales son os produtos da metabolización destas toxinas en seres humanos poderemos dirixir os estudos á súa diagnose e tratamento, mais isto segue a ser unha materia pendente”.


Referencia: First Detection of Algal Caribbean Ciguatoxin in Amberjack Causing Ciguatera Poisoning in the Canary Islands (Spain) (Publicado en Toxins)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia